Xoves 28 Marzo 2024

O proxecto de rexeneración medular da USC supera o obxectivo e reúne 11.640 euros

Despois de tres meses de campaña, o equipo de Bioloxía Funcional da USC superou o seu obxectivo. A través do portal Precipita, que promove a Fecyt, pedían un mínimo de 2.000 euros e un máximo de 10.000 para desenvolver fármacos que poderían axudar á rexeneración axonal despois de lesións medulares. Finalmente, superaron as súas expectativas e recibiron un total de 11.640 euros. Para probar a efectividade dos medicamentos, empregarán peixes cebra.

“Se co noso proxecto conseguimos atopar un fármaco que promova a rexeneración axonal no peixe cebra, no futuro tentaremos trasladar estes resultados á recuperación dos pacientes con dano medular”, explica Antón Barreiro, codirecto do grupo xunto a María Celina Rodicio. Grazas ás aportacións da campaña, poderán mercar os anticorpos necesarios para visualizar a neurona de estudo, ademais dunha libraría de máis de 1.200 fármacos para validar o modelo, segundo explican desde a USC.

Publicidade

A investigación podería axudar a 35.000 persoas afectadas por lesións medulares en toda España

O principal problema para afrontar as lesións medulares en humanos é que os axóns (as prolongacións das neuronas que transmiten impulsos nerviosos) de neuronas cerebrais que conectan a médula espinal non son capaces de se rexenerar despois das lesións, polo que non se restaura a comunicación coas súas neuronas diana. Isto ocasiona que arredor de 35.000 persoas en España non poidan recuperar a mobilidade despois das lesións, causadas na súa maior parte por accidentes de tráfico. Non en tanto, este problema non se produce nalgúns animais. Así, os científicos galegos intentarán progresar no estudo do peixe cebra, un animal do que se poden obter centos de larvas cada día. Ademais, ao ser transparente, é posible observar con maior facilidade se se produce a rexeneración.

Segundo algúns estudos realizados nos últimos anos, este peixe é capaz de recuperarse de forma espontánea tras unha lesión medular. Con todo, non todas as neuronas que contactan coa médula en condicións normais son capaces de rexenerar o seu axón, o que indica que existe algún factor intrínseco a determinadas neuronas que o impide”, explican os investigadores da USC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:05:02

Poñer a roupa ao clareo do Sol, funciona?

É unha técnica tradicional para branquear a roupa que seguimos empregando hoxe. A ciencia confirma a eficacia dos raios solares como o mellor desinfectante natural

Galicia notifica 10 mortes ao día por consumo de tabaco

A investigadora da USC Julia Rey Brandariz constata na súa tese que a comunidade galega é a duodécima que máis falecementos rexistra por esta substancia

O aire en Europa é o máis seco dos últimos 400 anos

Unha investigación demostra que, desde principios do século XXI, se está a producir un desecamento xeralizado debido á actividade humana

Identificada unha proteína esencial na regulación da obesidade

Un estudo do CSIC descobre que Dido1 ten unha función clave no desenvolvemento do tecido adiposo