Xoves 28 Marzo 2024

O tabaco é o principal factor relacionado con inflamacións intestinais como o Crohn

O consumo de tabaco é o único factor con influencia directa demostrada sobre o desenvolvemento de trastornos inflamatorios do intestino, como é o caso da enfermidade de Crohn. Ademais, tamén repercute negativamente en moitos aspectos da súa evolución, como a resposta ao tratamento médico e á cirurxía ou a aparición de complicacións. Esta foi unha das conclusións expostas o pasado sábado durante o seminario científico organizado polo Instituto de Investigación Biomédica (IBI) no marco do proxecto Biocaps. A inflamación intestinal e as súas consecuencias reuniron no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo a especialistas como Juan Clofent, do Hospital de Sagunto (Valencia), que situou o tabaco como principal detonante deste tipo de trastornos durante o seu relatorio sobre factores ambientais.
O tabaquismo afecta nas doenzas de inflamación do intestino.
O tabaquismo afecta nas doenzas de inflamación do intestino.

Clofent aludiu tamén á toma de fármacos como os antiinflamatorios non esteroideos ou anticonceptivos orais, que poden alterar os mecanismos de defensa da mucosa intestinal, polo que se asociaron ao incremento do risco e á mala evolución das enfermidades inflamatorias do intestino. “Por outra banda, este tipo de doenzas desenvólvense con maior frecuencia en países de elevado nivel socioeconómico. A dieta occidental, con baixo contido en fibra e alto contido en graxas trans e baixas en omega 3, é un detonante. Ademais, novos estudos confirman a influencia dun baixo nivel de vitamina D”, expuxo.
Á beira dos expertos alimentarios, Vicent Hernández, especialista do Hospital Álvaro Cunqueiro, destacou os efectos negativos de diversos hábitos de vida dos países desenvolvidos sobre a composición da microbiota intestinal. “Observouse que a incidencia da enfermidade se relaciona co grao de desenvolvemento, valorado polo produto interior bruto”, explicou.
O aumento do consumo de azucres refinados, ácidos graxos, comida rápida, cereais e pan, unido á diminución do consumo de froita, verduras e fibra, son os factores da dieta occidental que segundo Hernández están a incrementar a incidencia deste tipo de enfermidades. “Unha maior inxestión de graxa, ácidos graxos poliinsaturados, ácidos graxos omega 6 e carnes asóciase a un maior risco de aparición da enfermidade de Crohn e da colite ulcerosa, mentres que o consumo de fibra e froita relaciónase cun menor risco da doenza de Crohn e o consumo de verduras con menor risco de colite ulcerosa”, precisou.

A teoría da hixiene revela que, a menos infeccións, máis doenzas alérxicas e autoinmunes

Ademais destes factores dietéticos, describiuse que en comunidades con mellores condicións sanitarias a incidencia destas doenzas é maior. “Isto podería explicarse pola teoría da hixiene, segundo a cal a mellora das condicións sanitarias diminúe a exposición a axentes infecciosos co beneficio de diminuír a incidencia de enfermidades infecciosas, pero presenta o efecto paradoxal dunha mala regulación do sistema inmunolóxico, que é a base de enfermidades alérxicas e autoinmunes”, aclarou Hernández.
Con todo, hai que ter en conta que o estilo de vida occidentalizado tamén trae consigo unha maior capacidade para diagnosticar estas enfermidades (por dispoñer de maior coñecemento sobre elas e mellores métodos diagnósticos) e isto tamén está a contribuír ao aumento da incidencia nos países en vías de desenvolvemento.
A inflamación intestinal afecta a entre 2,5 e 3 millóns de persoas en Europa, cun custo directo para o sistema de saúde de ata 5,6 billóns de euros ao ano e unha incidencia que vai en aumento. Estas cifras fan especialmente importantes os avances no diagnóstico precoz da enfermidade, ámbito no que traballa a doutora Cristina Saro, do Hospital de Cabueñes (Asturias). “Aínda que a orixe deste grupo de enfermidades segue sendo descoñecido, no últimos vinte anos avanzouse de forma importante no coñecemento da súa fisiopatoloxía, é dicir, en como funciona e cales son os mecanismos que perpetúan a inflamación”, expuxo Saro. Estes avances permitiron dispor de tratamentos máis eficaces, pero tamén de mellores medios diagnósticos e de seguimento destas enfermidades.
O avance e a maior dispoñibilidade de tecnoloxías, xunto coa mellora das habilidades dos médicos no terreo da endoscopia e a radioloxía conseguiron mellorar e aumentar o número de diagnósticos. A estes factores, a especialista do Hospital de Cabueñes suma como axuda na diagnose precoz “o mellor coñecemento que a poboación xeral ten dos aspectos sanitarios en xeral e destas enfermidades en concreto, o que fai que acudan rapidamente aos seus centros sanitarios cos primeiros signos e síntomas de alarma”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

A intelixencia artificial na sanidade galega axilizará os diagnósticos e mellorará a eficiencia

A Xunta investirá máis de 200 millóns de euros nos próximos anos para abordar a transformación dixital do Sergas e para impulsar esta tecnoloxía

Último balance da gripe en Galicia: case 900 ingresados e 42 en UCI

As hospitalizacións por virus respiratorios diminúen pero aínda se sitúan en 163 para o virus sincitial e en 181 para a covid

O IDIS e o IIS Galicia Sur investigan a relación entre estilo de vida e deterioración cognitiva no alzhéimer

Biomarcadores en sangue e o uso da intelixencia artificial poderán axudar na detección temperá desta doenza neurodexenerativa