.

.

A eurodeputada Lidia Senra cuestiona a seguridade das vacinas

Científicos e responsables de asociacións contra as pseudociencias cualifican de "irresponsable" a pregunta da representante de Anova no Parlamento Europeo

As vacinas “teñen efectos colaterais, contraindicacións e moitos efectos secundarios e adversos que poden aparecer despois da vacinación, chegando nalgúns casos a provocar a morte”. Así comeza a pregunta escrita que a eurodeputada Lidia Senra, representante de Anova no Parlamento Europeo, formulou á Comisión Europea.

“Hai un negocio moi grande detrás dos medicamentos e as vacinas”, di Senra

Esta semana, asociacións de científicos e contra as pseudociencias criticaron a actitude de Senra a través das redes sociais e a polémica fíxose notoria. O presidente do Círculo Escéptico, o biólogo galego Vicente Prieto, manifestou a súa indignación en conversa con GCiencia: “Parécenos moi irresponsable que unha eurodeputada faga afirmacións así. As vacinas son dos medicamentos que máis probas pasan para demostrar a súa efectividade e seguridade”.

Prieto lembrou tamén os problemas que están xurdindo nalgúns países de Europa, como Portugal, Romanía, Inglaterra ou Italia, debido ao movemento antivacinas. “Enfermidades que xa estaban case erradicadas están volvendo a causar problemas graves, como o sarampelo”, con focos graves en cidades como Leeds ou Liverpool nas últimas semanas.  Así, as autoridades inglesas pediron á xente que quedara en casa en caso de ter síntomas. “Estamos vendo que todos os casos son en nenos e adultos novos que non recibiron a tripla vírica”, dicía unha experta do Servizo Nacional de Saúde inglés.

“Parécenos moi irresponsable”, di Vicente Prieto, presidente do Círculo Escéptico

Lidia Senra tamén respondeu ás cuestións de GCiencia, e explicou os motivos que a levaron a presentar esta pregunta: “O tema vai moito máis alá. Hai xente que se cre Deus e que pode xogar coas persoas, ou que pensan que o único válido e certo é o que eles din”, criticou Senra, en alusión ás empresas farmacéuticas. “Hai un negocio moi grande detrás dos medicamentos e as vacinas, que controlan os que pagan as investigacións. Cando a investigación está na súa inmensa maioría en mans privadas, en laboratorios que se lucran co que producen, non se pode dar por seguro todo o que sosteñen”.

“Liberdade para decidir sobre a propia saúde”

Sobre os posibles efectos secundarios das vacinas, Lidia Senra alude aos casos de supostas afectadas pola vacina do virus do papiloma humano e, sobre todo, á falta de información sobre os supostos danos colaterais da inmunización, de aí que se solicite o consentimento informado. “Todo o mundo debe ter dereito a ser informado, a liberdade para decidir sobre a propia saúde. Eu non son ninguén para dicirlle a ninguén o que ten que facer, pero hai que poñer as cartas sobre a mesa”.

A respecto das críticas recibidas, Senra sinala que “igual os que se molestan pensan que o seu negocio pode sufrir se isto sae adiante”. A respecto do aumento dos casos de sarampelo, lembrou: “eu tamén pasei de pequena o sarampelo, como tanta outra xente”.

O comisario de Saúde e Seguridade Alimentaria respondeu a Senra en outubro

O comisario europeo de Saúde e Seguridade Alimentaria , o lituano Vitenis Andrukaitis, respondeu á pregunta de Senra en outubro. Sinalaba na súa contestación que “as vacinas autorízanse unicamente despois de que a súa calidade, seguridade e eficacia fosen avaliadas e se conclúa que hai un balance positivo entre os riscos e os beneficios relacionados co seu uso”.

Engadía o comisario que “tras a autorización, todos os medicamentos, vacinas incluídas, son sometidos a unha vixilancia despois da súa comercialización por parte do titular da autorización de comercialización e as autoridades competentes. Dita vixilancia “inclúe a análise de calquera información nova en materia de seguridade”, e “os indicios de riscos notifícanse a escala da UE e son avaliados pola Axencia Europea de Medicamentos; en caso necesario, adóptanse medidas regulamentarias”. Esta foi a súa resposta íntegra.

Resposta do comisario europeo de Saúde e Seguridade Alimentaria a Lidia Senra. Fonte: Parlamento Europeo.

Resposta do comisario europeo de Saúde e Seguridade Alimentaria a Lidia Senra. Fonte: Parlamento Europeo.

A pregunta foi realizada no verán, pero nos últimos días comezou a circular polas redes sociais, despois dun chío do Partido Popular de Galicia no que criticaba a Senra. E foi durante este xoves e venres cando a polémica cobrou forza a través de Twitter.

Durante esta lexislatura, Senra xa fora criticada pola súa postura respecto a outros temas polémicos como os transxénicos ou o virus zika.

 

 

2 respostas a “A eurodeputada Lidia Senra cuestiona a seguridade das vacinas”

  1. Sofia

    Paréceme moi preocupante que vos fagades eco de magufadas diversas. Eu teño recomendado este medio en numerosas ocasións e despois de ler isto… En fin…

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.