Venres 19 Abril 2024

Unha doutora da USC crea dúas novas probas para detectar a fasciolose

A investigadora da USC Victoria Martínez presentou na súa tese de doutoramento dous novos métodos que se poderán empregar para detectar a fasciolose, unha enfermidade parasitaria de transmisión alimentaria que afecta a uns 17 millóns de persoas en todo o mundo, principalmente en Asia e Latinoamérica. Esta patoloxía provoca graves perdas no sector gandeiro, cunhas cifras estimadas de máis de 2.800 millóns de euros ao ano. En Europa, a maior parte dos casos concéntranse en Francia, Portugal e España. Só en Galicia, estímase que un 16 por cento das explotacións gandeiras ten máis da metade dos animais parasitados por Fasciola, considerada unha enfermidade reemerxente cuxa prevalencia podería aumentar coa incidencia do cambio climático.

A infección por fasciolose prodúcese a partir da inxestión de vexetais crus contaminados con metacercarias (forma infectante do parasito) que proveñen dun pequeno caracol de auga doce que actúa como vector (Galba truncatula). En humanos, a enfermidade maniféstase en catro fases, que inclúen o período de incubación, unha fase aguda, outra latente e unha última obstrutiva ou crónica. Os síntomas máis notorios teñen lugar durante a aguda, cando os parasitos migran e se alimentan do tecido hepático; e na crónica, debido ás alteracións e obstrucións nas vías biliares.

Publicidade

O novo método poderá realizarse en zonas con poucos recursos

O limitado espectro de fármacos que existen contra a fasciolose e a aparición de resistencias fronte a estes medicamentos obrigan aos investigadores a mellorar a diagnose e a buscar novas dianas terapéuticas que consigan frear a súa transmisión. Victoria Martínez abordou estas dúas estratexias na súa tese, dirixida por Florencio Martínez Ubeira e Fernanda Romarís Martínez.

A diagnose da enfermidade na fase aguda resulta de grande interese para evitar o dano do fígado pero, ao tempo, resulta difícil pola ausencia de síntomas específicos e porque os ovos do parasito non aparecen nas feces ata a fase crónica. Deste xeito, a parasitose pode pasar inadvertida durante moito tempo. Agora, os tests desenvolvidos por Victoria Martínez permiten dun xeito sinxelo e rápido confirmar a sospeita da enfermidade xa na fase aguda, permitindo tratar aos pacientes antes de que se produzan lesións hepáticas.

"Fasciola hepatica", un dos parasitos causantes da fasciolose.
“Fasciola hepatica”, un dos parasitos causantes da fasciolose.

A investigadora creou un método baseado no uso de anticorpos monoclonais, capaces de recoñecer selectivamente moléculas producidas polos parasitos. Un deles consiste nun test rápido que permite diagnosticar a fasciolose humana en tan só 15 minutos e a partir dunha pinga de sangue. A vantaxe deste sistema, que emprega a mesma tecnoloxía que os test de embarazo, é que pode ser realizado por persoal pouco adestrado sen necesidade de equipos sofisticados, de maneira que pode ser de grande utilidade en rexións endémicas con poucos recursos.

O segundo dos métodos é unha técnica ELISA, capaz de detectar en mostras fecais minúsculas cantidades das enzimas dixestivas (catepsinas) que liberan os parasitos que habitan na vía biliar. O test, de aplicación tanto en mostras de orixe humana ou animal, detecta a infección en rumiantes de gran tamaño infectados cun só parasito, e pode ser utilizado para monitorizar a eficacia dos tratamentos. É o único test para detectar coproantíxenos de Fasciola dispoñible no mercado, de cuxa distribución se encarga a empresa belga BIO X Diagnostics.

Nova familia de proteínas

No traballo de Victoria Martínez tamén se describe por primeira vez a existencia dunha familia de proteínas características de trematodos que poderían estar implicadas no transporte e almacenamento de hemo dentro destes parasitos. Ademais de botar luz sobre os mecanismos de homeostase do hemo en trematodos, ata agora totalmente descoñecidos nestes organismos, dada a súa presumible importancia na supervivencia do parasito, esta proteína constitúe unha clara diana terapéutica para o desenvolvemento de novos fármacos selectivos.

Parte dos contidos da tese, que leva por título ‘Nuevas estrategias para el inmunodiagnóstico y control de la fasciolosis’, que obtivo a máxima cualificación, publicáronse xa en revistas científicas internacionais de alto impacto como Journal of Biological ChemistryPLoS One ou PLoSNeglected Tropical Diseases.

O tribunal que avaliou o traballo estivo constituído polo catedrático da USC José Manuel Leiro Vidal, a catedrática da Universidade de Valencia María Adela Valero Aleixandre e pola investigadora María Teresa Gárate Ormaechea, do Instituto de Saúde Carlos III de Madrid.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

A ciencia confirma que as apertas alivian a dor, a ansiedade e a depresión

Un equipo internacional analiza os beneficios do contacto físico nas persoas a partir da revisión de 212 estudos