Venres 19 Abril 2024

Os maiores teñen máis memoria da que pensan

As persoas maiores teñen máis memoria e aptitudes mentais das que ás veces eles mesmos pensan. De feito, algúns expertos xa falan de “vellismo“, un estereotipo que a sociedade en xeral ten interiorizado e que está considerado como o terceiro tipo de discriminación xunto ao racismo e o sexismo. E que fai que moitas persoas a partires dos 70 anos teñan unha propia concepción da súa memoria peor do que é en realidade.
Así o afirma José María Faílde, profesor da Universidade de Vigo e poñente nas xornadas Avaliación cognitiva e neuropsicolóxica en persoas maiores, que se desenvolven en colaboración coa Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX). “De feito, moitos maiores teñen máis memoria nalgúns campos co paso dos anos”, subliña Faílde.

Os recordos de feitos son os máis afectados polo envellecemento

Falar de envellecemento é falar de tópicos sobre a memoria, sen embargo o ser humano ten diferentes tipos de memoria que van mudando co tempo de xeito desigual. A semántica, por exemplo, que atinxe ao significado das palabras, experimenta un auxe entre os 65 e os 85 anos, mentres que se empeza a notar un declive significativo a partir dos 65 en canto aos recordos de eventos ou feitos pasados, cunha perda de ata o 25% nos octoxenarios. Datos a ter en conta atendendo “á variabilidade que ten o envellecemento, porque nin todas as persoas envellecen do mesmo xeito nin todos os órganos do noso corpo avellentan ao mesmo ritmo”, afirma o investigador en entrevista con Noemí Rey para o DUVI.
As persoas maiores amosan un empeoramento de aptitudes cando están sometidos á presión do tempo ou cando teñen que atender a distintos estímulos á vez. E aínda así, a cousa cambia se se experimenta nun laboratorio ou no contexto natural dos participantes: no primeiro caso, obteñen un menor rendemento; no segundo, conseguen situarse incluso por riba dos máis novos. “Son conscientes das súas limitacións e saben compensalas con apoios contextuais. Hoxe en día é moi habitual a todas as idades empregar axudas externas como axendas, teléfonos móbiles… que nos permiten recordar tarefas pendentes”, salienta Faílde.

Publicidade

“Hai que diferenciar fallos de memoria normais de episodios demenciais”

Aínda que hai moitas enfermidades neurodexenerativas, o Alzheimer é o máis coñecido, sobre todo porque afecta a entre o 50 e 70% das persoas con algunha demencia. Son enfermidades que comezan con pequenos trastornos de memoria que van evolucionando de xeito progresivo e que van comprometendo outras funcións cognitivas e de conduta, derivando incluso nun estado de invalidez social e de dependencia. Pero hai que diferenciar “entre os fallos de memoria normais en persoas maiores e os deterioro asociado a cadros demenciais”: mentres os producidos pola idade soen comprometer sobre todo á memoria episódica, patoloxías como o Alzheimer degradan tamén a memoria semántica.

A ‘punta da lingua’

Existe un deterioro cognitivo leve que se vai incrementando coa idade que afecta ao 10% dos individuos de entre 70 e 79 anos e ao 25% de entre 80 e 89 anos e que implica dificultade para aprender e recordar información nova, para resolver problemas ou tomar decisións, para recordar eventos ou conversacións recentes… só entre o 5 e o 10% das persoas con este deterioro acaban padecendo demencia. “Ata os 85 anos mantemos case intacta a memoria semántica aínda que co paso do tempo imos notando o fenómeno que se chama ‘punta da lingua’: saber algo pero que nese intre non che saia. Está relacionado coa distancia semántica e a velocidade de procesamento: non é que a persoa teña un déficit de vocabulario, senón que ten maior dificultade para atopar rápido a palabra”, salienta Faílde.
Para facer esa estimulación cognitiva e previr calquera demencia os expertos recomendan tomar medidas cotiás como facer exercicio, durmir polo menos 8 horas, reducir os niveis de estrés, evitar o consumo de tóxicos, prestar máis atención a todas as tarefas que se realizan, repetir con frecuencia a información nova ou manterse motivado e cunha actitude positiva.
Os interesados nestas xornadas, que se celebrarán nas catro provincias galegas, poden inscribirse na web da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría.

1 comentario

  1. Efectivamente, con la edad aumenta la capacidad de comprensión que va vinculada a la memoria semántica. La capacidad que primero se pierde es la facilidad para el recuerdo de los nombres, tal vez, en parte, porque prestamos más atención al contenido semántico que al nombre propiamente dicho.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Prevén o leite a deterioración cognitiva? Isto é o que suxire un novo estudo

Un ensaio en maiores de 65 anos identifica un compoñente da graxa láctea que podería ralentizar a perda de memoria asociada á idade

Un novo test pode detectar o alzhéimer cunha precisión do 90 %

Unha investigación internacional con participación española desenvolveu unha proba que identifica un biomarcador clave chamado p-tau217

O IDIS e o IIS Galicia Sur investigan a relación entre estilo de vida e deterioración cognitiva no alzhéimer

Biomarcadores en sangue e o uso da intelixencia artificial poderán axudar na detección temperá desta doenza neurodexenerativa

É o alzhéimer un novo tipo de diabetes?

Trátase dunha hipótese aínda non confirmada, pero algúns sinais suxiren que podería existir un vínculo entre estas dúas enfermidades