Nos primeiros seis meses de 2017 rexistráronse 22 casos en Galicia, un 340% máis que no mesmo período de 2016.

Nos primeiros seis meses de 2017 rexistráronse 22 casos en Galicia, un 340% máis que no mesmo período de 2016.

Un brote de hepatite A en Galicia obriga a iniciar unha campaña de vacinación

O Sergas advirte dun abrocho que afecta principalmente a homes que manteñen relacións homosexuais, aos que recomenda vacinarse "canto antes"

A Consellería de Sanidade da Xunta, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, comeza este xoves unha campaña de vacinación gratuíta nos centros de saúde contra a hepatite A. A medida tomouse despois dun notable brote dos casos desta doenza, sobre todo en homes de entre 20 e 44 anos que mantiveron relacións sexuais con outros homes. Así, Sanidade recomenda iniciar “canto antes” a vacinación neste grupo de risco, ademais de incidir na prevención do contaxio.

No que vai de ano, a cifra de afectados incrementouse nun 340 %, pasando de 5 casos entre xaneiro e xuño de 2016 a 22 no mesmo período deste ano. A situación tamén se está dando noutras zonas de España e Portugal.

A escaseza de vacinas obriga a inmunizar “exclusivamente” aos grupos de risco

Ante esta situación, Sanidade informou de que “existe un problema de subministro” relacionado con “problemas de produción das compañías farmacéuticas”. Por este motivo, e segundo se indica na nota informativa que difundiu a Consellería, as doses “deben utilizarse exclusivamente nas persoas que pertenzan aos grupos de risco prioritarios”. Do mesmo xeito, segundo a Xunta, non se administrarán doses de recordo, salvo en pacientes inmunodeprimidos.

A estes grupos de risco pertencen as persoas que teñan contacto estreito con pacientes de hepatite A; con hepatopatía crónica, debido ao maior risco dunha hepatite fulminante; as persoas que recibiron un transplante de fígado ou están á espera del; os homes que manteñan relacións homosexuais con múltiples parellas ou profesionais do sexo; as persoas que se inxectan drogas; as persoas que traballan con primates ou en laboratorios co virus da hepatite A; e os viaxeiros que se despracen a zonas de alta ou moderada incidencia da doenza.

Que é a hepatite A?

É unha inflamación do fígado causada polo virus da hepatite A (VHA). Os seus principais síntomas son perda de apetito, náuseas, malestar xeral e ictericia (cor amarela na pel e nas mucosas), amais de posibles lesións hepáticas. En menos do 0,5% dos casos pode provocar unha hepatite fulminante, o que pode causar a morte. Ten un período de incubación de entre 15 e 50 días.

A diferenza das outras variantes habituais (B e C, que se transmiten a través do sangue e agullas ou materiais cortantes contaminados ou mediante relacións sexuais), a hepatite A adoita transmitirse por vía fecal-oral. Nos países desenvolvidos, coa mellora das condicións hixiénicas, reduciuse moito o contaxio polo consumo de auga ou alimentos contaminados, que aínda son a principal causa de contaxio noutras zonas do mundo. Así, en Galicia e no resto dos países desenvolvidos, o modo de transmisión máis habitual son as relacións sexuais orais-anais e orais-xenitais.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.