Xoves 25 Abril 2024

Un novo brote de sarampelo pon en alerta ao norte de Portugal

En setembro de 2016, a OMS e as autoridades sanitarias de Portugal declararon que o país quedaba libre do sarampelo e a rubéola. Pero menos dun ano despois, en abril de 2017, a morte por sarampelo dunha moza que non estaba vacinada e un brote que afectou a decenas de persoas espertou de novo a preocupación no país. En novembro, unha enquisa realizada polo Instituto Nacional de Saúde revelou que se perdera a inmunidade de grupo (unha cobertura maior do 95%), clave para evitar o contaxio entre as persoas que, por motivos de saúde, non poden vacinarse.

Nas últimas semanas, un novo brote xurdiu no norte de Portugal, na área de Porto. As últimas informacións que achegou a Direção-Geral de Saúde (DGS) fala de 53 casos confirmados, dentro dun total de máis de 150 sospeitosos. A maioría dos enfermos son persoal sanitario, sobre todo no Hospital de Santo António. Ata agora, ningún caso reviste gravidade. Con todo, ante a alta incidencia nos traballadores, as autoridades están recomendándolles a vacina para evitar que siga aumentando o número de casos.

Publicidade

Nun comunicado, a DGS sinalou que todos os casos confirmados e sospeitosos son de persoas adultas, agás o dun bebé de 12 meses, que aínda non está confirmado. O organismo xa anunciou que está en marcha unha “investigación epidemiolóxica detallada da situación” para coñecer a orixe do brote. Mentres tanto, o organismo recomenda a todas as persoas que teñan síntomas da doenza, como febre, erupcións na pel, conxuntivite, conxestión nasal ou tos, que eviten desprazarse e entrar en contacto con outras persoas.

Sarampelo: un virus moi contaxioso

Un dos principais problemas aos que se enfrontan as autoridades sanitarias portuguesas é a alta capacidade de contaxio que ten o virus cando unha persoa afectada entra en contacto con outras que non o están. O sarampelo adoita transmitirse por contacto directo ou vía aérea. Primeiro infecta o tracto respiratorio e esténdese despois ao resto do organismo. Os primeiros síntomas adoitan ser a febre alta, que comeza uns 10-12 días despois do contacto co virus, e dura entre 4 e 7 días. Despois aparecen erupcións cutáneas, xeralmente na cara e no pescozo, que se estenden a outras partes do corpo. A vacina, aínda que non sempre evita a doenza, si protexe contra as posibles complicacións, que son máis habituais en adultos, e que poden causar deshidratación, neumonía e ata edemas cerebrais.

Despois de ser prácticamente erradicado en Europa, o sarampelo está xurdindo de novo en varios países, cun aumento de casos dun 400% en 2017, en varios brotes que causaron 35 mortes e 12.000 afectados.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.

Atopados os vestixios máis antigos da presenza humana en Europa nunha zona de Ucraína

As ferramentas paleolíticas achadas no xacemento de Korolevo quedaron enterradas hai 1,42 millóns de anos

Un proxecto europeo busca reducir a captura accidental de especies protexidas no Atlántico

Investigadoras do IEO liderarán un dos casos de estudo dirixido a mitigar a captura de quenllas e tiburóns nas pesqueiras de atún