Venres 19 Abril 2024

Un estudo da UVigo revela a principal causa da fibrose

A fibrose, que é o resultado final de procesos inflamatorios crónicos ou intensos, é a causa do 45% das mortes nos países desenvolvidos, ademais dunha importante causa de morbilidade con gran custo económico, o que a converte nun importante problema de saúde pública. Baixo a dirección dos docentes e investigadores África González e Luiz Stark, a bióloga pola Universidade de Vigo Andrea Fernández Carrera desenvolveu a súa tese Mecanismos celulares e moleculares implicados no desenvolvemento da fibrose peritoneal, na que abordou os mecanismo celulares inflamatorios implicados no desenvolvemento da enfermidade, utilizando un método experimental en ratos. “As principais conclusións do traballo son que a inflamación xerada na cavidade peritoneal é a principal causante da fibrose, así como que de entre os mecanismos, os mediados polos linfocitos e os macrófagos parecen ser os máis importantes”, detalla Andrea Fernández, que na súa tese utilizou o modelo de exposición crónica ás solucións de diálise para estudar os mecanismos inflamatorios responsables do desenvolvemento da fibrose.

Os resultados abren a porta a novas terapias máis efectivas contra a fibrose

A investigadora, que lamenta que a pesar das vantaxes da diálise peritoneal sobre a hemodiálise, apenas o 10% das e dos pacientes con terapias sustitutivas a utilicen, sinala que “a instilación dunha solución hiperosmótica na cavidade peritoneal do paciente xera un gradiente osmótico que fai que o exceso de líquido e metabolitos saian do sangue cara á cavidade peritoneal. Un dos efectos secundarios desta terapia é o desenvolvemento de fibrose na membrana peritoneal, que consiste nun engrosamento da membrana por acumulación de matriz extracelular e fallo de ultrafiltración, que provoca que se teña que parar a terapia”, explica a bióloga, que sinala que iso ocasiona que as e os pacientes teñan que pasar a hemodiálise, coas limitacións que isto conleva a transplante.

Publicidade

Nova teoría sobre a fibrose

Portada da revista 'Laboratory investigation' que recolleu a investigación de Andrea González sobre a fibrose.
Portada da revista ‘Laboratory investigation’ que recolleu a investigación de Andrea González sobre a fibrose.

A investigadora destaca a importancia dos resultados acadados na súa investigación, por dous motivos, dunha banda, porque achegan unha nova teoría para explicar a fibrose peritoneal, “ata de agora críase que o principal mecanismo responsable da fibrose era mediado pola transdiferenciación das células mesoteliales a fibroblastos”, e, doutra, porque esclarecen mecanismos clave no desenvolvemento da fibrose, abrindo a posibilidade dunha intervención específica e efectiva. “Isto é extremadamente importante porque aínda non existe unha terapia aprobada para a fibrose que sexa realmente efectiva e neste contexto, os avances realizados no noso laboratorio permitiron o desenvolvemento dunha nova solución de diálise que reduce o desenvolvemento da fibrose”, explica a bióloga, que avanza que esta terapia pode ser trasladada á práctica clínica, mellorando a calidade de vida do paciente e prolongando a terapia.

Como consecuencia destes resultados, non presentados na tese, estase a preparar coa Universidade de Vigo unha patente que permita proseguir no proceso para a utilización en pacientes.

No proceso de desenvolvemento da tese tamén se deseñou un método non invasivo para medir a permeabilidade da membrana peritoneal en ratos. “Este traballo, que foi publicado en xullo do ano pasado como portada da revista Laboratory Investigation, consiste na utilización dun trazador fluorescente que pode ser detectado no sangue periférico por técnicas de imaxe, o que solucionou unha deficiencia do estudo realizado en pequenos animais”, detalla a investigadora. Andrea Fernández sinala ademais que os resultados suxiren que esta metodoloxía pode ser tamén trasladada á practica clínica mellorando a técnica existente para a cuantificación da permeabilidade peritoneal.

1 comentario

  1. Por si fose do teu interese, quero informarche que hai uns catro anos diagnosticáronme “Fibrose retroperitoneal”. Fun tratado cun corticoide (Prednisona) casi durante un ano. O problema desapareceu ou, cando menos, remitiu. Eu nunca sentín absolutamente nada, pero foi detectada a raíz dunha exploración habitual por parte do urólogo.
    Si precisas máis información/datos ao respecto, estou á túa disposición.
    Saúdos

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

Así espertamos o sistema inmunitario para que aniquile o cancro

O primeiro tratamento de inmunoterapia celular que usa linfocitos infiltrantes do tumor acaba de ser aprobado en Estados Unidos