O peixe cebra sometido a obesidade fixo posible a investigación.

O peixe cebra sometido a obesidade fixo posible a investigación.

Científicos galegos demostran que un fígado graxo debilita o sistema inmune

O equipo de Antonio Figueras, do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, atopa claves da resposta a infeccións ou de futuros cancros

Un equipo de investigadores do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e do Hospital Universitario Fundación de Alcorcón estudou como a obesidade afecta ás principais rutas metabólicas do fígado e á resposta inmune, entre outros factores. Os resultados, publicados na revista Journal of Endocrinology, amosan que un fígado graxo non responde ante un estímulo inflamatorio agudo, como unha infección bacteriana, do mesmo modo que un fígado san. Esta resposta, apuntan os autores do estudo, que foi realizado en peixes cebra, podería ser unha das claves do proceso que fai que a enfermidade do fígado graxo non alcohólico se converta en cancro hepático.

“A obesidade é a principal causa da enfermidade do fígado graxo non alcóholico, un trastorno xeralmente benigno baseado na infiltración de graxa no fígado, pero con capacidade de desenvolver cirrose e evolucionar progresivamente facía a esteatohepatitis non alcohólica e o hepatocarcinoma. Trátase da principal causa de doenza hepática crónica no mundo occidental. Non obstante, aínda que se sospeita que hai factores xenéticos e outras variables, como a inflamación, que é unha peza clave na progresión desta enfermidade, os procesos e xenes afectados no seu desenvolvemento aínda están por clarexarse”, explica o profesor de investigación do CSIC Antonio Figueras, do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo.

O estudo explica como un fígado graxo pode xerar riscos para a sáude

Para estudar as afeccións que provoca o fígado graxo, os investigadores modificaron a dieta de peixes cebra (Danio rerio). O grupo de peixes sobrealimentados desenvolveu obesidade, mostrou signos de inflamación de fígado progresiva e experimentou unha regulación xénica similar á observada en humanos con estas doenzas.

“O coñecemento dos procesos diferenciais que se levan a cabo no fígado graxo respecto a un fígado san é dunha grande importancia para entender como un proceso presuntamente benigno pode complicarse ata producir un risco importante para a saúde de quen o padece. Deste xeito, podería mellorarse o tratamento desta enfermidade, baseado ata agora na diminución de factores de risco como o sobrepeso mediante axudas hipocaloríficas e exercicio físico”, conclúe Figueras.

O artigo de referencia: Gabriel Forn-Cuní, Monica Varela, CM Fernández-Rodríguez, A Figueras and B Novoa. Liver immune responses to inflammatory stimuli in a diet-obesity model of zebrafish. Journal of Endocrinology. DOI: 10.1530/JOE-14-0398.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.