“O que nos mata non é o tumor que aparece primeiro, senón as metástases que veñen despois”, explica Alejandro Sánchez, investigador da USC e do IDIS que acaba de publicar un importante traballo no que, xunto á tamén galega Inés Fernández Piñeiro e un equipo de científicos vascos, alemáns e franceses, conseguiu reducir nun 80% as metástases no fígado que proceden do cancro de colon.
Dentro das metástases, a de fígado é unha das máis temidas. “É o órgano que nos limpa toda a toxicidade que entra no organismo, así que se chega aí un tumor a cousa complícase, e en case todas as metástases é o máis afectado”.
Cando as células tumorais saen do seu lugar de orixe e comezan a espallarse polo corpo, enganan ao organismo para medrar. “Son intrusos que non deberían estar aí”, explica Alejandro Sánchez. Pero aínda así, comezan a construír unha estrutura para alimentarse. “Para medrar, o tumor crea vasos sanguíneos que antes non estaban”.
saude/metastase-figado-usc-idis/
E aí entran en xogo os científicos. “Nós temos que dicirlle ao corpo que aí non hai nada que precise máis enerxía, nin vasos sanguíneos novos. Hai que restablecer a situación normal. E fomos capaces; conseguimos enganar ao tumor para que deixe de medrar”.
Colleron varios grupos de ratos, aos que lles provocaron unha metástase no fígado. No proceso para derrotar á metástase, segundo explica Sánchez, hai varios elementos a ter en conta. Por un lado, a combinación de moléculas que enganan ao tumor. E por outra banda, e non menos importante, as nanopartículas que conducen ás moléculas ata o lugar onde teñen que actuar. Disto encárgase o equipo da USC, de construír os ‘vehículos’ que levaban aos compostos ata a metástase.
“Cremos que podería servir para outros tipos de cancro”, sinala Sánchez
ImPara enganar ao tumor, comezaron por extraer as células endoteliais afectadas pola metástase e comparáronas con outras sás. Observaron as diferenzas, e viron que un tipo de micro-RNA (o mir-20a) uns elementos que participan na regulación de proteínas, estaba nas células sas, pero non nas que estaban en contacto co tumor.
A continuación, comezaron a experimentar para ver se a inclusión do mir-20a podería ‘enganar’ ás células tumorais para que cambiasen o seu comportamento. Mediante técnicas de nanotecnoloxía, obtiveron unhas partículas que dirixiron cara as células endoteliais hepáticas nos ratos aos que se lles provocara a metástase. E a análise demostrou que nos casos tratados se formaran moitos menos vasos sanguíneos novos dentro dos túmores. “E certificamos que o número e tamaño das masas da metástase se reduciran nun 80%“, explica Sánchez.
Unha vez conseguido este avance, o equipo márcase diferentes liñas para aumentar a eficacia do proceso. “Cremos que podería servir tamén para outros tipos de cancro”, sinala Sánchez. E por outra banda, tamén queren aumentar a porcentaxe do 80%, para derrotar en todos os casos á metástase.