Distribución espacial da composición de metais no solo nos municipios españois:, zinc (Zn), aluminio (Al), manganeso (Mn), na primeira imaxe; e cadmio (Cd), chumbo (Pb) e arsénico (As). / G. López-Abente et al./Environ Sci Pollut Res Int.

Distribución espacial da composición de metais no solo nos municipios españois:, zinc (Zn), aluminio (Al), manganeso (Mn), na primeira imaxe; e cadmio (Cd), chumbo (Pb) e arsénico (As). / G. López-Abente et al./Environ Sci Pollut Res Int.

Un estudo asocia os metais pesados no solo coa mortalidade por cancro

Dúas investigacións atoparon asociacións entre a presenza de determinados elementos e a mortalidade por diversos tipos de tumores nos municipios españois

O risco de morrer por cancro non é o mesmo en todas as rexións. Son moitos os factores que inflúen, incluído o tipo de solo, que pode albergar metais pesados e semimetais carcinóxenos para os seres humanos. A exposición crónica dunha poboación a estes elementos tóxicos, que entran no organismo a través da cadea trófica e os alimentos, podería aumentar a frecuencia de determinados tumores nalgúns territorios.

Atopáronse relacións entre chumbo e tumores de esófago e entre cobre e tumores de pulmón, entre outros

Investigadores do Centro Nacional de Epidemiología do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) e o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME) valoraron a posible asociación estatística entre as concentracións de metais pesados do solo e a mortalidade por diferentes tipoloxías de cancro. Os resultados publicáronse nas revistas de acceso aberto Environmental Geochemistry and Health e Environmental Science and Pollution Research International.

Os datos foron extraídos do Atlas Xeoquímico de España, publicado polo IGME en 2012, e dunha base de datos coas 861.440 defuncións por 27 tipos de cancro que ocorreron nos case 8.000 municipios españois entre 1999 e 2008. Os datos pódense extrapolar á actualidade porque a composición xeoquímica do solo é estable e os patróns de mortalidade por esta enfermidade non adoitan variar.

Os autores cruzaron a información do tipo de solo e a distribución xeográfica dos tumores, aplicando análises estatísticas e tendo en conta a presenza de focos contaminantes locais ou variables de tipo sociodemográfico que puidesen interferir nos resultados.

Resultados

Así atoparon diversas asociacións, como unha mortalidade máis elevada en ambos os sexos por cancro de esófago en zonas con maiores concentracións de chumbo, e por cancro de pulmón en áreas onde había niveis altos de cobre.

“Tamén detectamos que as maiores concentracións en solo de cadmio, chumbo, zinc, manganeso e cobre asócianse estatisticamente cunha maior mortalidade por cancros do sistema dixestivo en homes”, explica á Axencia Sinc Pablo Fernández, investigador do ISCIII e coautor do traballo, “e en caso das mulleres, unha maior mortalidade por cancro de encéfalo naquelas zonas con máis contido en cadmio”.

Os resultados tamén mostran unha relación entre solos con máis cadmio e maior mortalidade por cancro de vexiga; así como terreos con concentracións elevadas de arsénico e máis casos de falecemento por tumores cerebrais.

“Hai que intepretar os resultados con moita cautela”, di un dos autores do estudo

“Esta investigación suxire que a composición xeoquímica do solo, en especial os seus metais, poderían estar a influír na distribución espacial e os patróns de mortalidade do cancro en España, independentemente do contexto sociodemográfico”, apunta Fernández, quen destaca “a gran contribución deste traballo á epidemioloxía ambiental e a saúde pública en xeral”.

“Con todo –engade–, aínda que é plausible que os contidos de elementos tóxicos do solo, aínda que sexan uns niveis moi pequenos, e poidan supoñer un compoñente máis na etiología do cancro, hai que interpretar os resultados con moita cautela, xa que as relacións atopadas non permiten concluír que exista unha relación causa-efecto. O noso estudo non dispón de datos de exposición individuais nin información sobre outros factores moi importantes na orixe do cancro, como é o caso do tabaco, o consumo de alcol ou a obesidade”.

Gonzalo López-Abente, outro dos coautores e tamén investigador do ISCIII, coincide: “As conclusións móvense no campo das hipóteses e das asociacións estatísticas, que terán que ser confirmadas con futuras análises para comprobar se a propia composición do solo ten o seu correlato nos marcadores biolóxicos dos humanos. En calquera caso, os resultados son plausibles e poderiamos estar fronte a un compoñente máis da etioloxía do cancro”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.