Biofabri produce esta vacina experimental no Porriño.

Biofabri produce esta vacina experimental no Porriño.

A galega Biofabri inicia en África en 2018 a proba da súa vacina da tuberculose

Os ensaios faranse en bebés e adultos nunha zona de Sudáfrica onde a tuberculose é endémica

A farmacéutica galega Biofabri ten a vacina máis prometedora contra a tuberculose. As súas primeiras probas dan mellores resultados que os fármacos probados nos últimos anos. E as inversións dende Europa e os Estados Unidos respaldan o seu traballo, realizado en colaboración coa Universidade de Zaragoza.

A MTBVAC comezará en xaneiro dous novos ensaios clínicos en 99 bebés e 120 adultos, respectivamente, nunha zona endémica como é Sudáfrica, grazas á importante achega económica de 12 millóns de euros que vén de conseguir de fondos europeos e estadounidenses.

Estes dous ensaios clínicos da fase 2A de seguridade e inmunoxenicidade buscan determinar a dose para utilizar, é dicir, que protexa pero sen causar efectos secundarios.

Ambos os traballos desenvolveranse durante dous anos e medio no Centro de Investigación en Vacinas de Sudáfrica (SATVI), en Worcester, un pequeno núcleo con alta incidencia de tuberculose, a 150 quilómetros da capital surafricana de Cidade do Cabo.

A vacina é moito máis eficaz que a actual BCG, que data de 1921

Así o anunciaron este xoves en Vigo, o director xeral de Biofabri, Esteban Rodríguez, o reitor da Universidade de Zaragoza, José Antonio Mayoral e o investigador principal do proxecto, o catedrático aragonés Carlos Martin.

O grupo de Carlos Martín creou hai dúas décadas nos laboratorios da Facultade de Medicina de Zaragoza a vacina contra a tuberculose que aspira a substituír á actual, a BCG, que data de 1921.

Financiarán este ensaio clínico a  Cooperación de Europa e os Países en Desenvolvemento sobre Ensaios Clínicos (EDCTP, siglas en inglés), en colaboración coa Tuberculose Vaccine Iniciative (TBVI), que en conxunto achegarán 5.500.000 euros para o ensaio en bebés.

Por outra banda, o ensaio clínico en adultos cun valor de 5.700.000 dólares será financiado polo programa de Investigación Médica Dirixido polo Congreso (CDMRP, siglas en inglés), de Estados Unidos, e en colaboración con AERAS, organización norteamericana sen fins de lucro que desenvolve novas vacinas eficaces contra a tuberculose.

“O paso á fase 2A é un paso cualitativo e cuantitativo importante para Biofabri, xa que indica que MTBVAC segue sendo a candidata a nivel mundial mellor situada no portfolio de futuras vacinas contra a tuberculose”, destacou Esteban Rodríguez, CEO de Biofabri.

Os primeiros ensaios clínicos Fase IA desta vacina en humanos comezaron en 2013 con 36 voluntarios adultos sans entre 18 e 45 anos no complexo hospitalario da Universidade de Vaudois (Lausana, Suíza) e que concluíron en xuño do 2014.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.