Venres 29 Marzo 2024

Consumir peixe no embarazo é beneficioso para a futura saúde dos nenos

O consumo de peixe durante o embarazo, por riba do límite recomendado, presenta beneficios no desenvolvemento neuropsicolóxico dos nenos. Así o indica un estudo liderado por expertos españois e publicado en American Journal of Epidemiology. O traballo amosa que un consumo por riba do límite recomendado de 340g á semana, presenta beneficios no desenvolvemento neuropsicolóxico dos nenos. Esta investigación foi liderada polo Centro de Investigación en Epidemiología Ambiental (CREAL), centro aliado ISGlobal.

Segundo informa a axencia SINC, os investigadores obtiveron esta conclusión tras analizar os datos dunha cohorte de nacemento de case 1.600 mulleres españolas e dos seus fillos e avaliar o consumo de varios tipos de peixe clasificados en azul grande (como o bonito e o atún), azul pequeno (como a rincha, as sardiñas ou o salmón), branco (como a pescada ou o linguado), marisco e o conxunto de todos eles.

Publicidade

Os beneficios abranguen tamén ao peixe azul grande como bonito e atún

“Vimos que o maior beneficio para o desenvolvemento cognitivo dos nenos se deu co consumo de peixe azul grande, seguido do peixe branco e do azul pequeno”, expón Jordi Júlvez, investigador de CREAL e coordinador do estudo. Realizáronse probas cognitivas aos nenos aos 14 meses e aos 5 anos e de trazos de síndrome de Asperger aos 5 anos, para avaliar o seu desenvolvemento neuropsicolóxico. En media, as mulleres consumiran aproximadamente 500 g, ou tres porcións de peixe á semana durante o embarazo.

Pero con cada 10 g adicionais por semana por riba desa cantidade, os resultados das probas dos nenos melloraron ata aproximadamente alcanzar un consumo de 600 g de peixe, que é o punto no que se produce unha saturación dos beneficios do consumo de peixe. “Tomar tres ou catro racións semanais de peixe (uns 600 g) achega os mesmos beneficios que tomar unha cantidade maior”, comenta o investigador.

Os científicos atoparon relación entre consumo de peixe e desenvolvemento do cerebro

“O vínculo entre un maior consumo materno e mellor desenvolvemento do cerebro nos nenos era especialmente evidente cando os nenos tiñan 5 anos. Tamén observamos que os fillos de nais que comeron máis pescado presentaron menos síntomas na escala do espectro autista. Por outra banda, as guías americanas aconsellan ás embarazadas non tomar peixe azul grande, como o atún vermello, xa que acumula máis metais pesados, como o mercurio, e contaminantes lipofílicos, como os compostos organoclorados”, explica Júlvez. “Con todo, non constatamos efectos negativos por un elevado consumo de peixe, incluídos os peixes grandes. Pensamos que o efecto positivo do peixe chega a neutralizar o negativo do mercurio”, engade o investigador do ISGlobal de Barcelona.

Por outra banda, no estudo tamén se observa que o momento de inxesta de peixe durante o embarazo pode influír no desenvolvemento neurolóxico do neno. “O consumo durante o primeiro trimestre pode ter un impacto maior que nas últimas semanas. Isto podería deberse ó efecto positivo do peixe no desenvolvemento neurocognitivo dos fillos. Os ácidos graxos omega 3 do peixe tamén forman parte dos tecidos e son esenciais na síntese das membranas das células”, conclúe Júlvez.

Referencia bibliográfica: Jordi Julvez, Michelle Méndez, Silvia Fernandez-Barres, Dora Romaguera, Jesus Vioque, Sabrina Llop, Jesus Ibarluzea, Monica Guxens, Claudia Avella-Garcia, Adonina Tardón, Isolina Riaño, Ainara Andiarena, Oliver Robinson, Victoria Arija, Mikel Esnaola, Ferran Ballester, and Jordi Sunyer. Maternal Consumption of Seafood in Pregnancy and Child Neuropsychological Development: A Longitudinal Study Based on a Population With High Consumption Levels. Am J Epidemiol. 2016 Jan 5. pii: kwv195.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Interveñen con éxito un tumor nunha bebé que aínda estaba en período de xestación

Un equipo do Hospital La Fe de Valencia salva a vida da pequena, de 28 semanas, e da súa nai, nunha intervención pioneira en España

Investigadoras galegas constatan que as mulleres autistas camuflan máis os seus síntomas

O enmascaramento provoca retrasos no diagnóstico e problemas de saúde mental derivados da presión social

Confirmado: a actividade física no embarazo beneficia a nai e o bebé

Investigadores españois probaron que o exercicio reduce nun 21% o risco de cesárea e ata un 20% o de incontinencia urinaria

Unha nova metodoloxía de alta resolución cuantifica os micro e nanoplásticos na auga

A técnica identifica partículas plásticas extremadamente pequenas e os aditivos químicos que se liberan dentro das botellas