Xoves 28 Marzo 2024

Científicos de Biocaps patentan unha técnica de diagnose do cancro de boca

O tumor maligno de cavidade oral é a sexta causa de morte relacionada co cancro a nivel mundial. Unha diagnose rápida e certeira é clave para maximizar as probabilidades de éxito do tratamento e, por tanto, a esperanza e a calidade de vida dos pacientes. Investigadores do Instituto de Investigación Biomédica (IBI) adscritos ao proxecto Biocaps patentaron unha nova técnica máis rápida e fiable e menos invasiva para detectar carcinomas na mucosa oral. A patente foi licenciada á empresa Irida Ibérica, que está a desenvolver un prototipo portátil e que financiará a investigación dos científicos do IBI para establecer os parámetros exactos de malignidade a través de ensaios in vivo, é dicir, sobre tecidos analizados en pacientes.

A técnica de diagnose será útil tamén para os cancros de útero e pel

A colaboración científico-clínica, un dos principais obxectivos de Biocaps para garantir resultados de investigación orientados a resolver problemas da práctica médica, foi fundamental neste achado. O Grupo Novos Materiais do IBI e o Servizo de Otorrinolaringoloxía do Hospital Povisa de Vigo traballaron xuntos para desenvolver esta nova técnica, que no futuro poderá adaptarse para a súa aplicación na diagnose doutros cancros tan comúns como o de colo de útero ou o de pel.
“O síntoma máis precoz do cancro de cavidade oral é a aparición de lesións esbrancuxadas ou avermelladas na superficie interna da cavidade orofarínxea, que non desaparecen ou que mesmo progresan co paso do tempo”, explica o doutor Roberto Valdés, do Hospital Povisa. Posteriormente, estas fanse dolorosas de forma espontánea ou durante a masticación ou deglución e máis adiante aparece o sangrado bucal.

Publicidade

A técnica non é invasiva e non obriga a extraer tecido do paciente

Ante a aparición destes signos, o método que se utiliza actualmente para diagnosticar o carcinoma do tecido mucoso epitelial da cavidade orofarínxea (os tecidos húmidos que revisten a boca e a entrada da gorxa) é a observación e a biopsia sobre os tecidos con aspecto anómalo. Trátase, por tanto, dunha técnica invasiva cuxa precisión depende da mostraxe apropiada da lesión e da correcta interpretación dos resultados da análise patolóxica. A alternativa deseñada polos investigadores de Biocaps presenta importantes vantaxes, “xa que se trata dunha técnica non invasiva que permite a análise do tecido no propio paciente, sen incisións nin extracción de tecido”, tal e como destaca o coordinador do Grupo Novos Materiais, Pío González. Ademais, realízase mediante un equipo portátil e de manexo sinxelo, o que facilita o seu uso polos médicos e a obtención de resultados de maneira inmediata na consulta ou o quirófano, sen necesidade de recorrer á análise no laboratorio. Desde o punto de vista clínico, Valdés destaca que “se trata dunha proba non traumática, xa que se fai innecesario realizar biopsias, polo que sería posible realizar múltiples exploracións en pacientes sospeitosos e chegar a unha diagnose precoz desta enfermidade tumoral”. Deste xeito, o novo método reducirá o custo e o tempo de diagnose, un factor vital para a aplicación de tratamento canto antes, pero, ademais, substitúese a interpretación subxectiva dos resultados por unha medición exacta do nivel de malignidade ou normalidade do tecido.
A clave deste novo método está no uso dunha técnica óptica denominada espectroscopía Raman que consiste na irradiación do tecido por unha luz láser que devolve información precisa sobre a superficie irradiada sen causar ningún efecto daniño sobre ela. “Ata o momento demostrouse que a espectroscopía Raman podía diferenciar entre distintos grupos funcionais característicos de cambios nos tecidos vivos, pero non se realizaron estudos concretos sobre este tipo de cancro”, explica Miriam López, investigadora do IBI. “Tampouco se estableceron uns índices de malignidade, como si fixemos nós, polo que este traballo supón un avance claro e específico cara á detección desta enfermidade con alta fiabilidade”, engade.

Prototipo de Irida

Irida Ibérica conta con ter o seu primeiro prototipo a finais deste ano e a continuación financiará as tarefas de investigación que levarán a cabo no IBI para afinar os parámetros de malignidade que se obtiveron a partir de medidas realizadas no laboratorio e que ese estudo permitirá cotexar con mostras de pacientes achegadas por dous hospitais galegos. Unha vez incorporados os criterios exactos de malignidade establecidos nos ensaios in vivo, comezarán a difundir a técnica entre a comunidade médica. “Será fundamental acudir a congresos para presentala e demostrar aos especialistas que se trata dun método máis obxectivo e máis fiable, tendo en conta que permitirá mesmo a diagnose antes de que o tumor sexa visible, xa que identifica as células canceríxenas antes de que estas poidan detectarse a través da observación”, explica Nikos Ekizoglou, director de proxectos da empresa.
A investigación que deu como resultado esta nova técnica diagnóstica realizouse no marco do proxecto europeo Biocaps e financiouse parcialmente con fondos FEDER a través da Xunta de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

Unha nova ferramenta baseada en IA mellorará o diagnóstico de cancro cerebral

Na actualidade, para confirmar a diagnose, é necesario someter ao paciente a procesos neuroquirúrxicos en case tódolos casos

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T