Moitas bacterias E-coli son resistentes aos antibióticos convencionais.

Moitas bacterias E-coli son resistentes aos antibióticos convencionais.

Describindo as bacterias que vencen ós antibióticos

Unha investigación da Universidade Santiago analiza os novos clons das bacterias E-coli que resisten a acción antibiótica

Rosalía Seferina Mamani, autora da tese doutoral.

Rosalía Seferina Mamani, autora da tese doutoral.

As bacterias altamente resistentes a antibióticos son xa un problema de saúde pública. Non tanto porque poidan infectar persoas no seu día a día. Senón porque nos hospitais poden ser letais, porque moitos pacientes teñen baixas defensas, como por exemplo sucede cos que reciben un transplante. Algúns medios de comunicación chamáronas ‘súperbacterias’, un termo que non agrada aos científicos. Pero o certo é que cada ano se detectan novas variedades que non reaccionan ante moitos antibióticos convencionais e chegan a parecer imparables.

Coñecer mellor estas bacterias é vital. E constitúe unha das liñas de investigación do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago. Alí a investigadora boliviana Rosalía Seferina Mamani presentou unha tese que estuda os xenes de resistencia e de virulencia (a capacidade de infectar) de varias cepas de E-coli (Escherichia coli), unha bacteria moi común e que afecta en diversa medida a animais e seres humanos.

A investigación conclúe que algunhas variedades de E-coli do grupo ST131 teñen ‘un grande arsenal de xenes de virulencia e resistencia a antibióticos’. O que explica que se estendesen por hospitais de todo o mundo, ao punto de que algunhas mostras para a investigación foron achegadas polo hospital Lucus Augusti, de Lugo.

A enzima betalactamasa racha unha molécula clave para a acción da penicilina

Estas bacterias producen unha enzima chamada betalactamasa. Soa raro, pero unha enzima só é unha proteína que as células usan para favorecer reaccións químicas no seu interior. No caso da betalactamasa, ten a propiedade de romper unha molécula presente en antibióticos como a penicilina e que resulta vital para que poidan facer o seu efecto. O resultado é que estas bacterias se volven resistentes a varios antibióticos.

O traballo de Rosalía Seferina clasifica diversas cepas da bacteria E-coli. E, tamén, os seus clons. Porque un problema engadido é que existen moitas variedades ou mutacións, que as fan resistentes a novos antibióticos. Por exemplo, as betalactamasas de espectro estendido (BLEE) foron detectadas por primeira vez en Alemaña en 1983. E xa hai máis de 200 clasificadas. Ás que hai que sumar centos doutras ‘familias’. O resultado é que se están a descubrir subtipos todos os anos.

Un mal uso dos antibióticos acelera a propagación de bacterias resistentes

A resistencia das bacterias aos antibióticos é un fenómeno natural. Se unha mutación natural é resistente a unha penicilina, por exemplo, é lóxico que co tempo sexa a que sobreviva e se propague. Non obstante, o ser humano acelera este proceso, ou pode desencadealo, por un consumo irresponsable dos antibióticos. Non tomalos na cantidade e tempo prescritos polo médico pode facilitar a supervivencia de bacterias que poden rematar sendo un problema de saúde pública.

O tribunal encargado da avaliación e cualificación da tese de doutoramento que vén de presentar Rosalía Seferina Mamani Huarani na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo da USC estivo presidido por Montserrat Llagostera Casas, da Universidade Autónoma de Barcelona. María Rosario Rodicio Rodicio, da Universidade de Oviedo; Fernando García Garrote, do Hula; Germán Bou Arévalo, do Chuac, e Carlos García Riestra, do CHUS, tamén formaron parte do tribunal, que outorgou a máxima cualificación académica á tese de doutoramento desenvolvida pola investigadora de Bolivia Rosalía Seferina Mamani Huarani.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.