Niveis de referencia de radon (en verde) e niveis detectados nas medicións realizadas no Concello de Ourense. Elaboración propia cos datos dos informes da USC.

Niveis de referencia de radon (en verde) e niveis detectados nas medicións realizadas no Concello de Ourense. Elaboración propia cos datos dos informes da USC.

Detectan niveis de radon 10 veces por riba do recomendado no edificio do Concello de Ourense

Os resultados dos informes encargados a laboratorios da USC poñen de manifesto o problema da exposición a este gas nos edificios públicos de Galicia

O 6 de febreiro de 2018, en menos dun mes, é a data marcada na directiva da Unión Europea que obriga aos Estados membros a poñer en vigor as medidas legais precisas para protexer aos seus cidadáns contra a exposición a radiacións ionizantes. Galicia ten unha importante parte do seu territorio afectada por altos niveis de gas radon.

Amais do problema existente nas vivendas particulares, os edificios públicos tamén están expostos a concentracións por riba dos niveis recomendados. A OMS propón un nivel de referencia de 100 Bequerelios/metro cúbico para minimizar os riscos; en Estados Unidos o nivel está en 148 e na Unión Europea, a normativa (que por agora non se cumpre en Galicia e España) sinala como nivel de acción as cifras superiores a 300 Bq/m3.

A zona dos alguacís e do grupo de OUeC tiña niveis por riba dos 1.000 Bq/m3

O último dos problemas xurdidos arredor do radon ten lugar no Concello de Ourense, onde se detectaron, segundo os informes realizados por dous laboratorios da USC, niveis por riba dos 1.000 Bq/m3 en varias estancias de edificios municipais. Ante estes rexistros, o Concello de Ourense decidiu o traslado provisional dalgúns traballadores que desenvolven as súas tarefas nestas estancias.

Por parte do goberno local, segundo un acordo plenario de abril de 2017, solicitouse unha análise ao Laboratorio de Análise de Radiacións, da Facultade de Física da USC. Segundo indicou en rolda de prensa a concelleira Flora Moure, realizáronse dúas series de medicións en varias dependencias municipais. Os niveis máis altos con presenza de persoal municipal, no soto do edificio do Concello, rexistráronse na zona de traballo dos alguacís (1743 Bq/m3) e o grupo de Ourense en Común (1.208 Bq/m3).

Foi precisamente este grupo o que encargou outro informe, neste caso ao Laboratorio de Radon de Galicia, dependente da Facultade de Medicina da USC. O estudo, asinado por Juan Miguel Barros Dios, director técnico do Laboratorio, subliña que “o resultado atopado indica unha concentración media, nas 73 horas de exposición, de 941 ± 155,2 Bq/m3, cunha porcentaxe de incerteza do 16,5%”.

Distribución das concentracións de gas radon no local do grupo municipal de Ourense en Común. Fonte: Laboratorio de Radon de Galicia / OUeC.

Distribución das concentracións de gas radon no local do grupo municipal de Ourense en Común. Fonte: Laboratorio de Radon de Galicia / OUeC.

Tal e como amosa o gráfico que acompaña o estudo, vese que entre as 12 da noite e as 12 da mañá prodúcense os niveis máis altos, “rebasando os 1.500 e aínda os 2.000 Bq/m3″. Así Barros Dios conclúe que “os resultados da medida en continuo indican uns niveis moderadamente superior ao recomendado na normativa”.

Medidas correctoras dos niveis

Ante esta situación, o goberno municipal xa adiantou, alén do traslado provisional, a toma de medidas correctoras, con sistemas de captación e extracción do gas a través de arquetas e extractores, para expulsalo ao exterior.

Estas son, a xuízo dos expertos, as actuacións que se deben levar a cabo en caso de atopar niveis por riba do permitido. Alberto Ruano, investigador do Laboratorio de Radon de Galicia, expón que “o problema hai que afrontalo con naturalidade e transparencia. Se hai un organismo que quere medir o radon, non se trata só de que se mida, senón tamén de estar preparado para tomas as accións de remediación precisas para solucionar estos niveis, e executalas de maneira inmediata”.

Incumprimento da lei

Ruano apunta que en lugares de traballo e con elevada permanencia de público, como centros educativos e hospitais, “apenas se está facendo nada“, tal e como denunciou, xunto a un grupo de compañeiros, nun recente artigo. Lembra tamén que “hai unha instrución do Consello de Seguridade Nuclear publicada en 2012 que sinala que o “nivel para a protección dos traballadores frente á exposición ao radon debe ser de 600 Bq/m3 de concentración media anual durante a xornada laboral”, e que obriga a medir radon en determinadas circunstancias, con zonas de risco, e en postos de traballo subterráneos, e ninguén o fai”. Sinala tamén o investigador da USC que xa en 2006 se intentou levar a cabo a modificación do Código Técnico de Edificación para incluír a obriga de instalar mecanismos de extracción do radon. Non en tanto, e aínda que o Ministerio de Fomento anunciou que a normativa ía estar lista en 2017, segue sen ser pública a menos dun mes da trasposición da directiva.

Un estudo de 2010 detectou niveis por riba de 400bq no 34% dos institutos analizados

O problema do radon nos edificios públicos de Galicia quedou de manifesto con varios estudos que amosaron niveis por riba do permitido en centros de ensino, onde se concentra un gran número de xente moza. En 2010, un equipo de físicos da USC publicou unha investigación que sinalaba que o 34% dun total de 58 institutos das catro provincias galegas que foron estudados tiñan niveis por riba dos 400 Bq/m3. E nos últimos dous anos, persoal das facultades de Informática e Socioloxía da Universidade da Coruña tivo que ser tamén trasladado temporalmente mentres non se realizasen as medidas correctoras, segundo informaba o xornal La Opinión de A Coruña.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.