Cartel anunciador da charla de Pàmies no salón de actos dun colexio de Vigo.

Cartel anunciador da charla de Pàmies no salón de actos dun colexio de Vigo.

Volve a Galicia o pseudomédico que nega a sida e vende plantas contra o cancro

Un hotel da Coruña e un colexio de Vigo cancelan as súas charlas despois das protestas de colectivos científicos e escépticos

A sida é mentira, porque o VIH non é o seu causante, xa que ninguén o demostrou. A quimioterapia é un tratamento “ineficaz”, pero existen plantas como a kalanchoe que teñen propiedades antitumorais. As vacinas teñen moitos defectos e poden causar graves danos e autismo. O ébola pode curarse dun xeito moito máis sinxelo e barato con cloro e plantas. E unha longa lista de ataques á medicina científica e á industria farmacéutica. Así fala Josep Pàmies, un naturópata que se define como agricultor, e que promove a Revolución Doce, que avoga por deixar de lado as aportacións da investigación médica e científica e facer un maior uso das plantas medicinais, que el mesmo cultiva e vende. Factura millóns de euros e ten milleiros de seguidores.

Un colexio de Vigo cancela outra charla tras coñecer o perfil do controvertido conferenciante

En marzo, Pàmies ía regresar a Galicia. Porén, de momento, os dous espazos que ían acoller estas actividades cancelaron a sesión dos seus espazos. A cadena Attica 21, onde falou en marzo de 2017 despois de o Concello da Coruña e a Universidade lles denegaran o Centro Cívico dos Mallos e o Paraninfo universitario á asociación Hortas do Val de Feáns, organizadora do acto, tras as protestas de varias entidades científicas, anunciou na mañá do xoves que “non se celebrará no noso establecemento”. A charla ía levar por título “Verdades ocultas: soberanía alimentaria e sanitaria“.

Ao día seguinte, Pàmies tiña pensado visitar Vigo, nun acto que iba a ter lugar no salón de actos do colexio Hogar, pero a última hora do mércores esta entidade, dependente de Afundación, cancelou a súa autorización. A visita está organizada pola Escuela Internacional de Desarrollo Humano. Segundo sinala Manuel F. Herrador, profesor da Universidade da Coruña e membro do Círculo Escéptico, “están asociados co Dr. Rath Research Institute, e Mathias Rath foi a persoa que conseguiu convencer ao goberno de Sudáfrica de que a sida non se curaba con antirretrovirais, senón coas vitaminas que el vendía”. A sesión de Vigo abordará o tema “Alimentos que matan, medicamentos que non curan“. E tamén se fala no cartel anunciador de “dor e mortes evitables”.

Pàmies, nun feixe de polémicas

Nos últimos anos, Pàmies viuse envolto en numerosas situacións polémicas e problemas coa xustiza debido ás súas afirmacións. A última delas, segundo lembra Manuel F. Herrador, foi o congreso celebrado en Barcelona a comezos deste ano, e que baixo o título “Un mundo sen cancro. O que o teu médico non che está contando” promocionou terapias alternativas contra o cancro. A Generalitat multou aos organizadores do evento porque poderían xerar confusión e engano entre os cidadáns”.

Unha das afirmacións que máis indignación xerou entre a comunidade científica foi a do famoso naturópata Txumari Alfaro. Ante a consulta de varias nais con fillas enfermas de cancro de mama, Alfaro afirmou que “agora a terapia contra o cancro consiste non facer nada, só tomar conciencia”, para conseguir un 100% de curación.

En 2016, un xuíz imputou a Pámies por un delito contra a saúde pública despois de que lle incautaran 500 plantas de cánabo, coas que el afirmaba poder tratar a epilepsia e a esclerose múltiple. Tamén tivo que declarar en 2014 ao ser imputado por cultivar marihuana nos seus invernadoiros, unha planta que mesmo chegou a recomendar para nenos.

“O preocupante disto é que entre a xente que vai ás súas charlas hai enfermos de cancro e familiares”, lamenta Herrador, que xunto ao Círculo Escéptico e outras entidades, xa está traballando para impedir as próximas conferencias de Josep Pàmies en Galicia.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.