Bacterias E. Coli, responsables de contaminacións alimentarias.

Bacterias E. Coli, responsables de contaminacións alimentarias.

Revelan a emerxencia de novas cepas patóxenas da bacteria E. Coli

Unha tese de Lugo advirte de novas variedades deste microbio patóxeno que xerou a crise alimentaria de Alemaña no 2011

O Laboratorio de Referencia de E. coli evidencia o potencial risco de emerxencia de novos patotipos de E.coli altamente virulentos e multirresistentes en alimentos, con posibilidades reais de transmisión a humanos, como sucedeu no brote de Alemaña, segundo conclúe a investigadora Alexandra Herrrero Estévez na tese de doutoramento ‘O papel dos alimentos na transmisión de Escherichia coli potencialmente patóxenas para o home: prevalencia e caracterización de cepas diarreaxénicas e produtoras de betalactamasas de Espectro Estendido (BLEE)’, dirixida por Jorge Blanco e Azucena Mora.

Azucena Mora, Alexandra Herrero e Jorge Blanco, na Facultade de Veterinaria.

Azucena Mora, Alexandra Herrero e Jorge Blanco, na Facultade de Veterinaria.

O brote do 2011 provocado polo  Escherichia coli enteroagregativo produtor de verotoxinas do serotipo O104:H4 en Alemaña marcou un antes e un despois na forma de entender e valorar as infeccións por  E. coli diarreaxénicos, xa que puxo en evidencia o risco de que outros patotipos e serotipos de puidesen emerxer como patóxenos importantes para os humanos no futuro. Ata esa data, a maioría dos estudos centrábanse exclusivamente no serotipo enterohemorráxico O157:H7 e na carne de vacún como principal fonte de transmisión. Hoxe en día é cada vez maior o interese no papel que xogan outros E. coli diarreaxénicos, principalmente os  E. coli verotoxigénicos  (ECVT) non O157:H7, nas infeccións de orixe alimentaria, incluíndo todo tipo de alimentos.

Debido á dificultade que supón a detección e illamento en alimentos de todos os patotipos de E. coli, son moi poucos os laboratorios a nivel mundial que realizan a súa investigación de xeito conxunto. Por outro lado, nos últimos anos produciuse un incremento significativo de cepas de  E. coli produtoras de beta lactamasas de espectro estendido (BLEE), debido fundamentalmente á rápida diseminación de cepas que sintetizan encimas da familia CTX-M, tanto no ambiente hospitalario coma na comunidade. De especial preocupación é a emerxencia a nivel mundial do grupo clonal O25b:H4-B2 (ST131) produtor de CTX-M-15 e outros tipos de encimas BLEE, posto que as cepas do devandito grupo clonal portan un enorme arsenal de xenes de virulencia e de resistencia a antibióticos.

A posibilidade de que a cadea alimentaria sexa un vehículo importante de transferencia de xenes de resistencia de cepas de orixe animal ó ser humano foi formulada por diferentes investigadores, aínda que, ata o momento, son poucos os estudos realizados en alimentos.

As novas cepas levan xenes de virulencia resistentes aos antibióticos

Daquela, a tese de doutoramento que vén de presentar Alexandra Herrero Estévez na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo investiga conxuntamente a presenza de cepas de  E. coli diarreaxénicas, do grupo clonal O25b:H4-B2 (ST131) e produtoras de BLEE en diferentes alimentos de orixe animal (carne de vacún, porcino e ave) e de orixe vexetal, co obxectivo de avaliar a súa calidade microbiolóxica, estudar a presenza destas cepas e as súas características, coñecer o papel dos alimentos na transmisión de cepas produtoras de BLEE e do grupo clonal O25b:H4-B2. A determinación do potencial de virulencia e grao de clonalidade das cepas illadas, comparándoas con cepas causantes de infeccións en seres humanos son outros dos cometidos desta investigación.

Os resultados indican que unha elevada porcentaxe das mostras de alimentos analizadas (17,5%) son positivas para o illamento de cepas que supoñen un risco potencial dende o punto de vista microbiolóxico para a saúde do consumidor. Polas prevalencias obtidas, confírmanse a carne de vacún e de porco como fonte de transmisión de ECVT. Ademais, os alimentos cárnicos  son potenciais transmisores de cepas de  E. coli produtoras de BLEE e do grupo clonal pandémico O25b:H4-B2 (ST131). Destaca polo seu especial risco a carne de ave, na que se detecta unha porcentaxe moi superior de cepas resistentes aos antibióticos produtoras de BLEE. A diferencia, a calidade microbiolóxica dos produtos agrícolas analizados foi excelente, detectándose a presenza de cepas patóxenas e resistentes aos antibióticos e moi poucos casos.

Portada do diario sensacionalista alemán Bild coa 'crise do pepino'.

Portada do diario sensacionalista alemán Bild coa ‘crise do pepino’.

As conclusión recollidas nesta tese de doutoramento desenvolvida no Laboratorio de Referencia de E.coli evidencian o potencial risco de emerxencia de novos patotipos de  E. coli en alimentos, tal e como sucedeu no brote de Alemaña, con posibilidades reais de transmisión ó home, sobre a base da coexistencia nun mesmo alimento de cepas de  E. coli pertencentes a diferentes patotipos. Estas cepas son portadoras dun variado repertorio de xenes de virulencia e de resistencias aos antibióticos, polo que presentan moitas semellanzas con cepas causantes de infeccións en  humanos.

Os resultados desta investigación chaman ao optimismo, en canto que se observa unha mellora en a calidade microbiolóxica dos alimentos en comparación cos estudos anteriores. Aínda así, os investigadores da Facultade de Veterinaria da USC avogan por continuar a facer estudos epidemiolóxicos de vixilancia para detectar e limitar os riscos.

A catedrática de Microbioloxía do Departamento de Bioloxía Funcional da Universidade de Oviedo, María del Rosario Rodicio Rodicio, presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada pola viguesa  Alexandra Herrero Estévez, quen completou os estudos de doutoramento no campus de Lugo logo de rematar a licenciatura en Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos.

José Antonio Orden Gutiérrez, da Facultade de Veterinaria da Universidade Complutense de Madrid; Fernando García Garrote, da Unidade de Microbioloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti; Carlos García Riestra, da Facultade de Medicina da USC, e Carlos Ferreirós Domínguez, da Facultade de Farmacia da USC completaron a composición do tribunal, que acordou por unanimidade outorgar a tese tese a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.