Xoves 28 Marzo 2024

O proxecto Biocaps permite ao IBI rexistrar sete novas patentes médicas

O proxecto europeo Biocaps, a piques de finalizar despois de tres anos de desenvolvemento, logrou cumprir un dos obxectivos principais no marco da súa misión de optimizar as capacidades do Instituto de Investigación Biomédica (IBI): deseñar e implantar un modelo de innovación e transferencia de coñecemento eficaz. Os primeiros resultados desta estratexia, que continuará e se consolidará tras a finalización do proxecto, materialízanse en sete patentes e novos acordos de colaboración con empresas. “A calidade científica do traballo desenvolvido no IBI precisa de estratexias adecuadas de transferencia e innovación para que os seus resultados causen o impacto xusto no mercado e na mellora da saúde das persoas”, explica África González, coordinadora de Biocaps. Por este motivo, decidiuse consagrar exclusivamente a este reto una das áreas operativas do proxecto.
logo-BIOCAPS-EU
Ao longo dos últimos tres anos, avanzouse significativamente en varias direccións. En primeiro lugar, deseñouse unha estratexia para a identificación de oportunidades de propiedade intelectual e a definición de procedementos para a protección, valorización e explotación de resultados. Na práctica, esta estratexia permite decidir se un resultado de investigación debe ser protexido e cando e, para os casos nos que así sexa, inclúe un plan de comercialización. Con base neste modelo, xestionáronse 12 patentes, das cales sete foron concedidas. Na actualidade, outras dúas novas patentes atópanse en proceso de solicitude e redacción. Entre as xestionadas, figuran dous procedementos para o diagnóstico de cancro na cavidade oral e de cancro de pulmón, unha nova solución de diálese e métodos para a predición da progresión a enfermidade dun suxeito infectado co VIH.

Entre as novas patentes destaca un sistema de diagnóstico do cancro na boca

Outro ámbito no que se concentrou gran parte dos esforzos foi a implicación do tecido empresarial, especialmente do ámbito local, no desenvolvemento de proxectos de innovación. Para alcanzar este obxectivo, o IBI, ademais de difundir o proxecto Biocaps a través de plataformas e redes nacionais e europeas, fíxose membro do Clúster Biotecnológico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), que aglutina a todas as pemes galegas do sector, coas que se estableceron múltiples colaboracións.
Algúns dos novos proxectos de colaboración que o IBI levou a cabo con diferentes empresas derivaron en innovacións de aplicación clínica de alto valor engadido. É o caso das novas tecnoloxías sen fíos para electrocardiograma desenvolvidas en colaboración con Imaxdi. Tamén da nova aplicación dirixida a pacientes con depresión para o seu uso doméstico, co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida, deseñada con Media Factory Galicia (Healthy Life), ou do sistema de validación das accións dos suplementos de Omega 3 desenvolvidos en BNNutrients.
De cara aos científicos do IBI, Biocaps facilitou a promoción da cultura da innovación mediante a celebración dun amplo programa de cursos. Neles abordáronse temas como as patentes en biomedicina, a creatividade, a protección da propiedade intelectual e industrial, o emprendemento e a xeración de plans de negocio ou os aspectos regulatorios da comercialización dos resultados de investigación. Ademais, realizouse un intensivo labor de identificación das áreas do IBI cuxos resultados están máis próximos ao mercado e das compañías que teñen actividades que poden ser complementarias, coas que se estableceu contacto.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

África González, ante a reaparición do sarampelo: “As familias deben vacinar os seus fillos”

España rexistra os seus primeiros casos trala pandemia e dende o 1 de xaneiro suma xa 15 contaxios

Galicia notifica 10 mortes ao día por consumo de tabaco

A investigadora da USC Julia Rey Brandariz constata na súa tese que a comunidade galega é a duodécima que máis falecementos rexistra por esta substancia

África González: "Estamos moi cerca da cura de doenzas autoinmunes"

Os científicos ven posibles as terapias que restauren a tolerancia inmune en enfermidades como diabetes ou lupus

O aire en Europa é o máis seco dos últimos 400 anos

Unha investigación demostra que, desde principios do século XXI, se está a producir un desecamento xeralizado debido á actividade humana