Xoves 28 Marzo 2024

‘O cancro é unha célula que quere vivir máis… é parte da vida!’

A vocación do catedrático de Xenética David Posada pola Bioloxía só se viu ameazada cando estudaba COU. Un profesor de filosofía “espectacular” provocou no xenetista da Universidade de Vigo un dilema existencial que o levou a matricularse da carreira de Filosofía na UNED, mentres cursaba Bioloxía. “Era moito tute e tíveno que deixar e iso que nunca fun o típico biólogo de animaliños, pero me atraía e logo cando descubrín a evolución e a xenética, tíveno clarísimo”, asegura,quen esta tarde recollerá a distinción de Biólogo do Ano que outorga o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia. Sobre este galardón, do que valora especialmente que proveña dos seus colegas de profesión, afirma que se trata dun recoñecemento ao seu labor, para deseguido afirmar que “hai moitos biólogos en Galicia que merecen o premio tanto ou máis ca min”. Xunto a David Posada co gallo do Día do Biólogo, o Colexio Oficial tamén outorgará esta tarde, nun acto que se celebrará no Pazo de Adrán en Teo, o galardón de Empresa do Ano a Hifas da Terra, S.L ,creada en 1999 polo bióloga Catalina Fernández de Ana e que centra a súa actividade na micoloxía.

O director do Laboratorio de Filoxenómica da Universidade de Vigo foi o primeiro investigador galego en acadar una bolsa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación, ERC, e en 2014 unha axuda Consolidator Grant, tamén do ERC, dotada con dous millóns de euros para financiar o seu proxecto sobre a evolución somática das células canceríxenas. “Levamos un ano e medio de cinco dun proxecto moi complicado no que traballamos con simulación de datos e non hai resultados máis aló de pequenos éxitos técnicos, que en si mesmos non teñen valor para o público en xeral. Só ao final se verá se temos capacidade de identificar procesos de evolución do cancro, que é unha célula que quere vivir máis que outras, medrar máis, alimentarse máis … é parte da vida, o prezo da vida”, explica Posada sobre o seu proxecto, co que pretende achegar respostas, non sobre a curación do cancro, senón sobre a bioloxía da enfermidade.

Publicidade

‘Hai moitos biólogos en Galicia que merecen o premio tanto ou máis ca min’

Neste punto o investigador vigués incide na importancia da heteroxenidade introtumoral que racha coa idea tradicional de que un tumor é un todo. “Un tumor é unha amalgama de cores, onde hai diferentes mutacións xenéticas, azul, verde .. e cando fas unha biopsia e colles un anaco moi pequeno, por exemplo, azul e das un medicamento azul, matas esas células, pero quedan as verdes e despois de tres anos volve aparecer o tumor. Como ligamos isto coa terapia? Imos intentalo, pero será ao final do proxecto ou noutro posterior para ver como eses marcadores da evolución poden axudar á prognose e a deseñar terapias más racionais”, explica Posada.

O artigo en Nature

Centrado na reconstrución de árbores filoxenéticos, as estruturas que explican que especies están máis relacionadas, ás mans de Posada chegou hai anos un artigo de Nature, que foi o detonante da proposta que trasladou ao ERC na procura de fondos. “O que quería vender era a evolución somática, o que se produce dentro do corpo, vendino desde ese punto de vista: sabemos moito da evolución xerminal, a que se pasa de xeracións, pero moi pouco sobre a somática, que hai moito máis do que se pensaba”, detalla o investigador, que lembra que cando estudaba a carreira lle dicían que o xenoma de todas as células é idéntico, “mentira, e o cancro é un exemplo perfecto”, afirma. Pero máis aló de cuestións puramente científicas, Posada recoñece que tralo seu interese polo traballo que está a desenvolver tamén hai razóns persoais e familiares “e como pai son moito máis sensible sobre o sufrimento das persoas, sobre todo dos cativos e quero que o que fago axude”, explica.

Advirte o xenetista vigués da “competencia tremenda” con consorcios moi grandes que están a traballar no mesmo campo que o grupo que dirixe, “pero entón o meu plan maquiavélico é rodearme de xente boa”, como é o caso do experto en xenómica do cancro José Manuel Castro Tubío, fichado pola Universidade para abrir unha nova liña de estudo en cancros transmisibles. “Tubío será independente, líder do seu propio grupo, pero a unión fai a forza e a miña idea é atraer para ser máis competitivos”, sinala Posada.

Aquí podes ler a Tribuna de David Posada
polo aniversario de GCiencia

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T

Un equipo con participación galega desenvolve un novo tipo de axente contra o cancro

O composto actúa de maneira potente e selectiva sobre a respiración mitocondrial das células nai do tumor, diminuíndo o seu potencial canceríxeno