Xoves 28 Marzo 2024

Premio da Sociedade Europea de Endocrinoloxía para a investigadora Yolanda Diz

A investigadora do Laboratorio de Endocrinoloxía da Universidade de Vigo Yolanda Diz Chaves, adscrita ao Centro de Investigación Biomédica, Cinbio, é unha das tres gañadoras do Poster Prize Winner que cada ano outorga a Sociedade Europea de Endocrinoloxía en recoñecemento aos mellores pósters presentados no seu congreso anual. Nesta ocasión presentáronse máis de 1700 traballos e entre os tres mellores na categoría de ciencia básica atópase o de Diz-Chaves, un estudo no que autora demostra que o liraglutide, un axente terapéutico empregado no tratamento da diabetes, é capaz de modular a reposta inflamatoria, o que permite abrir novas liñas de investigación para o tratamento e busca dunha cura para a diabetes e a obesidade, patoloxías que, á súa vez, están asociadas a múltiples enfermidades neurodexenerativas, entre elas o alzhéimer.

“Para min este premio supón unha gran satisfacción, o recoñecemento ao esforzo profesional e persoal, á constancia, ao traballo duro e ao convencemento de que se ía polo bo camiño”, subliña a investigadora, a quen a noticia do premio lle chega poucos meses despois de conseguir unha das axudas da Xunta de Galicia como ‘investigadora emerxente’ e de que un dos artigos do grupo, no que ela asina como primeira autora, recibise a certificación como Top Dowloaded Authors que o acredita como o artigo máis descargado en 2016 na revista Journal of Endocrinology, unha das principais publicacións de referencia neste eido.

Publicidade

Diz estuda o liraglutide, un axente que intervén na diabetes e na obesidade

No Laboratorio de Endocrinoloxía da Universidade, dirixido polo catedrático Federico Mallo, levan anos traballando cun modelo experimental de ‘diabesidade’, termo empregado para referirse a aqueles pacientes con problemas de obesidade e diabetes tipo 2, dúas patoloxías intimamente relacionadas e para as que na actualidade apenas existen fármacos que teñan demostrado unha eficacia potencial, se ben nos últimos anos adquiriu un grande interese o estudo da neuroinflamación asociada a ambos trastornos. “A neuroinflamación é un proceso inflamatorio de baixo grao que se mantén de forma crónica, que afecta ao metabolismo periférico e tamén central e que acostuma relacionarse co desenvolvemento de enfermidades neurodexenerativas como o alzhéimer ou outro tipo de patoloxías relacionadas coa conduta emocional como a depresión”, explica a investigadora.

No caso vigués trabállase cun modelo experimental de diabesidade, no que o que fan é reducir a achega calórica a ratas preñadas, o que provoca que as crías cando nacen presentan un menor peso e unha serie de características metabólicas e hormonais que as predispoñen ao desenvolvemento de diabetes e obesidade na idade adulta. “Ademais neste estudo nós demostramos que estas crías xa amosan un aumento do número de células gliales, e un incremento de marcadores inflamatorios no hipocampo en idades temperás, que poden contribuír ao desenvolvemento doutras patoloxías na idade adulta”, recalca a autora.

A neuroinflamación está relacionada con patoloxías como o alzhéimer ou a depresión

No traballo que agora premia a Sociedade Europea de Endocrinoloxía a investigadora explica como tratan de forma preventiva ás ratas preñadas co liraglutide. “Os nosos resultados amosan que o tratamento das nais con este axente terapéutico revirte o efecto inflamatorio producido polo estrés perinatal nas crías, reducindo todos os marcadores de inflamación, diminuíndo o número de células gliales responsables da neuroinflamación e activando vías antiinflamatorias e neuroprotectoras do cerebro. “Isto pon de manifesto a capacidade neuroprotectora deste fármaco e abre novas portas na investigación da neuroinflamación e os procesos metabólicos na diabesidade”, recalca a autora.

Licenciada e doutora en Bioloxía pola Universidade de Vigo, Yolanda Diz Chaves traballou desde os inicios da súa carreira investigadora en diferentes proxectos de investigación nos que se abordaba a relación entre estrés e dieta no desenvolvemento da obesidade. Fíxoo no propio Laboratorio de Endocrinoloxía da Universidade de Vigo, no que se formou, pero tamén na francesa Universidade de Bordeaux, onde realizou a súa estancia de posdoutoramento, e tamén no Laboratorio de no Instituto Cajal de Madrid, Centro de Investigación en Neurobioloxía pertencente ao Consello Superior de Investigacións Científicas, onde traballou durante oito anos e lugar no que iniciou o estudo no modelo de estrés prenatal como modelo asociado a diferentes alteracións de conduta emocional e neuroinflamación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que o exercicio físico axuda a que os tratamentos médicos funcionen mellor?

É unha ferramenta barata, fácil de usar e moi efectiva coa que podemos mellorar o prognóstico da maioría de enfermidades

O CINBIO explora novas estratexias terapéuticas para trastornos do sistema inmune

O proxecto coordinado pola investigadora Verónica Salgueiriño estuda as citoquinas, as cales facilitan a comunicación entre as células do sistema inmunolóxico

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos