Non hai dúbida de que o descubrimento e posterior colonización de América, a partir de 1492, supuxo un cambio de era en Galicia, España e Europa. Son coñecidas as implicacións económicas, sociais, e biolóxicas da descuberta. Entre elas, a revolución das especies que comezou a chegar a Europa a partir da carabela Pinta, que arribou a Baiona en 1493. Pero este feito histórico tamén significou unha nova fonte de medicamentos.
A gran diversidade do novo mundo ofrecía novas plantas medicinais e drogas que foron incorporándose ás farmacopeas e formularios da época. Desas medicinas descubertas tras a colonización española dá conta o novo volume do profesor xubilado da USC Enrique Raviña titulado Las medicinas de la historia española en América / Medicines of Spanish History from America, que a Universidade compostelá coedita coa Fundación Lilly. Esta semana, Raviña presentou o seu traballo na Real Academia Nacional de Farmacia, en Madrid.
O libro destaca tres drogas: o curare, a cortiza de quina e a folla de coca
Como explica o profesor Raviña, nun libro anterior seu, Medicamentos, un viaje a lo largo de la evolución histórica del descubrimiento de fármacos (USC, 2008), os capítulos dedicados ás drogas crúas de orixe americana non foran completamente desenvolvidos, “algo que agora se corrixe nesta nova publicación”.
A publicación comeza cunha introdución histórica, dende a ruta das especies ata as misións, para logo tratar en capítulos específicos as tres drogas crúas máis importantes: o curare –pasta extremadamente velenosa que se aplicaba nas puntas das frechas para cazar e mesmo nas guerras–, a cortiza de quina e os seus alcaloides e a folla de coca e os anestésicos locais. Faise tamén mención á ipeca e á resina de guacayo.
Nárrase, entre outras cousas, cómo a mediados do século XIX, grazas ao desenvolvemento da química, se illaron os principios activos das drogas, en especial alcaloides, e se obtiveron os primeiros fármacos sintéticos. “A partir de aí a química foi desprazando as plantas medicinais e as drogas da súa posición de fonte de remedios”, aclara o autor.
O libro incorpora ademais numerosas ilustracións e fotografías da colección de drogas crúas que dun extraordinario valor histórico dende hai máis dun século está depositada na Facultade de Farmacia das USC.
Enrique Raviña é catedrático ad honorem de Química Farmacéutica da USC, de cuxa Facultade de Farmacia foi decano. Membro da Real Academia Nacional de Farmacia, da Academia de Farmacia de Galicia e fundador da Sociedade Española de Química Terapéutica, Raviña é autor e co autor de 120 traballos de investigación relacionados coa química de medicamentos.