Xoves 18 Abril 2024

Un método da UVigo permite predicir o risco de caídas en persoas maiores

Estímase que entre o 30% e o 40% das persoas maiores de 65 anos sufrirán, cando menos, unha caída ao ano, o que fai da prevención das caídas “unha cuestión de saúde pública”, como apunta a investigadora Raquel Leirós, que na súa tese de doutoramento desenvolveu un método de valoración do equilibrio en persoas maiores que permitiría “identificar prematuramente” aqueles casos nos que existe un maior risco de sufrir unha caída, así como determinadas “patoloxías neurodexenerativas nas súas etapas iniciais”.

O método permitirá “identificar prematuramente” os casos de maior risco

Baseado no uso dun acelerómetro, un dispositivo que mide as aceleracións do centro de gravidade do corpo, este método cuantitativo de valoración do equilibrio estático susténtase na realización de tres probas e na medición de 11 ítems, o que o fai “fácil de aplicar e analizar”. O propósito é que, combinado cunha proba de marcha, permita xerar uns “parámetros espazo-temporais” cos que “detectar precozmente alteracións da marcha na contorna clínica e ambulatoria”, o que axudaría á detección de persoas con risco de caída e a súa “introdución en programas dirixidos á recuperación das habilidades relacionadas co equilibrio e control postural”.

Publicidade

A través da súa colocación na zona lumbar baixa, no centro de gravidade do corpo, os acelerómetros permiten medir os cambios de velocidade que se producen nas tres dimensións do espazo e que, cando son elevados, supoñen na práctica “movementos bruscos e pouco harmónicos, o que durante o envellecemento ou ante determinadas patoloxías”, resultan indicativos “de que se está a perder o control postural”, explica Leirós. Non obstante, a pesares de que as medicións con este tipo de dispositivos permiten realizar unha análise do equilibrio estático “sen necesidade dun grande investimento económico” non existían estudos que apoiasen “a validez dos protocolos baseados na acelerometría” e que polo tanto permitisen establecer un “limiar cuantitativo que nos indica que a persoa está realizando movementos a aceleracións demasiado elevadas”.

Raquel Leirós, xunto ao director da súa tese, José Luis García Soidán. Foto: Duvi.
Raquel Leirós, xunto ao director da súa tese, José Luis García Soidán. Foto: Duvi.

De aí que definir un método de valoración, aplicable a mulleres adultas e maiores, nas que as caídas teñen unha maior incidencia, fose o propósito central da tese Desarrollo de un nuevo método cuantitativo de valoración del equilibrio mediante acelerometría que Leirós desenvolveu baixo a dirección dos profesores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Vicente Romo e José Luis García Soidán, e que se viu precedida da presentación dalgúns dos seus resultados en revistas científicas e congresos internacionais.

Co propósito de desenvolver esta ferramenta capaz de detectar o “estado do equilibrio estático” dun xeito rápido e sinxelo, Leirós realizou para a súa tese catro estudos descritivos transversais, para os que contou coa particupación dun total de 174 mulleres de entre 45 e 85 anos. O primeiro deles, dirixido a definir o punto máis apropiado para a colocación dos acelerómetros na rexión lumbar baixa, así como do tempo necesario para obter un rexistro fiable nas probas de equilibrio estático.

Así mesmo, Leirós comparou os resultados obtidos polo acelerómetro nunha proba de marcha cos obtidos en “probas clínicas de equilibrio”, como sentarse e levantarse dunha cadeira ou camiñar unha serie de metros. “Obtivemos que as probas de uso habitual na práctica clínica obteñen valores moi similares en mulleres sas de diferentes idades”, mentres que os acelerómetros “si foron capaces de detectar que, coa idade, os movementos ao camiñar non son exactamente iguais”, explica esta investigadora e titulada pola Facultade de Fisioterapia. Eses datos obtidos na proba de marcha comparáronse á súa vez, nun terceiro estudo, con valores de composición corporal, como a cantidade de masa muscular e masa graxa, para constatar que, ademais de que os movementos “van desacelerándose conforme aumenta a idade”, as mulleres maiores de 70 cunha “porcentaxe de graxa excesiva no corpo e especialmente nas pernas” presentaban un peor control do movemento.

A partires de aí, a investigación completouse cunha serie de probas para definir “a combinación máis adecuada do menor número de probas que permita cuantificar o equilibrio” e que deron lugar a unha serie de exercicios de mantemento do equilibrio estático apoiándose nun só pé, dúas sobre chan, cos ollos abertos e pechados e unha terceira sobre unha superficie acolchada. Destas tres probas, explica Leirós, deben extraerse os “valores acelerométricos máximo e promedio” nos tres eixos, algo que, como explica, podería facerse de xeito automático nunha folla de cálculo, e combinalos a súa vez coa realización dunha proba de marcha de 20 metros para obter a información necesaria do maior ou menor risco de sufrir unha caída.

As caídas, un aviso de doenzas neurodexenerativas?

Por outra banda, máis aló dos problemas de equilibrio, nos que se centrou esta investigación, este método de valoración do equilibrio podería ser tamén de “grande interese” para a detección precoz de enfermidades como o Alzheimer, o Parkinson ou a Corea de Huntington, como recoñece Leirós. Non en van, engade a investigadora, trátase de patoloxías que “teñen, entre outros síntomas, a perda do control dos movementos e o deterioro do equilibrio”, que, no caso do Párkinson, lembra, aparecen antes que os característicos tremores.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Prevén o leite a deterioración cognitiva? Isto é o que suxire un novo estudo

Un ensaio en maiores de 65 anos identifica un compoñente da graxa láctea que podería ralentizar a perda de memoria asociada á idade

Un programa piloto busca solucións contra a soidade non desexada

Un convenio entre a Universidade de Vigo, a Área Sanitaria e a Sociedade Galega de Xeriatría impulsa a prevención deste problema cun gran impacto na saúde

Científicos galegos buscan biomarcadores para a detección precoz do párkinson

Un foro reúne en Santiago a centros de investigación e asociacións para abordar os avances no estudo das enfermidades neurodexenerativas

Oito consellos para sentar ben na oficina e non danar o lombo no intento

O sedentarismo e as malas posturas adoptadas durante a xornada laboral poden ter efectos negativos na saúde e o benestar dos traballadores