Venres 29 Marzo 2024

Primeiro éxito clínico da vacina contra a tuberculose da galega Biofabri

Unha biofarmacéutica galega, Biofabri, está máis preto de dar ao mundo unha vacina realmente efectiva contra a tuberculose, a MTBVAC. Baseándose nas investigacións de Carlos Martín Montañés, da Universidade de Zaragoza, e Brigitte Gicquel, do Instituto Pasteur, Biofabri entrou na fase de ensaios clínicos en humanos con éxito tanto en seguridade como en eficacia. A prestixiosa revista The Lancet publica os resultados.
Biofabri está dedicada á fabricación de vacinas humanas
O primeiro ensaio clínico en humanos sobre a vacina candidata contra a tuberculose, MTBVAC, amosa unha excelente seguridade e prometedora resposta inmunitaria, tal e como apuntan os resultados publicados hoxe en Lancet Respiratory Medicine. Se MTBVAC demostra a súa superior eficacia en todas as fases da avaliación clínica podería substituír á actual vacina BCG e protexer contra a tuberculose a millóns de nenos, adolescentes e adultos.
Os datos deste primeiro ensaio clínico, realizado en 36 voluntarios adultos sen exposición previa a M. tuberculose, demostraron unha forte memoria inmunolóxica detectada aos 210 días tras da vacinación. Estes resultados foron fundamentais para a posta en marcha no pasado mes de setembro da seguinte fase de ensaio en Sudáfrica, un país endémico de tuberculose.

A tuberculose causa na actualidade máis de 1,5 millóns de mortes ao ano

A tuberculose segue a ser unha das doenzas transmisibles máis letais do mundo, causando 1,5 millóns de mortes ao ano. Actualmente só hai unha vacina contra a tuberculose dispoñible no mundo: o bacilo de Calmette-Guérin (BCG). Esta vacina, que se utiliza desde 1921, protexe aos nenos contra as formas graves de enfermidade.
Con todo, a BCG ten pouca ou ningunha eficacia na prevención da tuberculose pulmonar en adolescentes e adultos, que é a forma máis común e contaxiosa da enfermidade. Por iso é polo que se necesitan con urxencia vacinas máis eficaces. E a MTBVAC, da galega Biofabri, é unha das máis firmes candidatas.
O ensaio clínico de fase I, promovido pola farmacéutica con sede no Porriño (Pontevedra), foi levado a efecto coa colaboración da Iniciativa para a Vacina da Tuberculose (TBVI, polas súas siglas en inglés), no Centro Hospitalario Universitario de Vaudois (CHUV) en Lausanne, Suíza. MTBVAC comparouse con BCG e non mostrou ningún efecto secundario serio nos 36 voluntarios. “Na miña experiencia, é unha das vacinas máis seguras que probei”, apunta François Spertini, investigador principal do ensaio dende a institución suíza.

Publicidade

A revista The Lancet destaca os resultados en Suíza nos ensaios en humanos

A resposta inmune dos individuos vacinados con MTBVAC apoia continuar coa seguinte fase de ensaios clínicos en países nos que a tuberculose é endémica. Carlos Martín Montañés, director do grupo de investigación de Xenética de Micobacterias da Universidade de Zaragoza, e impulsor da vacina, en colaboración con Brigitte Gicquel do Instituto Pasteur, considera que “os estudos preclínicos son prometedores, do mesmo xeito que os resultados dos primeiros estudos clínicos”.
MTBVAC é unha vacina viva atenuada baseada na cepa M. tuberculose de orixe humana, que busca activar o sistema inmunitario para que sexa capaz de recoñecer ao axente infeccioso e protexa a longo prazo fronte á forma máis común da enfermidade: a respiratoria. O desenvolvemento de MTBVAC ata agora foi posible grazas ao esforzo conxunto de Europa co soporte económico da biofarmacéutica Biofabri e a TBVI. Os bos resultados do estudo de fase I continuarán en Sudáfrica durante un período de dous anos.

Aquí está a nosa reportaxe da sección I+E
“A nova vacina contra a tuberculose nace no Porriño”
O artigo científico publicado en The Lancet
pode consultarse neste enlace

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A vacina contra a tuberculose que se ensaia en Galicia recibe apoio financeiro para probarse en África

Un estudo avaliará a seguridade e a eficacia do tratamento, que ten potencial para xerar unha mellor resposta inmune que a terapia actual

O galego Alberto García-Basteiro recibe 2,5 millóns do prestixioso programa Starting Grant

O investigador do Hospital Clínic de Barcelona estudará o papel da tuberculose asintomática na transmisión da enfermidade

Alerta por 19 positivos por tuberculose en Ourense: estes son os seus síntomas

Un infectado contaxiou a case unha vintena de alumnos do IES Julio Prieto Nespereira que, de momento, non desenvolveron a enfermidade
00:04:04

A tuberculose, unha doenza do pasado?

As cifras demostran que segue existindo e, ao contrario do que se pensa, pode afectar a todas as persoas, sobre todo se teñen un sistema inmunitario debilitado