De esquerda a dereita Noelia Martínez, Ismael González, Miguel López e Cristina Contreras.

De esquerda a dereita Noelia Martínez, Ismael González, Miguel López e Cristina Contreras.

Científicos de Santiago atopan o ‘interruptor’ da obesidade

O equipo do profesor Miguel López logra con manipulación xenética en ratos que adelgacen sen ter que comer menos

Primeiro, demostraron que as hormonas tiroideas modulan o metabolismo das graxas no hipotálamo. Despois relacionaron o consumo de nicotina coa perda de masa corporal, a través da proteína AMPK. Meses despois, que unha proteína –denominada BMP8B­– xoga un papel fundamental na termoxénese, forma en que a graxa parda queima os lípidos. Logo estudaron a relación entre diabete tipo 2 e obesidade e descubriron o mecanismos mediante o cal os estróxenos –concretamente, o estradiol- regulan o peso corporal. Este longo percorrido na comprensión da obesidade alcanza agora un novo chanzo co descubrimento dun novo mecanismo molecular que afecta ao aumento de peso e á aparición de diabete, da man do equipo NeurObesidad da Universidade de Santiago dirixido polo investigador Starting Grant e profesor da USC Miguel López.

O mecanismo queima a ‘graxa boa’ para producir calor e impide a obesidade

O achado ten como protagonistas ás ceramidas, unha familia de lípidos que forma parte das membranas celulares e que tamén están implicadas en procesos de señalización celular. O equipo de Miguel López demostrou que estes lípidos poden afectar certas áreas do hipotálamo interferindo os mecanismos que regulan a actividade do tecido adiposo pardo, a graxa parda ou “graxa boa”, aquela que non almacena lípidos (ao contrario que a graxa branca), senón que os “queima” para obter enerxía, que á súa vez se disipa en forma de calor (proceso de termoxénese). A acción das ceramidas, segundo observaron os investigadores da USC, diminúe esta capacidade para queimar graxa o que tamén conleva a diminución do gasto calórico, incremento da masa corporal e dificulta a queima de calorías e a produción de calor corporal.

Manipulación xenética

Como explica Miguel López,  o efecto das ceramidas sobre o hipotálamo provoca que o tecido adiposo pardo se “desconecte, queimando menos graxas e promovendo o aumento de peso e aparición de diabete” sen que se teña producido, por contra, un aumento da inxesta de alimentos. Fronte esta situación, o mesmo equipo reverteu o mecanismo por medio da manipulación xenética dunha proteína implicada no proceso.

O resultado: as ratas tratadas conseguiron adelgazar sen ter que comer menos, “unicamente queimando máis graxa no tecido adiposo pardo, ademais de conseguir corrixir a súa diabete”. En opinión de Miguel López, o coñecemento da mecánica destes procesos moleculares permitirá identificar novas dianas terapéuticas para o tratamento da obesidade e a síndrome metabólica, que actualmente están alcanzando proporcións pandémicas nas sociedades occidentalizadas”.

A investigación da USC ven de ser publicada nun artigo na revista Cell Reports

Os datos rexistrados explican, en opinión dos investigadores, o interese que o tecido adiposo pardo esperta como posible diana terapéutica no tratamento da obesidade. Non obstante, “os mecanismos moleculares que regulan o seu funcionamento no cerebro non son de todo coñecidos polo que é determinante comprendelos”, engade Miguel López. En calquera caso, os mecanismos descritos polos investigadores da USC comparten similitudes cos mecanismos de acción doutras hormonas, como as tiroideas, os estróxenos e o BMP8B, descritos tamén polo grupo compostelán, e incluso a nicotina e o liraglutide (un agonista do GLP1, actualmente utilizado na clínica).

Esta investigación está financiada polo programa Starting Grant do European Research Council. Precisamente a hipótese central do proxecto polo que lle foi concedido a Miguel López o programa Starting Grant sinalaba que as ceramidas poderían promover estres de retículo endoplásmico e alterar a masa corporal e o tecido adiposo pardo. A investigación agora presentada demostra esta hipótese. O proxecto tamén conta co financiamento da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do Instituto de Salud Carlos III .

A revista Cell Reports publicou na súa edición de outubro o artigo Central Ceramide-Induced Hypothalamic Lipotoxicity and ER Stress Regulate Energy Balance (http://www.cell.com/cell-reports/fulltext/S2211-1247(14)00733-5), do que son primeiros autores a doutora Cristina Contreras e o estudante de doutoramento Ismael González. Xunto a eles asinan este traballo investigadores das universidades de Iowa,  Barcelona e Internacional de Catalunya, estes dous últimos xunto cos da USC integrantes tamén do Centro de Investigación Biomédica en Red-Fisiopatología de la Obesidad e Nutrición (CIBERobn).

Unha resposta a “Científicos de Santiago atopan o ‘interruptor’ da obesidade”

  1. Ana Castro Muñoz

    estoy a su disposición si quieren realizar ensayos en humanos. Vivo en Vigo y tengo

    Un IMC de 31 y colesterol, reflujos y diabetes.

    Un saludo Ana Castro Muñoz

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.