Venres 19 Abril 2024

Científicos de Santiago atopan novas claves do virus que mata 200.000 nenos por ano

O Virus Respiratorio Sincitial (VRS) é a causa máis importante de enfermidade das vías baixas respiratorios en nenos e nenas, aínda que non afecta unicamente a este grupo de idade. Estímase que 30 millóns de menores de 5 anos sofren cada ano esta infección e que aproximadamente 200.000 falecen como consecuencia deste virus, o que a converta na segunda causa máis importante de morte na infancia.

Case toda a poboación infantil ten sido portadora do virus aínda que “soamente unha porcentaxe dos portadores desenvolve unha enfermidade seria e a maioría dos doentes precisa hospitalización polas complicacións da infección”, aclaran o profesor da Facultade de Medicina da USC e líder do grupo GenPoB do Instituto de Investigacións Sanitarias, Antonio Salas Ellacuriaga, e o xefe do Servizo de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago e líder do grupo GenVip do mesmo instituto, Federico Martinón Torres.

Publicidade

Partindo da hipótese de que non todos os individuos teñen a mesma predisposición xenética a desenvolver a enfermidade, nun artigo publicado na revista Nature Scientific Reports, os investigadores estudan o comportamento deste virus cunha importante novidade: é a primeira vez que se aborda a análise deste enfermidade analizando o xenoma enteiro de pacientes, usando novidosas técnicas de secuenciación do xenoma humano.

Os investigadores identificaron novos xenes relacionados coa infección polo virus

Ata agora, explica Antonio Salas, “usábanse moito máis as tecnoloxías de xenotipado, aquelas que se centraban no screening de localización concreta do xenoma”. Fronte este enfoque os investigadores optaron por analizar “a información contida nas secuencias do xenoma. Se ben é un estudo computacionalmente máis complexo, ten a vantaxe de que é unha tecnoloxía que permite ler absolutamente toda a diversidade existente no ADN dos pacientes, evitando deste modo sesgos na interpretación da variabilidade xenética existente”.

Completando a análise, ademais dos pacientes analizados utilizouse unha ampla batería de xenomas de poboacións de control. En conxunto, este enfoque “permitiu identificar xenes que están relacionados co proceso de infección e coa severidade da enfermidade”, engade Salas Ellacuriaga. Como xenes candidatos, aclara o investigador da Facultade de Medicina, destacan aqueles relacionados coas mucinas e os receptores do olfacto e do gusto. Como el mesmo explica “detectar xenes relacionados coas vías naturais de entrada do virus, como son os receptores do olfacto e do gusto, foi unha sorpresa agradable, pero para nada intuitiva. As mucinas son igualmente importantes xa que estes xenes segregan polisacáridos altamente resistentes á proteólise e constitúen un compoñente importantísimo no proceso de inflamación e dos sistema inmune innato”.

Os novos achados permiten, pensar en “novos tratamentos e abordaxes para estas patoloxías” afirma Federico Martinón. A modo de exemplo, “estes xenes poderían ser boas dianas terapéuticas para o desenvolvemento de fármacos específicos. Isto é particularmente importante nestas enfermidades víricas para as que non existen aínda tratamentos específicos” conclúe o xefe do Servizo de Pediatría do CHUS. Neste senso, Salas tamén considera que “os novos xenes apuntan a novas rutas biolóxicas que haberá que seguir investigando con fins terapéuticos”.

Outros proxectos conxuntos
Martinón e Salas traballan en varios macro proxectos europeos relacionados co VRS (PoCID Project, RESCEU Project) buscando biomarcardores da enfermidade, establecendo novas técnicas diagnósticas ou ensaiando tratamentos e vacinas, a través do Servizo de Pediatría e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago.

Actualmente, os dous grupos de investigación traballan conxuntamente en proxectos relacionados con este e outros patóxenos, así como no terreo das vacinas, convencidos de que as infeccións, xa sexa a través das superbacterias e virus son unha das principais preocupacións en todos os organismos de saúde pública. Neste senso, lembran que a OMS xa ten expresado en numerosas ocasións sobre este tema, ámbito no que existen informes que afirman que no ano 2050 as enfermidades debidas a estas infeccións matarán a máis de dez millóns de persoas cada año, é dicir, máis que o cancro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sanidade intensifica a vixilancia da tosferina, con 241 casos no que vai de ano

A maior concentración de diagnósticos actuais dáse en idades escolares, sobre todo na franxa de 10-14 anos

O Sergas inicia un programa piloto de cribado de cancro de pulmón

A proba vai dirixida a persoas de alto risco de entre 55 e 74 anos que sexan grandes fumadoras ou deixaran o hábito hai menos de 10 anos

Un estudo constata o potencial da dieta atlántica para reducir o risco de síndrome metabólica

A investigación foi realizada polo IDIS e publicada na revista científica 'JAMA Network'

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias