Xoves 25 Abril 2024

Crean un modelo 3D para estudar in vitro os tumores de pulmón

Un equipo de científicos, do que formaban parte investigadores do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago, desenvolveu un modelo en tres dimensións para estudar in vitro o microambiente tumoral nos cancros de pulmón. Deste xeito, poderase identificar e estudar as interaccións tumor-microambiente, avaliando a súa influencia na progresión deste tipo de cancro.

Con este modelo en 3D foi posible describir como inflúen nos procesos de diseminación e metástase os macrófagos infiltrados no tumor e a rixidez na matriz extracelular. O traballo foi dirixido por María de la Fuente, investigadora do grupo de Oncoloxía Médica Traslacional (Oncomet), que dirixe Rafael López, e que pertence tamén ao Centro de Investigación Biomédica en Red de Cáncer (Ciberonc). Os resultados da investigación, financiada pola Fundación Barrié, a universidade de Harvard e Oncomet, acaban de ser publicados na revista Biofabrication.

Publicidade

Un modelo do microambiente tumoral

O crecemento do tumor e a formación de metástases implican tamén a alteración e recrutamento de células non malignas no tumor primario, entre elas, as células inmunes, o que constitúe deste xeito o microambiente tumoral. Nesta complexa situación xoga un papel importante a matriz extracelular, que alberga múltiples sinais bioquímicos e mecánicos que modulan a progresión do tumor.

Deste xeito, a posibilidade de desenvolver modelos in vitro que representen esta situación e permitan o estudo do macroambiente tumoral, así como a traslación da investigación básica á clínica, é un desafío cada vez máis importante. E esta é unha das liñas de investigación que dirixe a científica María de la Fuente na Unidade de Nanooncoloxía do IDIS, integrada dentro do grupo Ciberonc que lidera Rafael López.

Marta Alonso, Rafael López e María de la Fuente, tres dos autores do estudo.
Marta Alonso, Rafael López e María de la Fuente, tres dos autores do estudo.

Así, o principal obxectivo desta nova investigación centrouse no desenvolvemento dun modelo en 3D para mimetizar o microambiente tumoral in vitro nun hidroxel de rede interpenetrante (IPN). Mediante este procedemento foi posible describir a influencia dos macrófagos e a rixidez da matriz. “Este modelo de cultivo tridimensional permitiunos demostrar que os cambios na rixidez da matriz contribúen ao fenotipo invasivo das células tumorais”, explica a galega Marta Alonso, investigadora de Oncomet e primeira asinante do artigo. Engade Alonso que “ademais, existe un efecto combinado entre os factores que segregan os macrófagos de distintos fenotipos (normais e asociados ao tumor) e a rixidez da matriz, para modular o potencial invasivo das células tumorais”. Os resultados obtidos polos científicos demostran, do mesmo xeito, que as células tumorais son capaces de modificar aos macrófagos normais inducindo un fenotipo asociado ao tumor”.

En conxunto, estes resultados proporcionan coñecementos clave sobre o microambiente tumoral, en que tanto os factores celulares como mecánicos contribúen a crear un entorno favorable para o avance do tumor e a metástase. Na mesma liña, as conclusións do estudo suxiren que o desenvolvemento de modelos complexos de microambientes tumorais é unha ferramenta de “crucial importancia” para o futuro deseño e optimización de novas terapias antitumorais, particularmente dirixidas a interferir a diseminación do cancro”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un xigantesco mapa 3D dá a medida máis precisa da expansión do universo

O instrumento DESI cartografa galaxias e cuásares e mide a velocidade de crecemento do cosmos hai entre 8.000 e 11.000 millóns de anos

Os casos de cancro de próstata duplicaranse en 2040

Un informe publicado na revista 'The Lancet' estima que en menos de dúas décadas haberá 2,9 millóns de pacientes con este tumor

Máis alá dos videoxogos: o uso das imaxes creadas con IA

O investigador do CITIC José Antonio Iglesias Guitián analiza no oitavo episodio de O Descodificador as vantaxas e inconvenientes da xeración sintética de gráficos por ordenador

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue