Xoves 28 Marzo 2024

O Cinbio acolle en Vigo a 200 especialistas en biomedicina

O Congreso Anual do Centro de Investigación Biomédica botou a andar este luns cunha primeira xornada centrada nos avances relacionados coa diagnose de enfermidades. O simposio reúne este luns e martes máis de 200 investigadores e investigadoras de Europa e Estados Unidos (121 mulleres e  87 homes) e comprende un total de 20 ponencias, dez de relatores convidados e outras dez de novos investigadores, así como 45 sesións de pósters científicos. No acto de inauguración do simposio, a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio; o decano da Facultade de Bioloxía, Jesús M. Míguez; a directora do Cinbio, África González e a investigadora e membro do comité organizador, Sara Núñez-Sánchez, remarcaron a importante proxección internacional que supón este simposio para o Cinbio e as oportunidades que abre para artellar futuras colaboracións entre grupos de países como España, Portugal, Reino Unido, Holanda, Suecia e Estados Unidos.

O director do CiQUS, José Luis Mascareñas, foi un dos poñentes da xornada do luns. Foto: Duvi.
O director do CiQUS, José Luis Mascareñas, foi un dos poñentes da xornada do luns. Foto: Duvi.

Ao fronte deste congreso está un grupo de investigadoras e investigadores posdoutorais, representados no acto de apertura por Sara Núñez-Sánchez, que explicou que o obxectivo deste congreso “é posicionar o Cinbio e a Universidade de Vigo como referente da investigación de excelencia en biomedicina”. Para iso apostaron por centrar a congreso nas singularidades do Cinbio, un centro que “aposta pola multidisciplinaridade”, traballando non só en biomedicina, senón establecendo sinerxías con outras disciplinas como química, bioloxía, enxeñaría ou matemáticas, “interdisciplinaridade que se reflicte tamén nos relatores do congreso, que falarán sobre medicina, biomarcadores, neurociencia, síntese química ou bioinformática”.

Publicidade

Neste sentido e nun contexto no que a biomedicina estase a confirmar como unha disciplina de futuro, a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, aproveitou para lembrar a posta en marcha o vindeiro curso 2018-2019 do novo grao en Enxeñaría Biomédica no campus de Vigo. África González, directora do Cinbio, agradeceu “o esforzo, entusiasmo e traballo duro” do equipo de investigadores novos que puxeron en marcha este simposio e destacou o éxito de contar con máis de 200 asistentes, “que confirma a expectación levantada por este evento entre o colectivo investigador”.

Finalmente, o director da Facultade de Bioloxía fixo fincapé na estreita relación entre o centro que dirixe e o Cinbio e recalcou que “esta segunda edición do Annual Meeting mellora a anterior, con máis participantes, máis relatorios e máis actividades e a súa periodicidade anual demostra a fortaleza deste centro de investigación”. De feito, o Cinbio conta con 200 investigadores traballando na prevención, diagnose e terapia de diferentes enfermidades. Trátase dun centro multidisciplinar con 13 grupos formados por médicos, químicos, biólogos, bioinformáticos, enxeñeiros e especialistas en bioestatística que traballan, en colaboración cos hospitais do sur de Galicia, arredor de cinco áreas de investigación: cancro, inmunoloxía, neurociencia, biosaúde e envellecemento activo e obesidade e nutrición. Moitas das liñas de investigación nestes cinco eidos son únicas en Galicia, o que converte o Cinbio nun centro singular recoñecido pola Xunta de Galicia, no que os seus investigadores publican arredor de 100 artigos por ano e sendo quen de captar nos últimos tres anos 18,5 millóns de euros para proxectos, asinar 129 contratos de I+D con empresas, licenciar seis patentes e constituír cinco spin-off.

O Cinbio, centro singular recoñecido pola Xunta, é unha referencia en varios eidos relacionados coa biomedicina

O simposio arrancou co relatorio de José Luis Mascareñas, director científico do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela, nunha sesión plenaria na que expuxo os avances do seu grupo no deseño de catalizadores químicos baseados en metais que poidan ser introducidos nunha célula viva para actuar como encimas, as proteínas encargadas de desencadear transformacións esenciais nos tecidos.

A xornada continuou co relatorio de Aleksandr Missiul, que expuxo as aplicacións do Sincrotrón ALBA no campo da biomedicina, unha instalación científica, situada en Barcelona, que é a fonte de luz máis potente na área mediterránea, o que permite a visualización da estrutura atómica da materia. Ao longo da xornada interviu tamén Francisco Corzana, da Universidad de La Rioja, que explicou os avances no deseño de vacinas e no desenvolvemento de anticorpos como biosensores capaces de detectar tumores in vivo; Mar Rodríguez Girondo, do Leiden University Medical Center de Holanda, sobre ferramentas estatísticas que permitan realizar análises integradas e modelos preditivos; e David Gómez Cabrero, da Unidade de Bioinformática Traslacional de Navarrabiomed, nunha conferencia sobre a aplicación de metodoloxías de integración de datos no caso concreto da esclerose múltiple, centrándose no proxecto europeo STATegra.

Esta primeira xornada comprende tamén a intervención dos investigadores da Universidade de Vigo Manuel Mendoza, que abordou os novos biomarcadores para a detección da tuberculose e Sarah De Marchi, cun relatorio sobre deseño de nanopartículas de metal para a biodetección de enfermedades. Completaron o programa da primeira xornada Manuel Pazos, do IIM, cun relatorio sobre diagnose e terapia nutricional nas enfermidades relacionadas coa obesidade; Paula Casal-Beiroa, do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, que falou sobre biomarcadores ópticos para a diagnose precoz da artrose; Alex McMillan, da University of Bristol, que afondou nas limitacións de imaxe clásica con luz cuántica; Lorena Diéguez, do International Iberian Nanotechnology Laboratory of Braga, que falou sobre biopsia líquida e Thais Pereira-Veiga, do Oncomet, encargada de pechar a xornada cunha conferencia sobre innovadores métodos de diagnose do cancro de mama.

Segunda xornada: novas terapias

A segunda xornada do congreso oriéntase ás novas terapias biomédicas. A sesión plenaria estará a cargo de Arturas Volianskis, da Queen Mary University of London, que explicará as potencialidades farmacolóxicas dos receptores NMDA, relacionados con enfermidades como a epilepsia, o párkinson, o alzhéimer ou a esquizofrenia. Entre outros relatores, intervirá tamén Laura Moinelo, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), para detallar os avances realizados polo grupo Oncomet ao que pertence no campo da biopsia líquida. Por parte da Universidade de Vigo, Alba Vázquez-Arias exporá o seu traballo no eido das nanolámpadas para a modulación inducida por luz da función celular, con aplicacións na fotomedicina. En total na xornada do martes terán lugar oito ponencias científicas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CIM impulsa a súa presenza na investigación mariña europea

O centro vigués busca converterse nun referente establecendo colaboracións con persoal investigador e institucións internacionais

Por que o exercicio físico axuda a que os tratamentos médicos funcionen mellor?

É unha ferramenta barata, fácil de usar e moi efectiva coa que podemos mellorar o prognóstico da maioría de enfermidades

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos

Por que a clonación é tan rara na natureza

A partenoxénese é un tipo de reprodución asexual que empregan as femias dalgunhas especies para realizar copias de si mesmas