Traballador dunha canteira de lousa. Fonte: Willunga Story News.

Traballador dunha canteira de lousa. Fonte: Willunga Story News.

O calvario laboral dos enfermos de silicose

Sindicatos e afectados reclaman máis facilidades na concesión da incapacidade por esta doenza, da que en Galicia se rexistran novos casos todas as semanas

Máis información: “Galicia rexistra novos casos de silicose todas as semanas”.

Hai 20 ou 30 anos, a irresponsabilidade das empresas e o ímpeto da xuventude foron unha mestura letal para os mozos que traballaban nas canteiras de lousa e granito. Hoxe, moitos están enfermos. “O mellor obreiro era o que menos se queixaba, o que non pedía máscaras para protexerse do po, o que pasaba máis tempo exposto”, conta hoxe Juan Carlos Giráldez, de 49 anos, presidente da asociación de afectados OSílice e enfermo de silicose en terceiro grao, e diagnosticado por primeira vez con só 35 anos.

Denuncian que se ven obrigados a traballar ata que chegan ao segundo grao

OSílice naceu debido ás dificultades que tiñan os enfermos do val da Louriña, traballadores do granito, para que se lles concedese a incapacidade permanente. A clasificación que se establece na normativa laboral para a gravidade da silicose non é a mesma que a clínica. Así, á hora das revisións médicas, os traballadores enfermos poden ser diagnosticados coa doenza en primeiro, segundo, ou terceiro grao. Estes dous últimos supoñen, de xeito automático, a concesión da incapacidade permanente. Non en tanto, cos enfermos de primeiro grao, a situación é conflitiva.

Anxo Pérez, técnico de saúde laboral da CIG, atopouse con varios destes casos en traballadores da lousa de Valdeorras. “O Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) non recoñece dereito a pensión de incapacidade ás persoas cualificadas de primeiro grao que non teñan outra enfermidade intercorrente á silicose”, explica. Así, se a empresa na que traballa o afectado ten un posto de traballo da mesma categoría na que non hai exposición á sílice, o traballador deberá ser trasladado a el.

Pero non sempre é posible ofrecer un posto de traballo libre de po, e ás veces a empresa opta polo camiño fácil: o despedimento. “Así podémonos encontrar cunha persoa que traballe na lousa ou no granito, que sexa declarada non apta polos servizos médicos, e que automaticamente vexa extinguida a súa relación laboral, pero sen ter dereito a unha pensión de incapacidade”. Ante esta situación, a CIG denuncia que os traballadores acoden en segredo ás revisións a Oviedo – o sindicato afirma que tramitan máis de 50 solicitudes ao ano – para “escapar da vixilancia da empresa”.

“O INSS envía unha mensaxe perversa: siga vostede contaminándose”, denuncia a CIG

Unha situación que corrobora, por experiencia propia, Juan Carlos Giráldez. “Había xente que por medo a quedarse na rúa aguantaba na canteira, xa enferma, ata que lle diagnosticaban o segundo grao, para ter seguridade de que lle ían dar a incapacidade”. Desde A CIG sosteñen o que conta Giráldez: “A mensaxe perversa que se lle está enviando desde a Seguridade Social é: ‘siga vostede contaminándose, agrave a súa saúde e adquira un segundo grao de silicose; nós recompensarémolo cunha pensión’”.

Neste sentido, nos últimos anos houbo varias sentenzas do TSXG favorables a traballadores despedidos ao ser diagnosticados de 1º grao, que reclamaron a incapacidade permanente e a súa correspondente indemnización, e gañaron nos tribunais. Segundo Anxo Pérez, existe unha orde interna do INSS que ordena conceder a incapacidade nos casos de 1º grao sen enfermidade intercorrente. “Non obstante, o INSS “segue acudindo a todos os xuízos a defender a desestimación. Afortunadamente imos gañando un a un, pero hai que pelexalos”, explica o técnico da CIG.

Prevención

Por tanto, parte do dano está xa feito, pero estase a tempo de evitar máis casos. Todas as partes coinciden en que, unha vez se detectou o perigo que entrañaba a silicose nos sectores da lousa e o granito, as empresas actuaron. A palabra clave para o doutor Gumersindo Rego, un neumólogo da Fonsagrada que traballou durante decenios no Instituto Nacional de Silicose, é a prevención. “Hai moito que avanzar aínda, pero xa se fixo bastante”, sinala.

O Clúster da Pizarra de Galicia, patronal que agrupa ás empresas do sector, presentou en 2016 as conclusións e recomendacións dun proxecto encamiñado a reducir o risco pola exposición á sílice. Este traballo era o resultado dun estudo realizado en 2010 e financiado pola Consellería de Economía e Industria, destinado a identificar os maiores factores de risco e elaborar medidas de prevención.

Estudio realizado polo Clúster da Pizarra e a Xunta.

Estudio realizado polo Clúster da Pizarra e a Xunta.

As conclusións do traballo publicado o ano pasado ofrecían solucións baseadas en catro apartados: a extracción do po de sílice dos lugares de traballo, a difusión de aire fresco e o desprazamento de po cara os puntos de extracción, a nebulización das partículas, adheríndoas a microgotas de auga que caian ao chan, e a humectación das pezas de lousa para evitar que desprendan máis po.

Estas medidas xa se están tomando nas canteiras e nas fábricas. Mais a Juan Carlos Giráldez e a centos de traballadores coma el, ninguén lle vai devolver uns pulmóns sans. Seguen reclamando que se lles conceda a incapacidade permanente ao ser diagnosticados e, sobre todo, como sinala Gumersindo Rego, que haxa prevención real, e que a silicose deixe de ser unha peaxe irrenunciable para a industria da pedra en Galicia.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.