eglerina

Na busca da Englerina, o composto contra o cancro dunha planta africana

Investigadores do CIQUS da Universidade de Santiago atopan un novo xeito de sintetizar este antitumoral

A Englerina A é un produto natural derivado do Phyllanthus engleri, unha singular planta do leste de África que nos últimos anos ten atraído a atención de químicos, biólogos e médicos pola súa eficacia na inhibición potente e selectiva do crecemento de células tumorais no ril. Non obstante, e malia as súas bondades terapéuticas, o seu illamento segue sendo moi custoso e ineficaz a causa do seu escaso arraigamento natural, exclusivo de contadas rexións de Tanzania, Zambia, Malawi, Zimbabue ou Mozambique.

José Luis Mascareñas é o director do CIQUS de Santiago.

José Luis Mascareñas, do CIQUS de Santiago.

Consecuentemente, o interese por atopar novas formas de sintetizar a Englerina de xeito sinxelo e eficiente ten multiplicado os esforzos dedicados pola comunidade científica. Traballos recentes observaron o comportamento deste composto, describindo o seu modus operandi en tecidos renais e demostraron que esta substancia é capaz de unirse a uns receptores situados nas membranas das células tumorais e desencadear unha entrada masiva de ións calcio no interior da célula, o que provoca a morte desta. Na actualidade, os investigadores afánanse en atopar moléculas moi semellantes que poidan chegar a ser igual de potentes causando unha menor toxicidade, ás que se coñece como análogos estruturais.

O profesor José Luis Mascareñas, director do CIQUS, dirixiu esta investigación
Agora, un equipo do CiQUS da USC liderado polo profesor José Luis Mascareñas e por Fernando López, do CISC, publica na revista Angewandte Chemie un novo traballo no que se presenta unha forma moi eficiente de acceso á Englerina A mediante 17 etapas sintéticas, cun rendemento global do 11%. Asemade, os científicos puideron acceder por primeira vez aos codiciados análogos, a través de variacións estruturais en determinadas zonas da molécula que nunca antes foran exploradas.

O acceso a estes novos análogos facilitará o estudo en profundidade dos mecanismos biolóxicos empregados por este tipo de moléculas anticanceríxenas, algo que xa ten aberto liñas de colaboración con outros grupos a nivel estatal e internacional. Ademais, e ante a previsible utilidade dos análogos que poderían obterse, o grupo solicitou unha patente para protexer a ruta sintética desenvolvida: unha estratexia adaptable, sinxela e eficiente que os científicos esperan poder trasladar ao deseño doutras moléculas da mesma familia que a Englerina (Sesquiterpenos Guaianos), que xa teñen demostrado un interesante comportamento biolóxico.

A ruta más sinxela
A Englerina A foi sintetizada por primeira vez en 2009, e dende entón distintos grupos de investigación de todo o mundo lograron deseñar os seus propios métodos –ou rutas sintéticas- para obtela. «O que diferenza esta aproximación das anteriores é a súa simplicidade, xa que a nosa estratexia permite obter a molécula en moi poucas etapas». Para Ronald Nelson, primeiro autor do traballo desenvolvido polo grupo MetBioCat do CiQUS da USC e no que tamén participa Moisés Gulías, este novo método «non é soamente sinxelo, senón que permite sintetizar análogos estruturais da Englerina A que ata agora eran totalmente inaccesibles: fomos quen de modificar a estrutura da molécula en puntos aínda inexplorados, onde nunca ninguén antes puidera facer cambios».

Unha resposta a “Na busca da Englerina, o composto contra o cancro dunha planta africana”

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.