Sábado 20 Abril 2024

Galicia, á cabeza na exposición aos contaminantes perfluorados

As substancias perfluoradas (PFAs) son uns compostos contaminantes que cada vez se teñen máis en conta por parte dos organismos de saúde pública a nivel internacional. Grazas á súa gran estabilidade e resistencia á degradación química, física e microbiolóxica, empréganse en numerosos produtos e procesos industriais. Así, están presentes nos produtos repelentes ao auga e aceite, quitamanchas, tixolas, roupa, ou caixas de pizza.

Molécula de sulfonato de perfluorooctano (PFOS), unha das PFAs máis estudadas.
Molécula de sulfonato de perfluorooctano (PFOS), unha das PFAs máis estudadas.

Así, esta mesma resistencia provoca que permanezan na cadea trófica e pasen aos alimentos, a auga ou o po doméstico, que son as principais fontes de exposición. Non hai evidencias contrastadas do seu impacto na saúde humana, pero si é certo que dous deles (o sulfonato de perfluorooctano e o ácido perfluorooctanoico) son sospeitosos de causar danos, incluso con risco de seren canceríxenos. Debido a isto, no ano 2009 foron incluídos no anexo B da lista de químicos restritivos do convenio de Estocolmo, que regula o tratamento e seguimento das substancias tóxicas.

Publicidade

Debido á crecente preocupación polos PFAs, os científicos comezaron a estudar a presenza destas substancias en poboacións de todo o mundo. Agora, un equipo do Instituto de Salud Carlos III, de Madrid, publicou o primeiro mapa de exposición a estes compostos en España, segundo informa a Axencia Sinc.

Non hai evidencias confirmadas, pero sospéitase que poden ser canceríxenos

Para obter estes datos, os investigadores españois empregaron os datos do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, dentro dun proxecto lanzado en 2008 para analizar a distribución dalgúns contaminantes ambientais, como metais, praguicidas, retardadores de chama, substancias alquilperfluoradas de bifenilos policlorados na poboación española adulta traballadora, establecendo valores de referencia. Despois de comprobar estas cifras, analizouse o soro sanguíneo de 755 persoas de entre 18 e 65 anos para comprobar a presenza de seis tipos de PFAS. O traballo foi publicado na revista Science of the Total Environment.

E Galicia non sae ben parada. Xunto a Cataluña, o noso país é o que presenta maiores concentracións de sulfonato de perfluorooctano (PFOS) no soro sanguíneo. Así, os valores medios dos galegos son de entre 8,5 e 10,5 microgramos por litro de soro. Unha cifra moi por riba dun dos valores marcados pola Comisión Alemana de Biovixilancia Humana, que considera que con niveis de PFOS por riba de 5 microgramos/litro “non se pode excluír con suficiente certeza a posibilidade de que aparezan efectos adversos sobre a saúde”, sinala, en declaracións á Axencia Sinc, Argelia Castaño, directora o Centro Nacional de Sanidad Ambiental (CNSA) do Instituto de Salud Carlos III.

A máis idade, maiores niveis

O estudo tamén amosa que a idade é un factor clave na exposición, xa que as PFAS son persistentes e bioacumulables. Así, a máis idade, maiores niveis. Amais, os homes amosan cifras máis altas que as mulleres. Do mesmo xeito, atoparon que cando se eliminaron da comparación as mulleres que amamantaran ás súas crianzas, as cifras masculinas e femininas eran semellantes. Por tanto, “isto suxire que outras vías de excreción, como a lactancia e a menstruación, contribúen á redución da carga corporal das PFAS nas mulleres”, destacan as autoras.

Os hábitos tamén inflúen: a exposición ao tabaco e a dieta determinan do mesmo xeito os niveis de PFAS no organismo. Así, o consumo de peixe está asociado a varias substancias perfluoradas como as PFHxS, PFOA e PFOS. Os bebedores habituais de cervexa e viño – de un a seis vasos por semana – amosaron unha asociación con PFOA e PFOS. No viño detectouse ademais PFNA e PFDA.

“É preciso continuar con estudos de vixilancia humana, incluíndo outros sectores de poboación e ampliando o deseño de cuestionarios para identificar fontes de exposición adicionais. E, sobre esta base, perfeccionar as actuacións na xestión de risco”, explica Castaño á Axencia Sinc.

Que son os PFAS?
Nas últimas décadas, os científicos e as industrias descubriron as múltiples propiedades e aplicacións dos PFAS na fabricación de todo tipo de produtos e procesos. A grandes rasgos, son compostos semellantes aos hidrocarburos nos que os átomos de hidróxeno foron substituídos por átomos de flúor. Así, adquiren propiedades antiadherentes e hidrófugas, con interesantes aplicacións na electrónica, a medicina e a química.

Non en tanto, hai sospeitas dos seus efectos daniños para a saúde. En setembro de 2016, o comité de Exame de Contaminantes Orgánicos Persistentes do Convenio de Estocolmo chegou a un acordo de consenso que confirmaba que un tipo de PFAs, o ácido perfluorooctanoico (PFOA) podería causar efectos adversos significativos para a saúde humana e o medio ambiente.

Outros dous destes compostos, o PFOS e o PFOA, clasificáronse como sospeitosos de seren canceríxenos, segundo a OMS, presuntos tóxicos para a reprodución e nocivos para poboación vulnerable, como os nenos lactantes. O organismo internacional considéraos “un motivo de preocupación”. “Aínda que non hai evidencias de que outros PFAs non regulados teñan unha toxicidade semellante, considérase que o PFOS e o PFOA son contaminantes emerxentes“, di Argelia Castaño.

Así, nos últimos anos, realizáronse diferentes actuacións para reducir os niveis de exposición ás PFAS. “Por exemplo, as restriccións voluntarias sobre PFOA e PFOS deron como resultado niveis decrecentes destes compostos en mostras biolóxicas humanas, mentres que a presenza doutras PFAS non reguladas, que substituíron aos dous anteriores, incrementouse, conclúe a investigadora.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204