Xoves 28 Marzo 2024

A empresa galega que prevén e trata o cancro con auga da billa

Unha reportaxe de E. Rolland/M.Rey

É auga da billa que, ao pasar por un filtro, se converte en ‘auga alcalina ionizada‘. E, segundo a empresa que fabrica o invento, a galega Alkanatur, pasa a ser un remedio para ‘previr e paliar’ as seguintes enfermidades: cancro, diabetes, osteoporose, depresión, hemofilia e párkinson. En realidade, non ten ningunha base científica. Porque a auga carece deses efectos. Pero o kit completo custa 89,95 euros. E, ademais, a compañía utiliza sen permiso os logos das universidades de Vigo e de Santiago para avalar o seu ‘produto milagre’.

Publicidade

A Universidade de Santiago xa trasladou o caso aos seus servizos xurídicos. A de Vigo desmárcase tamén da empresa. E acreditados científicos denuncian que se trata dunha trapallada: a auga alcalina non ten ningún efecto sobre o organismo. Para empezar, por algo tan obvio como que, en canto chega aos ácidos do estómago, perde a súa alcalinidade.

investigamos

O que vende Alkanatur non é novo: moitas empresas no mundo comercializan estes ‘filtros milagre‘. Baséanse na idea dunha ‘dieta alcalina’, que popularizou no 2002 o libro ‘O milagre do pH’, de Robert O. Young, que vendeu preto de catro millóns de copias. Young foi condenado en 2016 en California por exercer a Medicina sen licenza e os escándalos polas vítimas dos seus tratamentos foron obxecto de grandes reportaxes en medios como a británica BBC.

A teoría parte dunha mentira: din que o noso corpo está acedo, por culpa da contaminación, a tensión ou a alimentación. E é necesario rebaixar este ácido cunha dieta alcalina. Todo nesta fantasía baséase no pH, que é a medida da acidez ou alcalinidade dunha solución acuosa. A escala vai de 0 a 14. Canto máis acedo, máis baixo o valor de pH. E, canto máis alcalino, máis alto. A auga pura estaría no medio, nun valor neutro de 7. Pola súa banda, o sangue humano está sempre en valores entre 7,35 e 7,45. Superalos ou rebaixalos é incompatible coa vida.

Pois ben: Alkanatur di que os filtros das súas xerras ‘alcalinizan’ e ‘ionizan’ a auga. E que isto é bo para o organismo. A realidade é que, cando a bebemos, mestúrase cos zumes gástricos, formados por ácido clorhídrico, que ten un pH de 2. O resultado é que a auga deixa de ser alcalina en canto chega ao estómago.

En canto bebemos auga alcalina, faise ácida ao mesturarse cos zumes gástricos

A empresa galega agrava a lea sostendo que a auga das súas xerras serve para ‘previr’ e tamén ‘paliar’ os efectos de enfermidades gravísimas, como o cancro, a hepatite, o párkinson, a osteoporose, a diabetes ou a depresión. Todas aparecen nomeadas na súa páxina web.

Todo iso non só é que non sexa verdade. É que a insistencia dalgunhas destas empresas nos milagres da súa ‘auga alcalina’ levaron en xuño de 2016 á publicación  dun ‘review’ internacional sobre 8.278 estudos científicos. Ningún xamais estableceu unha relación entre a auga alcalina e enfermidades tan graves como o cancro. Nin o prevén nin o cura nin o palía de ningún xeito.

Polo tanto, a auga alcalina nin cura nin serve para nada. “A auga con pH alcalino non produce ningún efecto no organismo, nin pode producilo, e máis vale que non o produza. Afirmar que cun filtro cerámico, ou o que sexa, se consegue unha auga alcalina e que iso é boísimo para a saúde é falso. Non necesitamos auga alcalina e non ten ningún efecto (afortunadamente) para a saúde”, afirma o doutor Manuel Collado, unha autoridade que investigou no CNIO e que hoxe o fai no Laboratorio de Células Nai en Cancro e Envellecemento do IDIS de Santiago de Compostela. Collado analiza con detalle este caso nun completo artigo para GCiencia.

Alkanatura y uvigo

Alkanatur Drops S.L.U. é unha empresa galega fundada en novembro de 2015 por Juan Carlos Novo Barcón e con sede en Ames (A Coruña). A súa actividade CNAE é “Comercio polo miúdo en postos de venda e en mercadillos“. E dende a súa web venden as xerras e filtros e ofrecen uns datos pseudocientíficos que o profesor da Universidade da Coruña Manuel F. Herrador non dubida en cualificar de “absoluta patraña sen base científica”. “Cando se adorna unha estafa con tantos detalles, chegando a implicar a centros de investigación e tentando manipular a documentación científica, non cabe o beneficio da dúbida”, afirma Herrador, “é un timo, é despreciable, e algo máis doloroso cando un ve que está a acontecer preto do seu fogar”.

Con todo, Alkanatur utiliza logotipos da Universidade de Vigo e da Universidade de Santiago na súa propia web. E mesmo afirma que investiga conxuntamente con ambas as dúas universidades. “A nosa tecnoloxía Alkamicronized Selective foi desenvolvida en colaboración co ICG pertencente á Universidade de Santiago de Compostela”, presumen na súa páxina.

O director do ICG négao rotundamente. Francisco Guitián, responsable do Instituto de Cerámica de Galicia (dependente da USC) é claro: “En ningún caso Alkanatur contratou con este Instituto tal desenvolvemento, nin existe ningún informe noso neste sentido”. E engade que a frase de Alkanatur “non responde á realidade“.

Francisco Guitián (USC): ‘O que afirma Alkanatur non responde á realidade’ 

O malestar na Universidade de Santiago é enorme, de modo que trasladaron o caso aos seus servizos xurídicos, por se fose pertinente formalizar unha demanda. Porque o que realmente encargou Alkanatur foi unha análise da potabilidade da auga filtrada e da composición cerámica do seu filtro. “O desenvolvemento do filtro de Alkanatur é responsabilidade exclusiva da empresa. En ningún caso Alkanatur contratou con este Instituto tal desenvolvemento, nin existe ningún informe noso neste sentido”, subliña o doutor Guitián.

Ademais, o ICG denuncia que os seus informes sobre a auga e o filtro foron manipulados para exhibilos na web de Alkanatur: “Os informes nosos que figuran na páxina web non están reproducidos literalmente. Teñen partes borradas ou engadidas, en contra da prohibición que se inclúe nos nosos informes”. Tampouco ten permiso Alkanatur para publicar o logotipo do ICG nin das certificacións de calidade, segundo destacan na universidade compostelá.

Como curiosidade, Francisco Guitián, que evidencia un gran malestar con estes feitos, destaca que o responsable de Alkanatur, J.C. Novo, lles facía preguntas pintorescas dende unha perspectiva científica: “cousas curiosas tales como a posibilidade de que o filtro transmutara uns elementos noutros, se os cloruros poden transformarse en fosfatos, se existen clusters de moléculas de auga con efectos biolóxicos ou se a fisica cuántica ten algo que ver co funcionamento do filtro”. Algunha destas cuestións seica podería estudarse na Idade Media en Alquimia, pero todas elas son unha barbaridade dende o punto de vista científico.

alkanatur drops precios

O propio J.C. Novo preséntase nestes termos no seu propio blogue: “Levo máis de 25 anos dentro do mundo da medicina natural, son quiromasaxista diplomado, pero sobre todo autodidacta“. Antes da auga alcalina, traballara ‘en sistemas de magnetoterapia e bio-photones’.

Coa Universidade de Vigo hai unha cuestión engadida: porque en realidade si fixo unha investigación contratada por Alkanatur. O Departamento de Química Analítica e Alimentaria, radicado en Ourense, fixo un experimento con ratas de laboratorio para analizar se a auga filtrada nestas xerras podería mellorar algún parámetro da Diabetes tipo 1. O estudo afirma que mellora un marcador desta enfermidade, cos niveis de catalasa no páncreas. Con todo, a catedrática María Anunciación Lafuente, que asina o traballo, destaca que os resultados non son extrapolables a humanos. E remata o experimento subliñando que farían falta máis estudos.

Aínda así, Alkanatur difundiu unha nota de prensa que foi recollida en numerosos medios de comunicación. A UVigo manifestou, a preguntas de GCiencia, que non ten nada que ver coa difusión desa información.

Aínda así, Alkanatur anúnciao na súa web como un achado de que a súa auga alcalina mellora a diabetes tipo 1. E tamén incorpora o logotipo da UVigo, afirmando que “coa compra de cada produto Alkanatur fináncianse diversos estudos de investigación, que están a ser desenvolvidos pola Universidade de Vigo, sobre os efectos saudables derivados da inxesta da auga obtida mediante as xerras Alkanatur”.

GCiencia contactou telefonicamente coa catedrática Lafuente, que manifestou estar de baixa e rexeitou comentarios. Os investigadores ‘postdoc’ que traballan no mesmo departamento tampouco fixeron comentarios, ao remitirse á catedrática que dirixiu a investigación. Do mesmo xeito que na USC, os servizos xurídicos da UVigo estudarán a presenza do seu logotipo na web de Alkanatur e é probable que pidan a súa retirada nas próximas horas.

De calquera xeito, unha empresa galega promete con auga da billa filtrada ‘previr’ e ‘paliar’ os efectos de doenzas tan graves como cancro, hemofilia, diabetes, parkinson, osteoporose e depresión. E consegue contratar un experimento coa UVigo. Ao tempo que utiliza os logotipos das universidades galegas para dar credibilidade ao seu produto. Que se vende por pouco menos de cen euros e que, en realidade, é unha lea. Todos os estudos científicos certifican que a ‘auga alcalina ionizada’ non ten beneficios para a saúde de ningún tipo.

Aquí podes acceder á versión en castelán desta reportaxe

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sanidade ordena a retirada dun coñecido fármaco para a diabetes

A AEMPS comunicou que os motivos se relacionan por un defecto de calidade que “non supón un risco vital para o paciente"

África González: "Estamos moi cerca da cura de doenzas autoinmunes"

Os científicos ven posibles as terapias que restauren a tolerancia inmune en enfermidades como diabetes ou lupus

É o alzhéimer un novo tipo de diabetes?

Trátase dunha hipótese aínda non confirmada, pero algúns sinais suxiren que podería existir un vínculo entre estas dúas enfermidades

O risco de cegueira en persoas diabéticas é 25 veces maior que no resto da poboación

A perda de visión severa é evitable en máis do 90 % dos casos se se aplica un diagnóstico e tratamento precoz