Venres 19 Abril 2024

O Congreso Internacional Médico-Cirúrxico trae a Compostela varios referentes mundiais

A Facultade de Medicina da USC acollerá entre o 13 e o 15 de marzo o Congreso Internacional Médico-Cirúrxico (CIMQ 17) que organiza a asociación de estudantes USCience e que na súa primeira edición, o ano pasado, congregou en Compostela a máis de 200 participantes chegados de todo o mundo. Co encontro, explica a alumna Cristiana Isabel Sieiro, “tratamos de promover o diálogo e intercambio de ideas entre profesionais de distintas áreas, xa que opinamos que as especialidades se deben apoiar entre si para a avanzar en dirección ao futuro”.

Entre outras personalidades, nesta cita científica participarán o doutor Gentil Martins, un dos máis recoñecidos cirurxiáns pediátricos do mundo que destaca polos seus traballos na separación de xemelgos siameses unidos pola cabeza; o anatomo-patólogo Sobrinho Simões, experto en cancro de tiroides; ou a ex presidenta da Sociedade Española de Oncoloxía, Pilar Garrido, experta en cancro de pulmón. Ademais, unha mesa redonda sobre Párkinson reunirá especialistas de primeira orde como o xefe do centro de enfermidades neurodexenerativas de Vall d’Hebron, Miquel Vila, ou Stephane Lehericy, coñecido experto en neuroimaxe de París. Amais, estarán presentes numerosos investigadores da USC, como Rafael López, director do Oncomet, ou o profesor de Cirurxía Miguel Caínzos.

Publicidade

O novo encontro, que ten como lema ‘Mentes que cambian o mundo’, organízase en tres días, con obradoiros prácticos para o alumnado cada un deles. A xornada do 13 de marzo dedicarase á cirurxía con catro mesas redondas sobre traumatoloxía; cirurxía cardíaca e torácica; maxilofacial e plástica, e pediátrica. Xa o día 14 os relatorios orientaranse ás especialidades médicas, en particular Párkinson, oncoloxía e pediatría.

O congreso remata o 15 de marzo co desenvolvemento do día E-health, orientado á tecnoloxía ao servizo da medicina e saúde, e que contará coa presentación de proxectos apoiados pola Unión Europea como Knok, Kinematics, I4health e SOUL. Tamén nesa xornada se presentarán os traballos de estudantes que optan ao Premio da Sociedade Española de Cirurxía Torácica e Cardiovascular e da editora Elsevier.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Este mecanismo dana a capa dos nervios en doenzas como a esclerose múltiple

O estudo realizado por un equipo de investigación do CiMUS publícase este venres na prestixiosa revista ‘Science Advances'

A resistencia térmica dalgúns materiais pódese regular aplicando unha voltaxe

Un traballo do CiQUS abre novas posibilidades para o deseño de reguladores de temperatura e para o desenvolvemento de tecnoloxías máis eficientes e sostibles