Xoves 18 Abril 2024

Parasitólogos galegos melloran a diagnose da fasciolose humana e animal

A fasciolose é unha enfermidade parasitaria emerxente que afecta uns 17 millóns de persoas en todo o mundo, principalmente Asia e Latinoamérica, e que provoca importantes perdas económicas en animais de produción, sobre todo gando ovino e vacún. A OMS inclúea no programa de control integral das doenzas tropicais desatendidas.

A infección prodúcese por inxesta de vexetais crus contaminados con metacercarias (forma infectante do parasito) que proveñen dun pequeno caracol de auga doce que actúa como vector (Galba truncatula). En humanos a enfermidade cúrsase en catro fases, que inclúen o período de incubación, unha fase aguda, outra latente e unha última obstrutiva ou crónica. Os síntomas máis destacados teñen lugar durante a aguda, cando os parasitos migran e se alimentan do tecido hepático, e na crónica debido ás alteracións e obstrucións que producen os parasitos adultos nas vías biliares.  

Publicidade

A OMS inclúe a fasciolose no plan de control de doenzas tropicais desatendidas

Para tentar frear o avance desta doenza, investigadores do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (INGACAL), coordinados polos investigadores Florencio Martínez Ubeira e Mercedes Mezo Menéndez, respectivamente, acaban de perfeccionar a súa metodoloxía diagnóstica. Empregando mostras fecais, o novo método consiste nun test ELISA amplificado, que combina anticorpos monoclonais e policlonais e que detecta minúsculas cantidades das enzimas dixestivas (catepsinas) que liberan os parasitos nas vías biliares mentres se alimentan.

O traballo, cuxa primeira asinante é Victoria Martínez-Sernández, acaba de ser publicado na revista PLOS Neglected Tropical Diseases, unha das máis importantes polo seu índice de impacto no campo da parasitoloxía, e foi financiado en parte por proxectos concedidos polo Ministerio de Economía e Competitividade e a Xunta de Galicia.

O novo método permite a detección en fases temperás

Aínda que existen tratamentos antihelmínticos –con medicamentos que tratan a infección por vermes–, o seu uso incontrolado provocou a proliferación de cepas resistentes que poñen en tela de xuízo a súa eficacia a curto e medio prazo. Os investigadores galegos agardan que o novo método permita agora un mellor control da enfermidade xa que posibilita a detección de animais con parasitacións baixas pero que seguen contaminando os pastos. O achado servirá tamén para valorar a eficacia dos tratamentos subministrados coa fin de impedir a dispersión de cepas resistentes.

Ademais, a súa alta sensibilidade permite percibir o parasito en fases temperás da doenza, “ co que se consegue mellorar de maneira significativa os procedementos que existen na actualidade para a súa diagnose”, matiza Florencio Martínez.

As compoñentes principais do test prodúcense e ensámblanse na USC, e posteriormente a empresa belga BIO X Diagnostics distribúeo por todo o mundo. Ademais deste test para detectar antíxenos parasitarios nas súas propias feces, os mesmos investigadores desenvolveron outros métodos para a detección de anticorpos no soro de pacientes ou en animais así como para a diagnose inmunolóxica de enfermidades causadas por outros helmintos como Trichinella ou Anisakis.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Europa prorroga 10 anos o glifosato, o herbicida “canceríxeno” usado masivamente en Galicia

É o produto fitosanitario máis eficaz contra as malas herbas, pero numerosos artigos científicos atribúenlle efectos nocivos na saúde das persoas

Estes son os alimentos que conteñen o edulcorante declarado “posiblemente canceríxeno” pola OMS

O aspartamo atópase en miles de produtos que consumimos habitualmente, dende a pasta dentífrica ata as píldoras para a tose

A OMS podería declarar canceríxeno o edulcorante máis usado no mundo, o aspartamo

Os expertos do organismo internacional poderían establecer límites ao uso desta substancia presente en bebidas e lambetadas

Tres de cada dez galegos respiraron en 2022 un aire moi contaminado que supera os límites legais

A totalidade da poboación de Galicia estivo exposta o ano pasado a uns niveis insalubres de contaminación, segundo un informe de Ecoloxistas en Acción