Venres 19 Abril 2024

Descubren biomarcadores exprés contra a meninxite que poderían “salvar miles de vidas”

O grupo investigador Genvip, integrado no Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago de Compostela, vén de descubrir un procedemento xenético que podería abrir a porta a “salvar miles de vidas” dentro duns anos en casos de posibles infeccións de meninxite vírica ou bacteriana. Este achado, que podería considerarse como “o santo grial” da infectoloxía, forma parte dun proxecto de colaboración do IDIS con centros internacionais como o Imperial College de Londres ou National Institute of Health Research de Oxford.

O estudo, publicado no prestixioso The Journal of the American Medical Association (JAMA), e realizado con 350 nenos menores de cinco anos atendidos en hospitais españois, ingleses, holandeses e estadounidenses. Os cativos presentaban síntomas compatibles coa meninxite. En cada un dos casos, os científicos determinaron o patrón de expresión funcional xenética mediante a análise das transcriptomas, e posteriormente seleccionaron os xenes que diferenciaban uns pacientes doutros, facendo unha seleccións dos que permitisen un diagnóstico máis fiable. Deste xeito, segundo indica Federico Martinón, coordinador do Genvip, “unha simple sinal baseada en dous biomarcadores sería suficiente para discriminar perfectamente entre os dous tipos de infeccións, a viral e a bacteriana”.

Publicidade

Poderase facer un test que determine “en horas” a orixe da infección

Deste xeito, os investigadores poderán desenvolver un test que permitiría que os laboratorios hospitalarios diagnosticasen a orixe da infección de forma rápida e sinxela. “Esta é a parte máis importante do estudo”, explica Antonio Salas, investigador da USC. “Pronto teremos un test que nos permitirá diferenciar as infeccións bacterianas graves ou letais  das víricas; isto sería sen dúbida un importante avance na prevención e tratamento das enfermidades infecciosas”, apunta Salas.

Outra das implicacións deste traballo é a posibilidade de reducir a excesiva administración de antibióticos, un feito que preocupa aos investigadores e profesionais sanitarios desde hai décadas. O uso preventivo destes medicamentos, segundo explican desde o IDIS, conduciu á aparición de “súper-bichos”, organismos resistentes ao efecto dos antibióticos. Actualmente, os métodos para indagar na orixe das infeccións baséanse nos cultivos, que poden tardar varios días en dar resultados. Amais, ás veces este procedemento non consegue o seu obxectivo porque a infección reside en puntos inaccesibles ou porque o propio método é incapaz de detectala. A tardanza e a imperfección dos cultivos complica as perspectivas do paciente, xa que a meninxite bacteriana pode ter un curso “fulminante” que causaría a morte en poucas horas.

Antonio Salas (esquerda) e Federico Martinón, investigadores da USC.
Antonio Salas (esquerda) e Federico Martinón, investigadores da USC.

Así, desenvolver biomarcadores que determinen a orixe da doenza podería “salvar miles de vidas”, segundo os investigadores. “Diferenciar entre un cadro vírico (que só require tratamento de soporte) ou un bacteriano (que obriga a un tratamento dirixido a erradicar a bacteria) é de suma importancia, sobre todo cando é difícil distinguir os síntomas entre ambos nas primeiras horas”, apunta Federico Martinón.

O coordinador do grupo Genvip sinala que “só no CHUS se atenden cada ano 33.000 urxencias pediátricas, das cales o 60 por cento preséntanse con febre, e no propio servizo de urxencias hai que decidir se se prescribe, ou non, un antibiótico. . Cando un neno se presenta ante un profesional sanitario con febre non existe un método rápido e fiable para diferenciar se esa febre se debese a un patóxeno vírico ou bacteriano, e que polo tanto axude a decidir se se administra ou non un antibiótico. Habitualmente, ante a dúbida, trataremos con antibiótico, aínda que na maioría deses casos non sería realmente necesario”.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Desenvolto o mapa máis completo de interaccións para a supervivencia das bacterias

Os resultados revelan detalles ata o de agora descoñecidos destes mecanismos e ofrecen posibles dianas para o desenvolvemento de novos antibióticos

Primeiro mapa de bacterias resistentes: estes son as cinco principais de Galicia

O microorganismo de maior incidencia é 'Klebsiella pneumoniae', unha das enterobacterias máis perigosas polo amplo abano de infeccións que provoca

Científicos galegos participan no primeiro mapa español de bacterias resistentes aos antibióticos

A base de datos en liña proporciona o perfil xenómico de 461 cepas, procedentes de 41 hospitais situados en 13 rexións de España

Achado un novo mecanismo de control do ciclo vital dos fagos

Científicos do CSIC describen un sistema que permite aos virus das bacterias alternar entre multiplicarse ou a latencia