O equipo de Luisa María Seoane, no centro da foto.

O equipo de Luisa María Seoane, no centro da foto.

Científicas de Santiago sinalan unha nova proteína contra a obesidade

A uroguanylina producida no intestino axuda a queimar graxa e reduce peso inxerindo as mesmas calorías

Investigadores do Centro de Investigación Biomédica en Rede-Fisiopatología da Obesidade e a Nutrición (CIBERobn), o Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) demostraron en animais de experimentación o efecto antiobesidade dunha proteína producida no intestino, a uroguanylina.

Nun traballo publicado na revísta Diabetes, descríbese o mecanismo mediante o cal a administración de uroguanylina reduce o peso e a cantidade de graxa en animais obesos sen modificar a cantidade de alimento inxerido. Este traballo forma parte dun proxecto liderado desde Compostela por Luisa María Seoane, directora do grupo de Fisiopatoloxía Endocrina. No estudo tamén participou o profesor da USC Rubén Nogueiras.

A proteína uroguanylina era coñecida por regular o balance de auga no organismo

A uroguanylina é unha proteína producida maioritariamente no intestino que se coñecía ata agora polo seu papel regulando o balance da auga. Nos ratos obesos tratados de forma crónica con uroguanylina reduciuse tanto o peso como a graxa, sen modificar a inxesta calórica.

“Descubrimos que os efectos da uroguanylina se producen a través das súas accións sobre os dous tipos de graxa presentes no corpo: a graxa branca e a graxa parda. Por unha banda, a uroguanylina incrementa a actividade da graxa parda, que queima calorías para manter a temperatura corporal”, explica Seoane.

“Por outro, estimula a diferenciación de graxa branca, que só almacena as calorías, de graxa parda, axudando así a queimar máis calorías”, engade. Este traballo suxire que unha vez que a uroguanylina se produce e se libera no intestino, chega ao cerebro que é o encargado de transmitir os sinais á graxa para que a hormona exerza o seu efecto antiobesidade.

Segundo argumenta Seoane, “na actualidade o único tratamento efectivo contra a obesidade constitúeno a cirurxía bariátrica, o que leva a pensar que as proteínas liberadas polo sistema dixestivo deben ser cruciais na regulación do peso corporal”. “A uroguanylina únese así á lista de factores procedentes do sistema dixestivo que están a ser estudados como posibles tratamentos da obesidade”, conclúe.

Unha resposta a “Científicas de Santiago sinalan unha nova proteína contra a obesidade”

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.