Venres 19 Abril 2024

Un mecanismo cerebral podería curar a enfermidade do fígado graxo

Un equipo encabezado polo profesor Rubén Nogueiras acaba de descubrir en ratos un mecanismo no cerebro que axudará a curar a esteatohepatite, unha doenza inducida pola acumulación de graxa no fígado e acompañada de proceso inflamatorio. O investigador explica que a esteatohepatite ou tamén comunmente coñecida como enfermidade do fígado graxo está moi asociada a enfermidades como a obesidade, a diabete II ou o alcolismo. “É unha enfermidade progresiva que pode acabar desencadeando un cancro de fígado e para a que aínda non hai tratamento”, explica o investigador do Departamento de Fisioloxía da USC e integrante do grupo de Metabolismo Molecular da USC adscrito ao CIBER de Fisiopatoloxía da Obesidade e Nutrición (CIBERobn).

O equipo revelou como o bloqueo dalgunhas substancias opioides en zonas específicas do cerebro evita que os ratos desenvolvan esteatohepatite. Sobre esta relación, Rubén Nogueiras aclara que “o sistema opioide é amplamente coñecido por modular o sistema de recompensa do cerebro”, o que explica a súa incidencia no comportamento humano e animal, tamén no relativo á alimentación. De aí que o equipo formulara como hipótese de traballo o feito de que “o sistema opioide no hipotálamo (unha área do cerebro moi importante para a regulación do peso e a inxesta de comida) tamén podería controlar o metabolismo de enerxía nos tecidos periféricos”.

Publicidade

“A esteatohepatite é unha enfermidade progresiva para a que non hai tratamento”

Se ben os opioides, como o caso da morfina, son susbstancias que clasicamente se utilizan para calmar a dor, o traballo dos investigadores da USC mostra por vez primeira que a inhibición xenética e farmacolóxica dun dos tres receptores que median no cerebro as accións dos opioides –o coñecido como receptor kappa– “produce unha mellora tanto na inflamación como na acumulación de lípidos no fígado”. En xeral, o equipo de Rubén Nogueiras descubriu unha nova vía pola que o cerebro pode regular o metabolismo no fígado a través do nervio vago, nervio que une ambos tecidos a través da inflamación e o estrés ER con independencia dos cambios na inxesta de alimentos ou o peso corporal.

Os achados do equipo compostelán cobran maior relevancia se se ten en conta que recentemente a Axencia Estadounidense de Regulación de Medicamentos e Alimentos aprobou o uso dun fármaco que mediante o bloqueo dos tres receptores do sistema opioide é capaz de reducir o peso en pacientes obesos. Como explica o doutor Nogueiras, aínda que o novo estudo desenvolveuse integramente con modelos animais, os resultados “poderían supor unha nova ventá no desenvolvemento de novos fármacos para curar a esteatohepatite”.

Destes resultados de investigación acaba de facerse eco  a revista de alcance mundial Hepatology, nun artigo que ten como primeiras asinantes as investigadoras da USC Mónica Imbernón e Estrella Sánchez-Rebordelo, e no que tamén participaron Amparo Romero-Picó, Begoña Porteiro, Omar Al-Massadi, Cristina Contreras, Ana Senra, Cintia Folgueira, Carlos Diéguez e Miguel López, ademais doutros investigadores do CHUS e CIBERobn así como de centros de Hungría, Estados Unidos, Noruega e Holanda.

O novo achado enmárcase na liña de traballo que Ruben Nogueiras coordina no grupo de Metabolismo Molecular, cuxo reto principal está dirixido a descifrar as complexas e múltiples vías moleculares que causan a obesidade e a diabete tipo 2 e que ten acadado constantes achados e recoñecementos nos últimos anos.

O fígado graxo asóciase á obesidade, á diabete ou ó alcolismo

En 2010 Rubén Nogueiras resultou premiado por un estudo orientado ao tratamento da obesidade coa administración da hormona GLP-1. Ao ano seguinte, o European Research Council (ERC) outorgáballe unha axuda Starting Grant para estudar a función do xene p53 na regulación do apetito, do peso corporal e os niveis de glicosa en sangue. Xa en 2012 xunto a outros investigadores demostraron por vez primeira que a perda do receptor opioide delta (presente en todos os animais e un dos responsables da sensación de dor) provoca efectos beneficiosos no metabolismo como engordar menos. En datas máis recentes, en 2014, o seu equipo de investigación descubriu o mecanismo polo que un fármaco antidiabético diminúe tamén o peso corporal ao activar a graxa parda.

O recoñecemento do labor investigador de Rubén Nogueiras en 2015 por parte da Fundación Europea para o Estudo da Diabetes ao outorgarlle o premio Rising Star engádese aos doutras sociedades científicas como a Europea de Obesidade (Premio Europeo ao Mozo Investigador en Obesidade 2009), a Sociedade Europea de Endocrinoloxía (Premio ‘Journal of Molecular Endocrinology 2011) ou a Sociedade Española de Bioquímica e Bioloxía Molecular, entre outras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da USC acha unha nova diana terapéutica contra a principal causa de transplante de fígado

O descubrimento, publicado na revista 'Cell Reports Medicine', resulta esencial para abordar a fibrose hepática, unha patoloxía para a que non existe tratamento

Pontevedra ensaia fármacos prometededores contra doenzas hepáticas: esta é a innovadora tecnoloxía que hai detrás

Pacientes con hepatite B e fígado graxo proban tratamentos baseados no ARN de interferencia, unha das terapias máis esperanzadoras

A lactación materna protexe fronte á obesidade tamén na idade adulta

Investigadoras galegas vencellan o efecto protector á proteína hepática FGF21 e o seu percorrido cara ao hipotálamo

Estes son os riscos metabólicos que orixina un ciclo menstrual irregular

A investigadora Ana Crujeiras explica a relación demostrada entre as hormonas sexuais e patoloxías como a diabetes tipo 2 ou o fígado graxo non alcólico