María José Alonso, catedrática da USC. Foto: Paula Martínez Graña.

María José Alonso, catedrática da USC. Foto: Paula Martínez Graña.

A científica María José Alonso, recoñecida coa Medalla Castelao

O Consello da Xunta acordou este xoves concederlle o recoñecemento a catedrática da USC, que recibirá a Medalla o vindeiro 28 de xuño

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión deste xoves o decreto polo que se concede a distinción coa Medalla Castelao. Os galardóns recoñecen a aquelas persoas “cuxa obra en calquera faceta da actividade humana se considera merecedora do recoñecemento de toda Galicia”.  E entre os galardoados deste ano está a científica María José Alonso Fernández, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na Universidade de Santiago de Compostela.

Alonso é a investigadora española máis influínte no eido das Ciencias da Saúde

María José Alonso, nacida en Carrizo de la Ribera (León) en 1958, graduouse en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela en 1981 e obtivo o seu doutoramento en 1985. Realizou estancias nas universidades de París XI e Angers (Francia) e no Massachusetts Institute of Technology, MIT (Estados Unidos). Entre 2006 e 2010 foi Vicerreitora de Investigación e Innovación da USC. Nos últimos anos consolidouse como a científica española máis influínte no eido das Ciencias da Saúde. Suma máis de 235 contribucións científicas e con máis de 11.600 citas, e é artífice de 19 familias de patentes.

Actualmente dirixe o MJ Alonso Lab, adscrito ao Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) e á universidade compostelá. Nos últimos anos recibiu importantes recoñecementos: en 2017 ingresou na Academia de Medicina dos Estados Unidos e no Instituto Estadounidense de Enxeñaría Médica, e tamén foi elixida presidenta da Controlled Released Society a sociedade científica máis relevante a nivel mundial no ámbito dos sistemas de liberación de fármacos e nanomedicina. 

Baixo o seu liderado, o laboratorio foi pioneiro en numerosos descubrimentos no campo da tecnoloxía farmacéutica e a nanomedicina. A súa investigación impulsou o desenvolvemento de sistemas de liberación dirixida de fármacos e vacinas. Coordinou varios consorcios de investigación financiados pola OMS, a Fundación Bill e Melinda Gates e a Comisión Europea.

A arquitecta Isabel Aguirre de Úrcola, outra das premiadas. Foto: Fundación Juana de Vega.

A arquitecta Isabel Aguirre de Úrcola, outra das premiadas. Foto: Fundación Juana de Vega.

En 2014, xunto a Alicia Estévez, María José Alonso foi a primeira muller en ingresar na Real Academia Galega de Ciencias despois de case 25 anos. Nese mesmo ano recibiu tamén o prestixioso premio Maurice Marie Janot, concedido pola Sociedade Farmacéutica Europea. O ano anterior (2013), foi recoñecida co premio María Josefa Wonenburger e en 2011, co premio Novoa Santos. 

Aguirre de Úrcola, outra das premiadas

María José Alonso recibirá o seu galardón o vindeiro 28 de xuño. Ademais da científica, recibirá tamén o seu galardón a arquitecta Isabel Aguirre de Úrcola, actual directora da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega. Conta con máis de 25 anos de experiencia na docencia e na investigación, na Universidade da Coruña e noutras universidades españolas e estranxeiras. En 1997 recibiu o Premio Nacional de Arquitectura ‘Manuel de la Dehesa’  pola rehabilitación do Parque de Bonaval en Santiago de Compostela, e tamén Premio Europeo de Intervención no Patrimonio Arquitectónico polo seu traballo de recuperación paisaxística do contorno do mosteiro de Caaveiro. Ademais, en 2015 recibiu o Premio María Wonenburger.

Ademais, serán galardoados o fundador da Sociedade Téxtil Lonia, Jesús Domínguez; o crego e activista social e cultural Xesús Mato Mato; e os carteiros rurais de Correos.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.