Sábado 20 Abril 2024

Biocaps presenta ós seus sete magníficos

Fórmula 1 para a investigación biomédica en Galicia. Mesmo literalmente, iso é Biocaps, un programa de investigación avanzada que se desenvolve en Vigo con financiamento europeo. Porque unha das súas liñas de traballo, a do físico César Veiga, baséase en tecnoloxía de vangarda da F1 para monitorizar a función do sistema circulatorio e previr fallos na aorta vencellados ao envellecemento. A súa é unha achega científica máis, en proxectos que inclúen estudos punteiros en alzheimer, cancro, corazón, osteoporose ou fármacos diversos. Onte, presentaron os seus traballos nun acto público.

Os sete investigadores sénior aspiran a novos contratos europeos

Porque o Instituto de Investigación Biomédica (IBI) logrou converter Biocaps nun foco importante de colaboracións internacionais, en gran parte grazas ao traballo realizado polos sete investigadores sénior contratados con cargo ao financiamento europeo que sustenta o Programa de Apoio ás Capacidades Biomédicas. A menos dun ano para a finalización de Biocaps, constátase o cumprimento dun dos principais obxectivos do programa, tal e como se puxo de manifesto no seu décimo seminario científico, no que os investigadores sénior desagregaron os seus avances e as súas prioridades para os próximos meses, entre as que a preparación de proxectos europeos para o programa Horizonte 2020 é un punto común.
Durante a apertura do seminario, a coordinadora de Biocaps, África González, animou aos investigadores a acudir ás convocatorias europeas de proxectos para captar financiamento. Pola súa banda, o director científico do IBI, José Ramón Fernández Lorenzo, mostrou a súa confianza en poder conseguir a acreditación do Instituto Carlos III para o instituto no prazo de entre dous e tres anos. O reto, agora, é seguir adiante. E conquerir fondos para o futuro.
Estes son os sete investigadores sénior de Biocaps e as súas liñas de investigación actuais:
 

Publicidade

A clave da epixenética

Roberto Agís-Balboa.
Roberto Agís-Balboa.

Roberto Carlos Agís-Balboa explicou os seus avances no campo da epixenética, que estuda os desequilibrios na interacción xenoma-ambiente capaces de desencadear enfermidades como o Alzheimer, a esquizofrenia ou a depresión co obxectivo de atopar novas ferramentas para o seu diagnóstico, prognóstico e tratamento. Recollendo a súa experiencia anterior en varios centros de investigación internacionais, Agís-Balboa avanzou durante o último ano e medio na investigación dos mecanismos epixenéticos asociados á esclerose múltiple, á depresión na poboación envellecida e ao proceso que regula, entre outras cousas, a neuroxénese adulta e os procesos de memoria e aprendizaxe.
Ademais, estivo buscando biomarcadores da eficacia terapéutica dos antidepresivos e a ligazón epixenética entre enfermidades psiquiátricas e neurodexenerativas. Durante a súa intervención no seminario, explicou as súas colaboracións con grupos de investigación de Estados Unidos, Canadá e Alemaña e as súas expectativas sobre a próxima mudanza do seu grupo aos laboratorios do novo hospital de Vigo. “Esperemos que Biocaps sexa o xerme de algo grande e a longo prazo para a investigación biomedica aquí”, afirmou.

 

Da fibrose á tuberculose

Luiz Stark.
Luiz Stark.

A fibrose peritoneal causada pola diálese está a centrar unha parte moi importante da investigación desenvolvida polo inmunólogo Luiz Stark. A diálese peritoneal é un tratamento substitutivo da función do ril que emprega como filtro a membrana natural que envolve a maioría de órganos do abdome para a eliminación de toxinas e auga. Trátase dun tratamento máis cómodo e natural que a hemodiálise, pero a súa contrapartida é que en moitos casos presenta complicacións crónicas como o desenvolvemento de fibrose. Segundo expuxo Stark, no seu grupo traballan para identificar o repertorio das células T involucradas no desenvolvemento da fibrose peritoneal. “Isto vai axudar a entender os mecanismos inmunolóxicos que permitirán o deseño dunha terapia específica para esta patoloxía”, explicou.
O investigador participa tamén no proxecto recentemente concedido pola UE ao seu grupo para desenvolver unha vacina por vía mucosa para a tuberculose. Neste sentido, Stark apuntou que están a traballar nunha nova proposta para o Horizonte 2020 no marco das súas redes de colaboración a nivel internacional.

 

Miriam López.
Miriam López.

Biomateriais para os ósos
No ámbito da medicina rexenerativa, Miriam López explicou que nestes dous anos se centrou na avaliación da resposta celular a distintos biomateriais avanzados desenvolvidos no seu grupo, con potencial aplicación na substitución ou rexeneración de óso. “Ademais, potenciamos novas liñas relacionadas coa reabsorción do tecido óseo e compramos equipamento que permitirá intensificar a investigación en enxeñaría de tecidos e o testado de biomateriais en modelo animal”, en colaboración con outra das investigadoras senior de Biocaps, Eva Vigo.
López tamén ampliou significativamente a rede de colaboracións do seu laboratorio con outros grupos do IBI e do resto de Galicia, Portugal e Francia. Ademais, contribuíu a establecer varios acordos de transferencia con empresas do ámbito biomédico e clínico. Como principal obxectivo antes da finalización de Biocaps, márcase desenvolver en profundidade as novas liñas de investigación, incrementar o número de publicacións e solicitar proxectos en consorcios competitivos no marco europeo.

 

Eva Vigo.
Eva Vigo.

O reto da diabete
Eva Vigo expuxo os seus principais avances no uso de modelos animais en investigación biomédica, concretamente no estudo de factores implicados na diabetes. Esta enfermidade afecta o desenvolvemento e función do pulmón, con aumento da incidencia de hipertensión arterial pulmonar e posible repercusión sobre o ventrículo dereito. “Datos preliminares das miñas investigacións demostran que a administración de Liraglutide nun modelo animal de diabetes aumenta os niveis das proteínas imprescindibles para o intercambio gaseoso e reverte a hipertrofia ventricular dereita”, expuxo.
Ademais, na súa investigación atopou tamén evidencias sobre o efecto positivo deste composto sobre outra das alteracións relacionadas coa diabetes: a da función reprodutora. Segundo os seus estudos en modelos animais, o Liraglutide é capaz de mellorar os niveis de diferentes hormonas relacionadas coa fertilidade.

 

Vitmina A como antitumoral

Susana Álvarez.
Susana Álvarez.

Susana Álvarez, experta en desenvolvemento de fármacos, desagregou a súa actividade na procura e preparación de novas moléculas que poidan ser de utilidade no tratamento e estudo de enfermidades, concretamente en procesos canceríxenos. Neste tempo profundou no metabolismo dos derivados da Vitamina A que teñen potencial actividade antitumoral, dado que participan na regulación do crecemento, morte e diferenciación celular. “Ademais, deseñamos novos análogos destes derivados que, mantendo a súa actividade antitumoral, son capaces de reducir os efectos adversos”, explicou.
A investigadora engadiu que tamén están a traballar no desenvolvemento de novos fármacos epixenéticos e que, en colaboración con outros grupos de investigación, participaron na preparación de nanopartículas con potencial uso para o tratamento selectivo de tumores.

 

Fórmula 1 para a cardioloxía

César Veiga.
César Veiga.

O físico César Veiga desagregou as técnicas de intelixencia artificial e visión por computador que estivo desenvolvendo para a análise automática de imaxe intravascular e ecocardiográfica. Neste último caso, centrouse na parametrización da válvula aórtica, cuxa disfunción está moi relacionada co envellecemento. “Trátase dun sistema computacional de axuda ao diagnóstico baseado en técnicas de intelixencia artificial que, analizando a información presente nas ecocardiografías dos pacientes, pode extraer automaticamente datos obxectivos do grao de calcificación da válvula”, explicou. Ademais, está a traballar con técnicas de simulación numérica de válvulas aórticas. “Son as técnicas que se utilizan para deseñar coches mais rápidos na Fórmula 1 e permiten simular o comportamento dun sistema sen necesidade de facer probas reais. Estamos a investigar se é posible o seu uso para realizar modelos da válvula aórtica e simular o fluxo sanguíneo para uso diagnóstico”, engadiu.
Doutra banda, Veiga realizou avances no campo da telecardioloxía –aplicación das TIC á prevención, diagnóstico e tratamento das enfermidades cardiovasculares– para mellorar o sistema existente no cribado de pacientes con fibrilación auricular, o tipo de arritmia máis frecuente, cunha prevalencia do 4,5% entre a poboación española maior de 45 anos.

 

Calcio e válvula aórtica

Roman A. Kireev.
Roman A. Kireev.

A investigación do biólogo Roman A. Kireev está tamén relacionada co estreitamento anormal da válvula aórtica (estenose aórtica). Co grupo de Cardioloxía do Hospital Meixoeiro de Vigo, está a iniciar un proxecto presentado ao programa de axudas do Instituto de Saúde Carlos III para analizar o papel de determinadas moléculas no control do metabolismo do calcio, partindo dos estudos que relacionan a estenose con depósitos anómalos deste elemento na válvula aórtica, co obxectivo de desenvolver tratamentos efectivos.
En colaboración co Instituto de Endocrinoloxía Experimental de Bratislava e a Universidade de Cracovia, Kireev está a investigar a viabilidade do uso da hormona oxitocina, relacionada coa diminución da graxa corporal e o apetito, no tratamento contra a obesidade. “O proxecto investiga os mecanismos moleculares da acción da oxitocina en ratas obesas e non obesas, en concreto sobre o músculo, a graxa e o fígado, para avaliar posibles efectos secundarios e toxicidade”, detallou. Ademais, en colaboración coa Clínica Tambre de Madrid, está a estudar biomarcadores que poden estar implicados na infertilidade en mulleres novas causada por baixa reserva ovárica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O IDIS e o IIS Galicia Sur investigan a relación entre estilo de vida e deterioración cognitiva no alzhéimer

Biomarcadores en sangue e o uso da intelixencia artificial poderán axudar na detección temperá desta doenza neurodexenerativa

Un estudo da UVigo revela a principal causa da fibrose

A investigadora Andrea Fernández concluíu na súa tese que a inflamación xerada na cavidade peritoneal é, en moitos casos, a causante desta doenza

Un doutor vigués presenta un método para detectar o cancro bucofarínxeo cunha proba de saliva

O traballo forma parte da tese de doutoramento de Roberto Valdés, xefe de Otorrinolaringoloxía de Povisa

Os inspectores da Comisión Europea avalían en Vigo o proxecto Biocaps

O chipriota Costas Iacovou, director europeo de Fondos Estructurais e Investimento...