O floripondio é unha planta americana da que se pode obter escopolamina.

O floripondio é unha planta americana da que se pode obter escopolamina.

Así é a burundanga, a droga da submisión sexual

As claves da escopolamina, tras do estudo científico que certifica o primeiro caso de submisión por burundanga en España

É posible que algúns pasaxeiros do Titanic consumisen ‘burundanga‘ na viaxe inaugural na que se afundiu o transatlántico. Aínda que en 1912 non se chamaba así, senón co seu nome técnico: escopolamina. Porque, daquela, era un medicamento para a ‘cinetose‘, o mareo que algunhas persoas padecen ao viaxar en coche, en barco ou en tren. Tamén era usado como analxésico nos partos. Pero os seus efectos secundarios, en caso de pasarse da dose, podían incluír alucinacións e mesmo a morte. Así que, pouco antes do Día D, o exército de Estados Unidos abandonou este medicamento contra o mareo e comezou a usar coas súas tropas un antihistamínico, o dimenhidrinato, que tamén funcionaba pero resultaba case inocuo. Non se dilataban as pupilas e os soldados podían apuntar sen problemas coas súas armas. No desembarco de Normandía funcionou. E, en España, o novo composto, baseado no antihistamínico, foi comercializado a partir de 1952 baixo a marca Biodramina.

Albert Ladenburg.

Albert Ladenburg.

Deste xeito, a escopolamina perdeu moita clientela. Deixou de ser o remedio máis habitual para os mareos. Aínda que se segue a vender baixo diversas marcas, mesmo en parches, xa non é a fármaco estrela das viaxes. Tamén desapareceu dos partos (tras dunha elevada mortalidade) e foi perdendo popularidade, malia que todavía está na composición de moitos medicamentos, contra os síntomas do párkinson, por exemplo. Usado para o seu fin e coa dose correcta non ten nada de particular. É un principio activo bastante común.

Con todo, nos últimos anos, este composto volveu á actualidade convertido agora nunha droga de sometemento, utilizada para perpetrar roubos ou violacións baixo a submisión química das vítimas. En realidade, ten un nome moito máis científico que burundanga, unha palabra importada de América. Chámase escopolamina. A súa fórmula é C17H21NO4. E foi illada por primeira vez en 1880 polo químico alemán Albert Ladenburg, quen a atopou como un metabolito secundario de plantas da familia das solanáceas como o meimendro (Hyoscyamus niger), a mandrágora ou o estramonio (Datura stramonium). Esta última planta ten nomes populares en galego que resultan ben clarificadores: figueira tola, figueira do inferno ou herba do demo. Non esquezamos que estas son as plantas que, segundo a tradición, usaban as meigas para facer as súas apócemas.

A escopolamina ten efectos secundarios como a dilatación das pupilas ou a contracción dos vasos sanguíneos. E resulta moi perigosa en doses altas, porque pode causar convulsións, depresión severa, arritmias cardíacas, insuficiencia respiratoria, colapso vascular e mesmo a morte.

Tiveron que usar un espectrógrafo de masas e un cromatógrafo de gases para detectala

O problema é que a escopolamina comezou a ser usada como droga recreativa. E isto adoita xerar problemas sobre todo cando a dose é moi importante. Nos últimos anos, aparecen noticias tamén do seu uso delituoso, para a submisión química das vítimas en agresións sexuais. Moitas destas informacións non pasan de lenda urbana. De feito, circulan alburgadas gravísimas, como que abonda con soprar ‘uns pos de burundanga’ sobre unha persoa para que sexa intoxicada. Ou que se pode transmitir por un simple abrazo ou por un folleto impregnado con escopolamina. Non é certo. Pero que existe esta droga e que se usa para a submisión química non é un mito.

Así o advirte o primeiro estudo en España sobre un caso clínico, que foi publicado este verán. Médicos do Hospital Universitario de Son Espases, de Palma de Mallorca, conseguiron detectar burundanga nunha paciente de 36 anos que entrou por Urxencias tras asegurar que fora drogada polo seu ex marido.

A molécula da escopolamina.

A molécula da escopolamina.

A paciente chegou “confusa, obnubilada, cun discurso incoherente, pupilas midriáticas (moi dilatadas), visión borrosa e inestabilidade na marcha”, segundo reflectiron os médicos. As primeiras análises de ouriños deron “negativo por cannabis, benzodiacepinas, anfetaminas, éxtase, cocaína e opiáceos”. Tampouco se detectou “etanol (alcol) en soro”. E, cando se activou o protocolo por unha posible submisión sexual, tampouco apareceron “tropina, hiosciamina, GHB [éxtase líquida], ketamina, metoxetamina, alpha-PVP,metilona, mefedrona, MDPV e para-metoxi-metanfetamina”. Non había nada do catálogo que se adoita buscar.

Pero os médicos de Son Espases seguiron adiante. A escopolamina non é doada de detectar nas análises máis comúns dos hospitais. Así que os investigadores baleares houberon de recorrer á cromatografía de gases axustada a espectrometría de masas. Son dúas técnicas caras e que esixen aparellos moi avanzados (sobre todo a segunda), pero que dan resultados que identifican cada molécula. E a burundanga apareceu. O caso converteuse nun artigo científico publicado agora na revista Medicina Clínica.

Así que tamén é falso que non exista a chamada ‘burundanga‘. Agora ben, o seu uso non é común. Nin moito menos está estendido, segundo sinalan os expertos. Está máis de moda nos medios que na realidade, pero o estudo deixa claro que non é unha lenda urbana: “O uso da escopolamina na nosa contorna non é un mito“, din os autores. De feito, eles puideron, cun caso clínico real en Urxencias, demostrar o seu uso como droga de submisión química. Da súa existencia xa sabía o doutor Ladenburg dende 1880.

Aquí podes ler a nosa entrevista co catedrático da USC Manuel López-Rivadulla

‘Hai moitos mitos arredor da burundanga; é excesivo falar de alarma’

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.