Sábado 20 Abril 2024

Morre unha muller con asperxelose grave no novo hospital de Vigo

O novo hospital de Vigo, no que as análises microbiolóxicas detectaron Aspergillus, rexistrou o primeiro caso de asperxilose grave, unha paciente que ingresou na parte da UCI que está operativa e que faleceu horas máis tarde debido a unha grave doenza hepática, segundo confirmaron a GCiencia fontes sanitarias. Aínda que non se pode concluír con total seguridade que a infección fose contraída no propio Álvaro Cunqueiro, esa é a principal e case única hipótese coa que traballan os médicos, xa que os estudos que están en posesión da dirección do centro revelan “niveis altos” de proliferación de numerosas variedades do fungo en quirófanos e UCI.
Segundo puido saber GCiencia, que destapou o pasado luns o positivo de Aspergillus, os cultivos realizados detectaron múltiples fungos, entre eles o Aspergillus fumigatus, o que maior número de infeccións causa. Malia que o único valor de bioseguridade admisible nun quirófano desta clase de fungo é cero ufc (unidades formadoras de colonias), as análises revelan cantidades superiores a 40 ufc e nalgún caso próximo a 100. A Consellería de Sanidade segue sen confirmar nin desmetir estes positivos, e o seu titular, Rocío Mosquera, chegou a afirmar que “non” hai confirmado ningún tipo de Aspergillus”. O Segas negou a última hora deste mércores que a falecida se infectase no Álvaro Cunqueiro.

A infección hospitalaria é a principal e case a única hipótese dos facultativos


A vítima é unha persoa de 65 anos en situación moi grave, na que a infección foi pouco ou nada relevante na seu falecemento. Non obstante, presentaba unha descompensación dunha hepatopatía, non un cadro respiratorio, polo que se considera que puido adquirir a infección na planta. Tras agravarse o seu cadro trasladouse á UCI, onde se lle fixo un lavado broncoalveolar que deu positivo intenso por Aspergillus, sempre segundo fontes sanitarias. A placa de tórax tamén presentou unha infección grave e aguda.
A detección dun caso deste tipo de infección nun hospital como o Álvaro Cunqueiro ou o Xeral é tan excepcional que entre os facultativos hai poucas dúbidas de que se trata dunha infección hospitalaria contraída no novo centro. Os médicos denuncian que o hospital non só se abriu sen unha limpeza completa previa, que aínda segue en obras, o que supón un elevado risco para a contaminacion con fungos de pacientes enfermos, inmunodeprimidos.
Para eles, a presenza de Aspergillus é unha sorpresa só relativa, xa que que en ocasións atenderon a pacientes especialmente sensibles “en medio dunha nube de po” provocada polas obras. Enfermos, familiares e traballadores veñen denunciando dende hai semanas moitas outras deficiencias no hospital -no que o sistema de aire acondicionado provocou xa goteiras e o desprendemento de parte do falso teito sobre unha paciente- e mesmo a presenza de ratos en corredores e cuartos. O hospital é o proxecto estrela do Goberno de Alberto Núñez Feijóo, que confiou a súa construción e financiamento a unha concesionaria mediante un modelo público-privado.
Aínda que a maioría das persoas frecuentemente están expostas ao Aspergillus, as infeccións causadas polo fungo rara vez acontecen en persoas cun sistema inmunitario normal. As principais formas de infección son a asperxilose pulmonar de tipo broncopulmonar alérxica, o aspergiloma ou bóla fúnxica e a asperxilose pulmonar de tipo invasor, unha infección grave con pneumonía que se pode diseminar a outras partes do corpo. Das súas máis de 600 variedades, o Aspergillus fumigatus é o que maior número de infeccións causa, seguido do flavus. A súa presenza é unindicador indirecto dun mal funcionamento ou mantemento do sistema de ventilación, da limpeza ou da circulación de aparatos e persoas no quirófano.
Con tratamento, as persoas con asperxilose alérxica melloran xeralmente co tempo, aínda que é común que a enfermidade reapareza e sexa necesario repetir o tratamento. Pero ao proliferar nun hospital, a súa incidencia en pacientes inmunodeprimidos convérteo nun inimigo temible. Hai tres anos, a súa detección obrigou a pechar unha planta no Hospital Meixoeiro de Vigo, pero foi en 1998 cando o seu nome se fixo tristemente famoso non só na cidade, senón en toda España. Ese ano, a asperxilose provocou a morte de seis persoas nese mesmo centro hospitalario.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

‘Skincare’, cuestión de saúde? : “Hai que diferenciar entre dermatoloxía e cosmética"

O experto Juan García Gavín apunta que aínda unha gran parte da poboación cre que o coidado da pel provén do mero interés estético

O sarampelo rexorde con forza en Europa: que podemos facer?

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de As autoridades sanitarias portuguesas confirmaron un novo caso de...

Confirmado: fumar prexudica as defensas incluso anos despois de deixalo

O tabaquismo produce alteracións na inmunidade innata e adaptativa, así como cambios epixenéticos que se manteñen durante décadas

De beber? Auga, pero que sexa reciclada, por favor

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de Quizais aínda non o saiba pero, do mesmo...