Martes 19 Marzo 2024

A principal causa de cancro é… o azar

O alcol, o tabaco, o sedentarismo, a mala alimentación, a contaminación… Moito se ten falado sobre os hábitos e os condicionantes ambientais que poderían influír na aparición do cancro. Son, sen dúbida, e segundo sosteñen infinidade de estudos, factores que poden determinar de xeito decisivo se unha persoa pode padecer esta enfermidade ao longo da súa vida. Non en tanto, unha nova investigación publicada en Science argumenta que a principal causa do cancro é – así de sinxelo –  o azar.

Os científicos Cristian Tomasetti e Bert Vogelstein, da universidade Johns Hopkins de Baltimore (EUA) acaban de publicar os resultados dunha profunda investigación, na que recabaron datos de decenas de países (Estados Unidos -onde comezou o estudo- e outros 68 máis) e con referencias de 4.800 millóns de personas.

Publicidade

Conclúen, tras analizar a secuenciación do xenoma e os datos de 32 tipos de cancro, que case dous terzos das mutacións que provocan a doenza poden ser atribuíbles ao azar, a cambios que xorden de xeito espontáneo nas células sás durante a replicación do ADN, sen ter en conta os factores externos.

Din que o 66 por cento dos cancros prodúcense por mutacións non atribuíbles a factores externos

Hai dous anos, un polémico artigo dos mesmos investigadores, tamén publicado en Science, xa puxo sobre a mesa a opción de que a mera casualidade fora a causa principal dos cancros. Pouco despois, a revista Nature saiu ao paso da información e argumentou que o peso dos factores externos (coma os hábitos pouco saudables, ou a herdanza xenética) é de entre un 70 e o 90 por cento na aparición da enfermidade.

A análise de Tomasetti e Vogelstein baséase nun novo modelo matemático baseado na secuenciación do ADN. “Sábese que debemos evitar factores ambientais, como o tabaco, para diminuír o risco de ter cancro, pero cada vez que unha célula normal divide e copia o seu ADN para producir dúas novas células, prodúcense múltiples erros“, di Tomasetti. Argumenta que estas mutacións foron “históricamente infravaloradas” polos científicos.

En xeral, conclúen os investigadores, o 66 por cento dos 32 tipos de cancros analizados están provocados por erros de copiado. O 29 por cento pódese atribuír ao estilo de vida e o 5 por cento restante, á herdanza.

No estudo anterior, os investigadores apuntaron que os erros de copiado do ADN poderían explicar por que algúns cancros como os de colon, son máis habituais nos EUA que outros, como o tumor cerebral.

Con todo, un 65 por cento dos cancros de pulmón débese a factores ambientais, sobre todo o tabaco

Desta volta, abordaron unha nova cuestión: Que fracción das mutacións no cancro se deben a estes erros nas copias do ADN? Segundo a súa teoría, precísanse dúas ou máis mutacións críticas para que o cancro medre. En base a isto, utilizaron un método matemático para demostrar, por exemplo, que cando se suman as mutacións críticas nos tumores de páncreas, o 77 por cento deles débese a erros aleatorios, o 18 por cento a factores ambientais, como o tabaco, e o 5 por cento, á herdanza xenética. Noutros tipos de cancros, coma os de próstata, cerebro ou ósos, máis do 95 por cento son erros aleatorios.

Non en tanto, a casualidade non é a causa máis habitual noutros tumores. Nos cancros de pulmón, por exemplo, o 65 por cento das mutacións débense a factores externos, sobre todo o tabaco, e o 35 por cento, a fallos na replicación. Non se coñecen datos da herdanza xenética.

Con todo, Tomasetti e Vogelstein queren remarcar que estes resultados non poden servir para descuidar a prevención fronte a factores externos. “Precisamos seguir alentando á sociedade para que evite tanto os axentes ambientais como os estilos de vida que aumentan o risco”, advirten.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

Un equipo galego detecta posibles biomarcadores da esquizofrenia resistente ao tratamento

Científicos do IDIS identifican un perfil de 16 microARN que diferencia aos pacientes que non responden á medicación dos que si o fan

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor

Atopada unha proteína que evita que o ADN se triplique

Un equipo do CNIO descobre un sistema 'antifallo' que podería ter aplicación na prevención do cancro e doutras enfermidades