Sábado 20 Abril 2024

O enigmático crebacabezas do lupus

O día 10 de maio é o día internacional do lupus. En latín, este termo significa lobo. No século XV empregaban este termo para se referir a algunhas doenzas cutáneas polo seu parecido á mordedura deste animal. Actualmente coñécese comunmente por lupus erimatoso sistémico (SLE). Como non hai causas identificadas aínda non existe unha cura. Ademais, nos últimos anos aumentou a súa presencia en España: afecta xa a máis de 40.000 persoas.

Hai anos pensábase que o SLE era unha enfermidade rara. Hoxe, os avances da investigación permiten unha diagnose máis acertada. Rexístranse de 20 a 150 casos desta enfermidade por 100.000 habitantes. É máis frecuente en África e Asia e adoita aparecer na idade adulta. O sexo feminino ten máis posibilidade de padecela:  dez veces máis que nos homes. Crese que isto se pode explicar polo efecto hormonal dos estróxenos, que se acentúa co paso do tempo. Porén, por regra xeral, a doenza resulta moito máis lesiva nos varóns.

Publicidade

Hai dous tipos de lupus. O lupus discoide preséntano o dez por cento dos pacientes. Esta modalidade soamente afecta á pel e non adoita a prexudicar aos órganos internos do corpo. Mais o lupus discoide pódese converter no lupus sistémico, moito máis prexudicial por mor de que pode afectar a case calquera órgano. Esta enfermidade pode afectar a articulacións, órganos e tecidos e os síntomas son diversos e diferentes en cada caso. No SLE o organismo non é capaz de distinguir entre as substancias alleas e as do propio corpo. En consecuencia, o sistema inmune ataca as células e os tecidos.

Os efectos do lupus

Un dos síntomas máis habituais son as erupcións na pel
Un dos síntomas máis habituais son as erupcións na pel

Canto aos síntomas, ás veces non producen molestia ningunha, polo que é importante un control médico periódico. A nivel xeral, o lupus é unha enfermidade que conleva canseira, febre prolongada, perda de peso, sensibilidade ás infeccións… Alén destes, hai outros síntomas. Na pel, a lesión máis coñecida é a “eritema en ás de bolboreta”, unha erupción da pel das meixelas e da nariz. De feito, antes de recibir tratamento, pode caer o cabelo. Un dato importante é a sensibilidade dos pacientes cara a luz do sol. A exposición prolongada realza a manifestación dos síntomas e pode reactivar a enfermidade.

Ademais, o 90 % dos doentes padecen de dor nas articulacións e nos músculos. A artrite é máis común nos dedos das mans, pero tamén nos pulsos ou nos xeonllos. Por outra banda, o lupus tamén pode inflamar algúns órganos como o corazón, os pulmóns, o cerebro e o ril. No corazón e nos pulmóns esta inflamación pode desembocar en febres e dores no tórax. Nos riles, dificultades para eliminar residuos do organismo ou incapacidade para reter proteínas, o que deriva en inchazóns na cara ou nas pernas.

Das sospeitas á diagnose da doenza

Os síntomas son determinantes para dar coa enfermidade, pero tamén un exame físico e unha análise de sangue e de ouriña, así como tamén outras probas específicas.  Na sangue, as alarmas saltan con déficits de plaquetas, leucocitos ou linfocitos. Nos ouriños pode detectarse a inflamación dos riles. A identificación dos anticorpos antinucleares, isto é, os que van dirixidos a certas estruturas do núcleo das células, é crucial. Son anticorpos que rara vez se dan noutras doenzas. Case a totalidade dos pacientes dan positivo nestas probas.

O lupus non é unha enfermidade hereditaria

No embarazo, o control do lupus é fundamental por mor de que se incrementa a posibilidade de sufrir abortos e partos prematuros. Isto non ten que ver coa saúde dos nenos, posto que non é unha enfermidade hereditaria. Mais aínda así, os familiares dos afectados poden padecela con maior facilidade.

O tratamento variable

O SLE non se cura, mais require de controis periódicos co gallo de evitar problemas. Os medicamentos empregados son diversos porque, como vimos, os síntomas son numerosos e diferentes en cada caso. Algúns dos medicamentos máis utilizados son os antiinflamatorios ou os corticoides, pero tamén se bota man de outros remedios como, por exemplo, as terapias biolóxicas.

Pero, por que aparece o lupus?

As causas do SLE seguen a ser un grande misterio. Segundo a Asociación Galega de Lupus, os expertos apuntan a varios factores, dende xenéticos ata ambientais. Canto as causas xenéticas, obsérvase unha maior incidencia nos xemelgos. Por outra banda, no eido dos factores hormonais cómpre salientar que o tratamento con estróxenos pode influír na aparición de pequenos brotes de lupus. De feito, o uso da píldora acrecenta os efectos da enfermidade. Alén disto, condicionantes ambientais como o tabaquismo ou a radiación ultravioleta tamén pode explicar a aparición da patoloxía.

Os enfermos de lupus poden facer unha vida totalmente normal e, ao contrario do que moitos cren, non é unha enfermidade contaxiosa. Miles de persoas loitan día a día para loitar contra a enfermidade coa que conviven. Quedan moitas incógnitas por despexar ao respecto, mais o SLE está aquí namentres non se atope unha cura. O día 10 de maio lémbranos a importancia desta patoloxía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo deseña un antiinflamatorio substituto dos corticoides

O composto, creado por un grupo liderado polo CSIC e a Universidade Politénica de Valencia, ten menos afectos adversos e toxicidade

Cancro de mama: unha variante agresiva desencadea unha procura de curas

Xorden esperanzas dos medicamentos de quimioterapia que estimulan o sistema inmunolóxico e outros que fan que as células tumorais implosionen

Pode a insulina curar o párkinson? Un estudo da USC trata de demostralo

O CiMUS da Universidade de Santiago estuda a relevancia dos tratamentos antidiabéticos na enfermidade neurodexenerativa