Investigadores do IDIS que participarán no estudo sobre a dexeneración macular. Foto: IDIS.

Investigadores do IDIS que participarán no estudo sobre a dexeneración macular. Foto: IDIS.

Un equipo do IDIS acada 160.000 euros para loitar contra a dexeneración macular

O proxecto é o único galego en conseguir o financiamento do Instituto Carlos III para unha investigación de oftalmoloxía

A dexeneración macular asociada á idade (DMAE) é a principal causa de perda de visión a partir dos 65 anos e afecta a entre 30 e 50 millóns de persoas no mundo. Ante o envellecemento da poboación en moitos países, espérase que a súa prevalenza se duplique nas vindeiras décadas. A súa orixe ten múltiples factores, e eestá influenciada pola idade, orixe étnica e unha combinación de factores ambientais e xenéticos. Contra ela loitan un equipo de investigadores do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago, que acaban de acadar 160.000 euros de financiamento para realizar un estudo sobre a DMAE.

No proxecto colaboran o CHUS e investigadores de Farmacia da USC

O equipo, composto por investigadores da Xerencia de Xestión Integrada de Santaigo pertencentes ao Servizo de Oftalmoloxía, Farmacia Hospitalaria, a Fundación Galega de Medicina Xenómica e grupo de bioinformática VARPA, é o único galego que acadou fondos do Instituto Carlos III para investigación en oftalmoloxía. O proxecto “Medicina personalizada na Dexeneración Macular Asociada á Idade (DMAE) en base a técnicas de Imaxe, Farmacocinética e Farmacoxenética” estará impulsado en colaboración con investigadores da Facultade de Farmacia da USC.

Obxectivos

O obxectivo principal da investigación é conseguir unha correcta estratificación da resposta ao tratamento co fármaco ranibizumab en pacientes con DMAE, usando para isto unha integración global de diferentes metodoloxías.

As inxeccións con 2 fármacos diferentes son o tratamento habitual contra a dexeneración macular. Con isto, a expectativa de recuperación visual é patente, pero non todos os pacientes melloran. Neste novo estudo, analizaranse as imaxes da retina con técnicas de visión artificial e, por outra banda, utilizaranse técnicas de farmacocinética e farmacoxenética para establecer un modelo poboacional que integrará a información dispoñible e avaliará os factores que expliquen as diferenzas entre as persoas que responden positivamente ao tratamento e as que non.

O estudo levarase a cabo no CHUS de Santiago, que en 2017 realizou 20.332 consultas e probas especiais a doentes con enfermidades retinianas, delas máis de 13.000 son inxeccións intraoculares. Fixéronse tamén 550 cirurxías de retina. O pasado ano o servizo de Oftalmoloxía do CHUS atendeu 120 novos doentes con patoloxía tumoral, o que xerou 674 visitas.

O proxecto apoiado polo Instituto Carlos III xa conta coa aprobación do Comité Autonómico Ético de Investigación Clínica (CEIC) de Galicia para a súa execución durante este mes de febreiro, e englóbase dentro dos obxectivos prioritarios da rede temática de investigación cooperativa en saúde OFTARED, e á acción estratéxica impulsada pola Fundación Retina Plus, denominada como “2017, ano da Retina en España”, a cal foi considerada polo Goberno de España como de “excepcional interese público”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.