O bilingüismo de toda a vida e a aprendizaxe dunha nova protexen as neuronas.

O bilingüismo de toda a vida e a aprendizaxe dunha nova protexen as neuronas. Ilustración: Tobías Mik.

Falar dúas linguas protexe as neuronas

Un estudo da Universidade de Kent conclúe que as persoas bilingües ou que aprenden unha segunda lingua teñen máis materia branca no cerebro

Estrutura dunha neurona.

Estrutura dunha neurona.

Os individuos que aprenden inglés como segundo idioma desenvolven unha estrutura da materia branca do cerebro similar á dos bilingües. Os resultados indican que tanto uns coma outros melloran a cobertura de mielina, a responsable de garantir a transmisión de coñecemento. E ten beneficios sobre a actividade das neuronas. Estes beneficios poden darse tamén en idades adultas, con independencia do uso continuado da segunda lingua.

A investigación, publicada por investigadores do Reino Unido, certifica que o bilingüismo ten o mesmo efecto positivo no cerebro que a aprendizaxe dunha segunda lingua nun ámbito inmersivo a unha idade adulta, en condicións similares ás dun falante nativo cando aprende o seu idioma materno.

Nos seus experimentos, publicados na revista PNAS, os científicos mostraron o papel da materia branca, e resaltaron que a cobertura de mielina -o compoñente que garante a transmisión dos coñecementos na materia branca- mellora tanto en persoas bilingües, como nas que aprenden un segundo idioma.

“A materia branca denomínase así porque os axóns están cubertos dunha capa de graxa, a mielina. Esta substancia é como un illamento que impide a fuga de información no axón -as avenidas principais que transfiren información- e asegura unha mellor comunicación entre as neuronas”, explica  Christos Pliatsikas, investigador da Escola de Psicoloxía da Universidade de Kent (Reino Unido) e coautor do estudo.

Ao analizar as imaxes cerebrais obtidas dos participantes, os investigadores observaron que tanto uns coma outros posuían os mesmos graos de mielinización dos axóns.

“Utilizamos un método de resonancia magnética denominada Diffusion-Tensor Imaging (DTI), que analiza o movemento das moléculas de auga a través da materia branca do cerebro”, indicou Pliatsikas. “Cando detectamos unha maior dificultade da auga para moverse a través da substancia branca, supuxemos que tiña un mellor illamento, é dicir, unha maior mielinización dos axóns”.

Manexar activamente dous idiomas beneficia á materia branca cerebral

As imaxes mostraron unha maior integridade en varias zonas da materia branca nos estudantes da segunda lingua similares á que posuían os bilingües de toda a vida (independentemente do uso da lingua dos últimos). Isto non se correspondía cos participantes monolingües.

“Antes, dicíase que os bilingües natais conservaban a estrutura da materia branca debido ás maiores demandas cognitivas que veñen co manexo de dous idiomas durante moitos anos. Agora cremos que calquera beneficio do bilingüismo na estrutura do cerebro é simplemente un efecto de manexar activamente dous idiomas”.

Bó en idade avanzada

Noutras palabras, o bilingüismo de inmersión, mesmo en bilingües tardíos, conduce a cambios estruturais que poden achegar beneficios na idade avanzada, proporcionando asistencia para a preservación da estrutura de materia branca no cerebro. As vantaxes que apuntan os investigadores son unha maior integridade da materia branca, correspondente unha maior eficiencia na transmisión da información.

Segundo os investigadores, o seguinte paso lóxico para esta investigación consistiría na realización dun estudo lonxitudinal, no que se escanea a actividade de bilingües de temperá idade durante un período de 3 anos (ou mesmo máis). O obxectivo, afirman, sería investigar a evolución temporal destes efectos, ” e facer unha gran balance dos beneficios para o cerebro ao aprender unha segunda lingua nun ámbito inmersivo“, concluíron.

Aprender unha segunda lingua a idade tardía tamén ten beneficios

En definitiva, o artigo enche un importante baleiro na literatura sobre os cambios estruturais que se producen no cerebro ao falar dous idiomas. Nel suxírese que o bilingüismo, que se practica dende a vida temperá, afecta á estrutura da materia branca do cerebro e conserva a súa integridade na idade avanzada do mesmo xeito que se encontraron efectos similares na materia branca en individuos bilingües, que aprenden a súa segunda lingua nun tempo máis tardío e son usuarios activos dos dous idiomas.

Este achado é un forte argumento a favor dos beneficios xerais da aprendizaxe adicional de idiomas e a importancia do seu uso nun ámbito inmersivo.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.