Venres 19 Abril 2024

Galicia é unha das zonas con máis obesidade, e este estudo intenta explicar por que

A investigadora Paula Roca Saavedra acaba de presentar no Campus Terra a que é a primeira tese de doutoramento en Nutrición e Dietética realizada na USC. A investigación, que leva por título Estudo da influencia de factores externos na modificación do microbioma e estado nutricional poboacional, identifica varios dos factores que predispoñen á obesidade en Galicia, unha das comunidades autónomas españolas con maiores índices de obesidade.

Paula Roca (centro) xunto aos directores da súa tese sobre obesidade. Imaxe: USC.
Paula Roca (centro) xunto aos directores da súa tese sobre obesidade. Imaxe: USC.

A investigación componse de cinco artigos, xa publicados con anterioridade, nos que se achegan datos de grande interese para intentar comprender a elevada presenza da obesidade na poboación galega. Así, acometeuse por primeira vez unha análise sobre a microbiota intestinal da poboación galega.

Publicidade

Os resultados desta análise revelaron que a poboación galega presenta uns niveis de bacterias do grupo Actinobacteria moi superior ao habitual en persoas doutras rexións. Ademais, no caso das persoas con sobrepeso, este grupo de bacterias tiña unha maior presenza que no resto dos casos estudados. Alén disto, o estudo revelou que outras bacterias cun papel moi activo na obesidade, as Proteobacterias, atópanse en maior proporción nas persoas de maior idade.

Antibióticos, bacterias e obesidade

Unha das razóns que pode explicar a presenza destas bacterias é o consumo de antibióticos, segundo se expón na investigación. As Proteobacterias son máis resistentes que outras bacterias a estes medicamentos, polo cal co paso do tempo van aumentando a súa abundancia na microbiota a costa das outras. Algo que acontece, segundo a tese de Paula Roca, mesmo nos casos nos que hai un consumo baixo de antibióticos, o que pode corresponderse cos inxeridos a través de alimentos de orixe animal, alimentados de xeito legal con antibióticos.

Outro dos aspectos relevantes sinalados pola tese é que a dieta atlántica incrementa a cantidade de Bifidobacterium, unhas bacterias beneficiosas para o noso organismo. Esta microbiota beneficiosa tamén se atopa no bagazo de uva, especialmente tinta.

Menos diabetes

A investigación identificou tamén que na microbiota dos galegos hai un ácido graxo pouco coñecido (ácido fitánico) que podería estar a cumprir un papel de prevención de diabetes, enfermidades cardiovasculares e síndrome metabólico, que en Galicia teñen unha prevalencia inferior á do resto de España.

A tese de Paula Roca estivo dirixida polos profesores do Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control dos Alimentos (Lhica) da USC Alejandra Cardelle Cobas e José Manuel Miranda López, e recibiu o sobresaínte cum laude. O tribunal estivo presidido polo director do Lhica, Alberto Cepeda, e formaron tamén parte do mesmo a doutora Marta Prado Rodríguez, do Instituto Internacional Ibérico de Nanotecnoloxía de Braga (Portugal), en calidade de vogal, e a doutora Inmaculada Concepción Fernández No, do Centro Tecnolóxico Agroalimentario (CETAL) do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, que asumiu as funcións de secretaria.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Isto é todo o que sabemos sobre o papel da microbiota na fertilidade masculina

Un traballo publicado en 'Nature' mostra diferenzas entre a microbiota seminal das persoas sas e a dos individuos con anomalías na mobilidade e concentración do esperma

Galicia é a quinta comunidade autónoma con maior prevalencia de obesidade

Un estudo da USC asocia os altos índices de avellentamento cun maior exceso de peso na poboación galega

Confirmado: hai unha estreita relación entre a microbiota e a deterioración da saúde mental

Un estudo realizado en Corea do Sur estimou unha probabilidade 1,4 veces maior de padecer depresión se mediaba unha dieta xenerosa en ultraprocesados

Desenvolto o mapa máis completo de interaccións para a supervivencia das bacterias

Os resultados revelan detalles ata o de agora descoñecidos destes mecanismos e ofrecen posibles dianas para o desenvolvemento de novos antibióticos