Xoves 18 Abril 2024

Marisol Soengas dirixirá dende o CNIO un macroproxecto para investigar o melanoma

A Fundación Científica da Asociación Española Contra el Cáncer (AECC) vén de conceder unha axuda de 1,2 millóns de euros ao Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO), para impulsar un macroproyecto multidisciplinar que terá como obxectivo o avance no diagnóstico e tratamento do melanoma. O macroproxecto está dirixido por unha investigadora galega, Marisol Soengas, xefa do Grupo de Melanoma do CNIO, que coordinará un equipo multidisciplinar coa participación dunha ducia de centros científicos.

Imaxe clásica dun melanoma, o cancro de pel.
Imaxe clásica dun melanoma, o cancro de pel.

O proxecto terá catro grandes obxectivos: identificar os principais factores de risco; descubrir os xenes implicados na metástasis temperá; validar novas opcións terapéuticas; e establecer un programa de formación dos investigadores básicos e clínicos, que así terán a oportunidade de intercambiar coñecementos e afondar xuntos na validación de estratexias eficaces contra esta enfermidade.
Calcúlase que 1 de cada 50 nenos nados este ano desenvolverá nalgún momento da súa vida un melanoma (un cancro agresivo que afecta aos melanocitos, as células que producen melanina, responsable por exemplo da pigmentación da pel). Nos últimos anos, a investigación básica ten conseguido mellorar as respostas positivas dos pacientes, que pasaron dun 10-20% a un 60-70%. Con todo, trátase dun dos tipos tumorais que máis retos expón aos investigadores, ao manifestarse de múltiples xeitos e presentar un gran número de mutacións e unha gran plasticidade funcional.
A agresividade e potencial de metástasis dos melanomas son outras dificultades engadidas: “Os melanomas son o único tipo cancro no que  cada décima de milímetro conta no prognóstico dos pacientes: un tumor de 2 mm de profundidade xa ten unha potencial capacidade metastásica”, explica Marisol Soengas: “Unha aproximación fundamental do noso proxecto consistirá en comprender como as células do melanoma comunícanse coa súa contorna, localmente e a distancia”.

Laboratorios de Estados Unidos e Australia colaborarán no proxecto do CNIO

A formación é outra das metas do consorcio. Os investigadores básicos dispoñerán de mentores nos hospitais, onde poderán profundar na patoloxía da enfermidade, mentres que os especialistas clínicos acudirán aos centros de investigación para coñecer os seus mecanismos moleculares. “Confiamos en que este proxecto nos permita contar con mellores opcións de diagnóstico e tratamento do melanoma dentro de 5 anos”, indica Soengas.
Durante 5 anos, Soengas liderará un a 11 grupos de investigación, tanto do propio Centro como do Hospital Clínic de Barcelona, o Hospital 12 de Octubre de Madrid, o IDIBAPS, o VHIR, o ICO e o IDIBELL. Ademais, contarán coa colaboración do National Cancer Institute, o Weill Cornell Medical College (ambos de Estados Unidos), e o Queensland Institute of Medical Research (Australia). O carácter multidisciplinar do consorcio unirá as tecnoloxías bioinformáticas e de análise xenética máis punteiras cos coñecementos de investigadores básicos e clínicos nos ámbitos da bioloxía molecular, a farmacoloxía, a dermatoloxía e a bioinformática, que traballarán con modelos animais e máis de 4.000 mostras clínicas procedentes de pacientes.
 

Publicidade

Unha galega que foi portada da revista Cell

Marisol Soengas naceu en 1968. Tras doutorarse en Microbioloxía na Universidade Autónoma de Madrid, en 1997 iniciou unha etapa de investigación no Laboratorio de Cold Spring Harbour (Nova York), analizando os mecanismos da morte celular. O xiro cara ao estudo do melanoma humano chegaría buscando unha resposta á súa alta resistencia ás terapias.
É desde 2008 a directora do grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO), o mesmo que hai uns meses identificou un composto sintético capaz de desencadear a destrución masiva das células deste agresivo cancro de pel, abrindo camiños esperanzadores para a consecución dun tratamento eficaz. O achado mereceu a portada da prestixiosa revista científica Cell no mes de agosto de 2009.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O melanoma ‘rompe’ xenes para resistir a acción dos fármacos

Un de cada dous pacientes con este tumor de pel terá mutacións no xene BRAF e o 50% dos casos recaerán nun ano

Os casos de cancro de próstata duplicaranse en 2040

Un informe publicado na revista 'The Lancet' estima que en menos de dúas décadas haberá 2,9 millóns de pacientes con este tumor

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor