Xoves 28 Marzo 2024

Golesworthy, o enxeñeiro que arranxou o seu corazón, visita Santiago

O Congreso Internacional Médico-Cirúrxico que comeza este luns en Santiago acolle na capital galega a preto de 350 estudantes e investigadores de varios países. Haberá intervencións e mesas redondas con figuras de referencia nas Ciencias da Saúde, Medicina, Bioloxía, Bioquímica ou a Biotecnoloxía. Ademais, este congreso contará coa presenza de Tal Golesworthy, un enxeñeiro británico cunha particular historia detrás.

Golesworthy padece a síndrome de Marfan, unha enfermidade xenética do tecido conectivo que provoca o crecemento anormal do esqueleto, sobre todo nas extremidades, ademais doutros trastornos. O máis complicado, non en tanto, é a dilatación da arteria aorta ascendente, que pode causar a morte prematura das persoas que a padecen. A Tal detectáronlle este problema no ano 1992, e precisaba ser operado canto antes. A el non lle convencía moito o procedemento: “Era bastante horrible, anestésiante, ábrenche o peito, pásanche a unha máquina de corazón e pulmón artificial, baixan a túa temperatura corporal a 18ºC, páranche o corazón, quitan a aorta e cámbiancha cunha válvula de plástico”, explica Golesworthy nun dos congresos onde contou a súa experiencia

Publicidade

Tampouco lle convencía o feito de que, despois da operación, debido ao perigo da formación de coágulos a causa da válvula, Tal debería tomar de por vida a warfarina, un potente anticoagulante que pode causar serias hemorraxias.

Ante este problema, enfocou o problema desde o punto de vista que tomaría un enxeñeiro. “É só un problema de tuberías. Podo facelo”, pensou. Non sen poucas reticencias, conseguiu poñer de acordo a un grupo de médicos e enxeñeiros que comezaron a traballar xuntos para estudar a idea de Tal.

“O problema coa aorta ascendente nas persoas con síndrome de Marfan é que carece de certa resistencia á tracción. Existe a posibilidade, por tanto, de envolver o tubo externamente. Manteríase estable e sen problema. Se un tubo de alta presión, ou unha liña de alta presión hidráulica, se avulta un pouco, só se debe envolver o exterior cunha cinta. O concepto é simple, pero non tanto a execución”, explica o enxeñeiro.

Nun longo proceso de deseño CAD, tomando datos da arteria e do aparello circulatorio de Wolesworthy, o equipo de traballo obtivo unha estrutura personalizada para recubrir a aorta ascendente. Unha vez preparado o modelo, segundo Golesworhy, “a instalación é bastante sinxela”. A intervención durou apenas catro horas e media, moito menos do que duraría a operación que tiñan pensada os médicos nun primeiro momento.

Todo saíu ben. Hoxe Tal conta a súa historia por medio mundo, e non precisa tomar warfarina. Ademais, unhas 30 persoas foron xa intervidas polo mesmo procedemento, sen que se produciran serios problemas ata o de agora.

O mércores, en Santiago de Compostela, Golesworthy falará de novo da súa idea. Sempre aproveita para destacar a importancia e a necesidade da colaboración interdisciplinar na ciencia. “Cando se ten a un grupo de persoas que tivo unha formación profesional profesional diferente (…), e se pode reunir a esa xente, e conseguir que falen e se entendan entre eles, os resultados poden ser espectaculares. Poden atopar solucións nunca vistas, de xeito moi rápido e eficiente”.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os taboleiros barrocos de Santiago: únicos en Europa, pero sen protección

Son máis de 200 e están repartidos por diversos puntos da cidade, algúns foron cimentados ou substituídos por outras pedras

Dous proxectos galegos de cardioloxía personalizada reciben dous millóns de euros

Un deles centrarase en investigar a cardiotoxicidade producida polos fármacos antitumorais e, o segundo, na fibrilación auricular

Volve o túnel de Xibraltar que soñou Comerma

O enxeñeiro establecido en Ferrol deseñou unha vía submarina de 19 quilómetros para comunicar Europa e África

Á procura do escudo do Reino de Galicia

De Compostela a Londres, Héitor Picallo debuxa o mapa dos lugares onde podemos admirar os emblemas que xurdiron na Galicia medieval.