Venres 29 Marzo 2024

'Dentro de cada cancro hai varios cancros que tratar'

Hai non moitos anos pensábase que todas as células dun cancro eran xeneticamente idénticas. Os últimos avances tecnolóxicos demostraron que isto non é así. Agora sábese que dentro dun mesmo cancro existen distintas familias de células que comparten algunhas mutacións, pero que á súa vez tamén presentan outras mutacións específicas. “En definitiva, dentro dun cancro existen varios cancros que tratar”, resume Lorenzo Melchor, un dos relatores do seminario sobre xenómica do cancro organizado polo Instituto de Investigación Biomédica (IBI) no marco do proxecto Biocaps e coordinado polo catedrático David Posada, investigador da área de Novas Ferramentas de Diagnóstico e Terapia de Biocaps. Os científicos procedentes de centros españois e británicos reunidos en Vigo coinciden en que as tecnoloxías de secuenciación xenómica son as ferramentas idóneas para desentrañar esa complexa rede de células e mutacións que é diferente en cada tipo de cancro e en cada paciente. A súa futura aplicación no diagnóstico e o tratamento permitirá a abordaxe personalizada que requiren as doenzas orixinadas por tumores.

Lorenzo Melchor, do Institute of Cancer Research.
Lorenzo Melchor, do Institute of Cancer Research.

Isto será posible porque as tecnoloxías de secuenciación permiten estudar en detalle o xenoma das células cancerosas. Dado que o cancro é en realidade un conxunto de enfermidades xenómicas, poder ver en cada paciente que cambios son responsables da enfermidade é clave. Nunha acertada analoxía, Javier Ferreiro, coordinador do nodo de análise de datos xenómicos do UCL Cancer Institute (Londres), afirma que “se loitar contra o cancro fose unha partida de naipes, secuenciar o xenoma de cada cancro sería como botarlle unha ollada ás cartas que ten o adversario”. Entender as causas de cada cancro e como puido zafarse dos mecanismos de control que existen nas nosas células é agora o gran reto da comunidade biomédica. No caso de Ferreiro, el e o seu equipo están centrados na leucemia e utilizan as técnicas de secuenciación xenómica para observar as células tumorais e, sobre todo, cales son as resistentes aos tratamentos existentes.

‘Ter os datos xenómicos é como ver as cartas do teu adversario: o cancro’

Eses mecanismos de resistencia aos antitumorais son un dos grandes cabalos de batalla dos científicos. Sábeo ben Ignacio Varela, do Instituto de Biomedicina e Biotecnoloxía de Cantabria, que estuda a heteroxeneidade intratumoral, termo que define a presenza de diversas poboacións celulares xeneticamente distintas dentro dun mesmo tumor. Observaron que estas poboacións se relacionan entre elas formando un ecosistema en constante evolución, onde as poboacións máis eficientes sobreviven e dominan o territorio, mentres que as menos eficientes quedan relegadas a rexións concretas do tumor. “Con todo, viuse que estas últimas probablemente sexan as responsables da xeración da metástase ou as máis resistentes aos tratamentos. En caso de ser así, estas poboacións minoritarias, máis difíciles de atopar e de estudar, son as máis perigosas para a vida do paciente”, explica Varela.

O catedrático da UVigo David Posada.
O catedrático da UVigo David Posada.

En opinión deste investigador, a aplicación das tecnoloxías de secuenciación do xenoma á abordaxe do cancro na práctica clínica será determinante para deseñar a estratexia terapéutica que presenta máis posibilidades de éxito para cada paciente en particular e mellorar moi significativamente a súa resposta aos tratamentos. “Por unha banda, permiten estudar todo o ADN do paciente e descubrir así rexións ou alteracións novas que poden ter transcendencia en cada caso concreto. Por outra, ofrecen moita maior sensibilidade, coa posibilidade de detectar respostas diferentes ao tratamento en diferentes zonas do tumor”, destaca.
Desde o Institute of Cancer Research, Lorenzo Melchor ensaia un enfoque innovador sobre a investigación do cancro aplicando a Teoría da Selección de Charles Darwin para resolver preguntas sobre a orixe, o desenvolvemento e a evolución desta enfermidade. En concreto, el e o seu equipo están centrados no mieloma ou cancro de medula ósea, que se caracteriza polo crecemento incontrolado e a disfunción das células plasmáticas, as nosas fábricas de anticorpos. Neste momento trátase dun cancro incurable, cunha resposta positiva de moitos pacientes ao tratamento nunha etapa inicial, pero cun posterior cadro de resistencia que fai incontrolable a súa evolución.
“Nos últimos catro anos demostramos que o mieloma múltiple dun paciente ten polo menos entre catro e cinco familias de células tumorais e vimos que responden de forma diferente ao tratamento”, expón. A identificación e estudo das que son resistentes ao efecto dos fármacos e que, por tanto, conducen á recaída do paciente é agora o obxectivo prioritario. “Queda moito por dilucidar”, apunta.

Publicidade

‘En dous anos teremos todas as mutacións de máis de 2.000 xenomas do cancro’

José Manuel Tubío, da Universidade de Cambridge, explicou o papel da iniciativa PanCancer, un esforzo internacional no que participan centos de científicos de decenas de países e que está promovido polos dous consorcios máis importantes do mundo dedicados á xenómica do cancro: o Consorcio Internacional do Cancro (ICGC) e o Atlas do Xenoma do Cancro (TCGA). “Trátase dun dos desafíos máis interesantes na investigación sobre esta enfermidade no mundo. En menos de dous anos pretendemos identificar todas as mutacións xenéticas presentes en máis de 2.000 xenomas do cancro”, explica.
“A miña contribución a esta iniciativa é a análise das variantes estruturais do cancro, é dicir, o estudo daquelas mutacións que afectan a grandes segmentos dos cromosomas”, especifica. O éxito desta gran aposta bautizada co nome de PanCancer radica na colaboración entre investigadores expertos en diferentes áreas de coñecemento (biólogos, matemáticos, físicos, etc.) e na posta en común dos datos xerados, o que permitirá contar cunha gran base de coñecemento integrado sobre múltiples tipoloxías de cancro e, en consecuencia, un avance máis rápido e eficiente dos traballos de investigación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T

Un equipo con participación galega desenvolve un novo tipo de axente contra o cancro

O composto actúa de maneira potente e selectiva sobre a respiración mitocondrial das células nai do tumor, diminuíndo o seu potencial canceríxeno