Xoves 28 Marzo 2024

Aumentan en Galicia os casos de Lyme, unha infección que transmite a carracha

A enfermidade de Lyme, unha patoloxía infecciosa e multisistémica transmitida pola picadura de carrachas duras, principalmente do xénero Ixodes ricinus e que no home presenta un espectro de manifestacións moi amplo, incrementou a súa taxa da incidencia na última década en Galicia, segundo conclúe a neuropediatra luguesa e médico adxunto do Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula) María Esther Vázquez López na tese de doutoramento que vén de presentar na Facultade de Medicina da USC.

A doutora Esther Vázquez López.
A doutora Esther Vázquez López.

A tese ‘Estudo da enfermidade de Lyme na área sanitaria do Hospital Universitario Lucus Augusti e a súa relación coas poboacións de corzos parasitados por Ixodes’, dirixida polo catedrático de Neuropediatría da USC, Manuel Castro Gago, e polos profesores da área de Sanidade Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo, Patrocinio Morrondo, Gonzalo Fernández e Pablo Díaz Fernández, constitúe un estudo autorizado polo Comité Galego de Bioética, no que Vázquez López realiza unha análise interdisciplinar e retrospectiva tanto da seroprevalencia como da taxa de incidencia desta infección.

Publicidade

A enfermidade de Lyme é unha patoloxía infecciosa e multisistémica que no home presenta un espectro de manifestacións diverso, fundamentalmente a nivel cutáneo, neurolóxico, reumatolóxico ou cardíaco. O seu axente causal é a espiroqueta Borrelia burgdorferi, transmitida pola picadura de carrachas duras, principalmente do xénero Ixodes ricinus que, entre outros animais, aliméntase dos corzos.

Vázquez López constata nas investigacións incluídas na súa tese de doutoramento que existe unha correlación positiva e significativa entre a taxa de incidencia de enfermidade de Lyme e a densidade destes ruminantes silvestres. No entanto, neste amplo traballo a investigadora comproba que hai outros factores que interveñen na infección das carrachas por Borrelia, polo que entende necesario realizar estudos máis amplos que permitan a súa identificación.

A enfermidade de Lyme ten maior incidencia na montaña de Lugo

A zona de procedencia e o hábitat no que residen os pacientes inflúen sobre a prevalencia e a taxa de incidencia de Enfermidade de Lyme. Estes dous parámetros son sensiblemente superiores entre as persoas residentes na montaña lucense e as que habitan no medio rural. Ademais, Vázquez López indica na súa tese que a taxa de incidencia desta doenza segue unha distribución bimodal respecto da idade dos enfermos, sendo superior nos pacientes en idade pediátrica (menores de 15 anos) e nos maiores de 60 anos.

Tanto nas carrachas obtidas dos corzos como nas recollidas na vexetación, a investigación realizada por Vázquz López posibilitou que se identificaran por primeira vez en Galicia seis xenoespecies de Borrelia, das cales cinco son patóxenas para o home e atópanse entre as de maior interese como causantes de enfermidade de Lyme.

O mellor coñecemento epidemiolóxico desta importante enfermidade que, en Galicia, pódese considerar como emerxente, permitirá non só acadar un mellor índice de sospeita desde o punto de vista médico, optimizando diagnóstico e tratamento; senón ademais, actuar activamente para que a poboación adopte as medidas de protección necesarias para evitar a picadura de carracha e para reducir ao máximo o tempo de alimentación da mesma. A dispoñibilidade deste tipo de información resulta de especial interese para as persoas que viven en zonas rurais ou realizan actividades ao aire libre en zonas de risco.

A doenza é producida por unha bacteria espiroqueta

O laborioso traballo de investigación desenvolvido por Mª Esther Váquez López e compilado na súa tese de doutoramento encádrase no que actualmente se coñece como ‘Unha saúde, unha medicina’, unha iniciativa na que é fundamental a colaboración das diversas profesións sanitarias que traballen a nivel local, nacional e global, para acadar unha saúde óptima para as persoas, os animais e o medio ambiente.

O tribunal estivo integrado polos catedráticos de Sanidade Animal da USC, Pablo Díez Baños, e da Universidade de Zaragoza, Caridad Sánchez Acedo. Os profesores de Pediatría Rosaura Leis Trabazo, da USC, Rafael Palencia Luaces, da Universidade de Valladolid, e Emilio Fernández Álvarez, da Universidade de Barcelona, completan a relación de membros do xurado, que acordou por unanimidade cualificar con sobresaínte cum laude a tese de doutoramento realizada por María Esther Vázquez López.

Unha enfermidade que xa padecía o ‘Home dos Xeos’

A enfermidade de Lyme é tamén coñecida como borreliosis de Lyme. A infección afecta varios órganos do ser humano, causada pola espiroqueta Borrelia burgdorferi, que é transmitida polas carrachas. É a principal enfermidade transmitida por carrapatas en Europa. Os antibióticos son a mellor arma para combatila.

Otzi, o Home dos Xeos, unha momia de hai 3.300 anos.
Otzi, o Home dos Xeos, unha momia de hai 3.300 anos.

É coñecida dende hai máis dun século. Foi descrita por primeira vez en 1909 en Europa como “eritema crónico migratorio”; entre 1920-1940 foi chamada “neuroborreliosis”. No ano 1975 houbo varios diagnósticos nos Estados Unidos nunha localidade chamada Lyme (Connecticut), de onde deriva o seu nome actual.

A doenza pertence a un grupo de patoloxías nas que o dano vascular é unha constante. As bacterias espiroquetas que a causan teñen unha gran agresividade que é importante identificar, previr e tratar. Todos os anos falecen en España pacientes afectados por unha enfermidade deste grupo, a febre botonosa mediterránea. De non obter un diagnóstico, pode ter consecuencias neurolóxicas de difícil tratamento e que deixan secuelas.

Como curiosidade, o mal de Lyme ten moita historia. Porque Otzi, o ‘Home dos Xeos’, unha momia con 3.300 anos de antigüidade, padeció está enfermidade, segundo os estudos forenses practicados. E, para algúns pacientes, convértese nunha doenza crónica. Entre as figuras famosas que a padecen están as cantantes Thalía e Abril Lavigne, ou o actor Alec Baldwin.

4 COMENTÁRIOS

  1. Hace 15 días,una garrapata se ha “instalado” en mi piel.Estuvo casi 5 días, hasta que una amiga me dijo “tienes una garrapata”…Yo creu que tenia una herida y se estaba infectando. Fui a urgencias y allí,con bastante dificultad, han podido sacarla.He tenido algunos problemillas,pero ta está todo bien. Lo que me pregunto es: -Como puedo saber si me ha contaminado o no?

  2. Coñezo ben este tema no ano 2011 produciume un bloqueo no corazon 5 días na UCI e 20 en planta,non por que te pinche este bicho tan pequeno che trasmite a infirmidade ten que estar este infectado por unha bacteria chamada Borrelia burgdorferi que lle trasmiten os corzos e roedores salvaxes, quería dar as gracias o equipo medico do ULA ,enfermeras,celadores, auxiliares, limpadores etc pero en especial a un medico UCiSTA chamado Miguel Ángel que se decatou do que tiña cando cheguei na camilla con tan so 36 pulsacions, comentando os 2 medicos que viñan na ambulancia medicalizada que non entendian que podia ser este dixolles que tiña pinta dunha borreliosis ou enfermidade de lyme, contestando estes ! Sabe mais o demo por vello que por demonio!

  3. Hace 14 años padecí dicha enfermedad, tardaron meses en diagnosticarla, lo pase bastante mal, durante años me siguió brotando dos veces al año, aún hoy en día a veces me da,algo la lata, fue en una mejilla, la tuve horrible, único ttratamiento antibiótico, y aspirina para el malestar, siento que sigan apareciendo casos, cuando me sucedió, la gente no daba crédito a lo que sucedía, pensaban que esta enfermedad estaba erradicada. Desde ese momento me volvi hipertensa, se me ddescubrió hipotiroidismo… Menos mal que no me paso nada más grave, sabiendo todo lo que puede producir.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A metade da poboación está infectada por ‘Helicobacter pylori’: podemos evitar a súa transmisión?

É unha bacteria estendida e común pero pouco estudada que pode producir enfermidades no estómago e no duodeno

Que é a lexionela? A bacteria que agroma en Galicia e Portugal sen que se coñeza o foco

O bacilo deixa 18 casos no Rosal, A Guarda e Caminha. Secuenciaranse mostras para determinar se existe relación entre os gromos

Revelan o mecanismo molecular que activa a toxicidade da bacteria do cólera

Un equipo de científicos de España e EE.UU. descubriron a estrutura atómica da proteína ToxR unida ao ADN

10 formas de evitar as picaduras de carrachas este verán

Estes parasitos son máis activos nos meses de calor e poden transmitir a enfermidade de Lyme, cuxa incidencia está a aumentar en Galicia